Guerra suevo-vándala (419-420)
| Guerra suevo-vándala | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Decadencia do Imperio Romano | |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata |
A guerra suevo-vándala dos anos 419 e 420 foi un conflito bélico que enfrontou aos vándalos asentados en Gallaecia contra os seus veciños suevos.[1] O Imperio Romano de Occidente interveu en axuda dos suevos e impediu que os vándalos os vencesen aínda que, parece, que o seu obxectivo principal era acabar co usurpador Máximo de Hispania que se atopaba entre eles.[1] Porén, non puideron evitar que estes fuxisen á Bética e se fixesen co control da provincia.[1]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]No ano 411, alanos, vándalos silingos, vándalos asdingos e suevos acordaron unha repartición das provincias hispanas que invadiran uns anos antes e en virtude do cal, asdingos e suevos tiveron que compartir a máis pequena delas: Gallaecia. Os catro pobos tentaron chegar a un acordo co Imperio que lexitimase, dalgún xeito, a súa ocupación, algo no que só tiveron éxito os asdingos e suevos quen lograron ser recoñecidos como foederati.[2]
Contra o ano 416, o Imperio conseguiu reporse da grave crise que atravesara durante os dez anos anteriores e obrigou aos visigodos a que recuperasen Bética e Lusitania no seu nome como condición para acordar a paz con eles.[2] Os vándalos asdingos, pola súa banda, tamén interviñeron na guerra como aliados de Roma e reconquistaron para ela Cartaxinense.[2]
Tras as súas derrotas, os sobreviventes silingos e alanos fuxiron cara ao norte e uníronse aos asdingos cuxo rei adoptou o título de Rex Vandalorum et Alanorum e que, con estas incorporacións, viron aumentar considerablemente a súa poboación e poder militar.[2]
Estalido e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]
O comezo da guerra foi consecuencia de dous elementos: por unha banda, o mencionado aumento de poboación e poder dos asdingos que fixo pequeno o territorio onde se asentaban; por outro, a presenza entre eles do usurpador Máximo de Hispania quen gobernara como emperador alternativo en Tarraconensis entre 409 e 412 e que, tras o seu deposición, atopou refuxio entre os invasores asentados en Gallecia.[3] Nalgún momento, durante a segunda metade do ano 419, Máximo volveu proclamarse emperador.[4] Contaba co respaldo dos vándalos quen repetían a estratexia que seguiran os visigodos con Prisco Átao consistente en elevar a un emperador monicreque que dese unha aparencia de lexitimidade ás súas actuacións.
A tensión cos seus veciños suevos levou a que se enfrontasen, ese mesmo ano 419, na batalla dos montes Nervasos (de incerta localización aínda que parece que situados entre León e Oviedo) onde os vándalos inclinaron a balanza ao seu favor e conseguiron rodear aos suevos.[5] Para entón, as novas das hostilidades e da usurpación de Máximo xa chegaran ás autoridades imperiais quen organizaron un exército e o enviaron á zona ao mando do comes Hispaniarum Asterio.[4] O obxectivo principal do Imperio era acabar con Máximo aínda que parece que, tamén, buscaba manter un equilibrio de poder entre os dous pobos bárbaros ou acabar con eles aproveitando o seu enfrontamento.[6] O exército Imperial chegou iniciado o ano 420 e enfrontouse aos vándalos con éxito de tal maneira que estes tiveron que levantar o cerco e abandonar a Máximo á súa sorte.[1] Dirixíronse, entón, a Bracara Augusta (Braga) aínda que Asterio non os perseguiu e confiou que outro exército romano que chegaba dende Lusitania ao mando de Maurocelo se encargase deles.[1] No seu canto, retornou aos seus cuarteis e conduciu ao usurpador a Roma onde este foi executado.
Os vándalos, pola súa banda, atopáronse coas tropas de Maurocelo preto da citada Bracara Augusta e tras ser derrotados durante as primeiras liortas, optaron por fuxir cara á Bética sen que o exército Imperial fixese nada para evitalo.[7]
Final da guerra e consecuencias
[editar | editar a fonte]Unha vez que os vándalos se estabeleceron na Bética, os suevos mantiveron o seu status de aliados do Imperio e puideron controlar, sen oposición, toda a provincia de Gallaecia que até entón tiveran que compartir cos vándalos. Os romanos, pola súa banda, consideraron un éxito a súa intervención xa que puideran abortar, no seu inicio, a nova usurpación de Máximo. De feito, Asterio foi recoñecido por iso co título de Patricio tras o seu regreso a Rávena.
Porén, o conflito revelouse axiña, realmente, como un desastre para o Imperio xa que quedaron desfeitos, en gran parte, os logros obtidos por Walia para el apenas dous anos antes.[8] No canto de ter dous pobos bárbaros pacificados e asentados na pequena provincia de Gallaecia, atopáronse cuns suevos máis poderosos e cos vándalos instalados, de novo, na rica provincia de Bética.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 Kulikowski 1997, pp. 116-117.
- 1 2 3 4 Bachrach 1973, p. 56.
- ↑ Kulikowski 1997, p. 118.
- 1 2 Kulikowski 2000, p. 126.
- ↑ Kulikowski 1997, p. 116.
- ↑ Kulikowski 2000, p. 127.
- ↑ Kulikowski 1997, p. 117.
- 1 2 Kulikowski 1997, pp. 118-119.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bachrach, Bernard S. (1973). A History of the Alans in the West [Historia de los alanos en Occidente] (en inglés). University of Minnesota Press. ISBN 9780816656998.
- Kulikowski, Michael (1997). The End of Roman Spain [El final de la Hispania romana] (en inglés). University of Toronto.
- Kulikowski, Michael (2000). "The career of the Comes Hispaniarum Asterius" [La carrera del comes Hispaniarum Asterio]. Phoenix (en inglés) (Classical Association of Canada) 54: 123–141. ISSN 0031-8299. Consultado o 28 de xuño de 2020.