Saltar ao contido

Guerra da Fosforita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerra da Fosforita
TipoMovemento ecoloxista e environmental campaign (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Data
Fundacióndécada de 1980 Editar o valor en Wikidata
Localización
PaísEstonia Editar o valor en Wikidata
Wikidata ]

A guerra da Fosforita (en estoniano: Fosforiidisõda) é o nome dado a unha campaña medioambiental de finais da década de 1980 na daquela República Socialista Soviética de Estonia, contra a apertura de grandes minas de fosforita na rexión de Virumaa. O movemento, que alcanzou o seu punto álxido en 1987, tivo éxito na consecución dos seus obxectivos inmediatos, pero tamén en alentar e fortalecer o movemento nacionalista que levou á restauración da independencia de Estonia en 1991.[1][2] En Estonia considérase como un catalizador que levou á desestabilización e disolución do goberno soviético en Estonia.[3]

A campaña centrouse en dous grandes temas. A degradación ambiental a grande escala que provocarían as novas minas foi o tema máis común no debate público. A outra cuestión, máis encuberta, era o temor de que a necesidade de forza de traballo das novas minas iniciase unha onda migratoria, que levaría a Estonia a decenas de miles de traballadores doutras partes da Unión Soviética. En opinión dos estonianos, isto tería empeorado moito o xa fráxil equilibrio demográfico[2] (a proporción de estonianos en Estonia baixou de preto do 97% inmediatamente despois da segunda guerra mundial ao 61,5% en 1989).[4]

Antecedentes e primeiros desenvolvementos

[editar | editar a fonte]
Depósitos de fosforita no norte de Estonia.

Os depósitos de fosforita (arenisca de Obolus no límite do Cámbrico superior/Ordovícico inferior) atópanse en varios lugares do norte de Estonia.[5] O depósito de Rakvere, situado na súa maioría no condado de Lääne-Viru, é o meirande depósito de fosforita de Europa.[5] A minaría de fosforita en Estonia comezou en 1924 preto de Maardu. En 1940 abriuse unha nova mina máis grande, que xunto cunha fábrica de fertilizantes de fósforo de baixa calidade funcionou ata finais de 1991, causando varios problemas ambientais na zona.[5] No presente non se extrae fosforita en Estonia xa que non se considera economicamente viable.

O goberno central da Unión Soviética en Moscova interesouse en explotar os xacementos de fosforita no condado de Lääne-Viru a comezos dos anos 70.[6] As primeiras propostas suxerían a explotación do depósito de Toolse (ao norte de Rakvere), mais a comezos dos anos 80, os plans para a mina Toolse foron abandonados e, en troques, a explotación do depósito de Rakvere foi vista como máis favorable. Os plans non se fixeron públicos, pero entre os científicos e ecoloxistas estonianos implicados na toma de decisións houbo unha considerable oposición ao plan. En particular, había persoas na Academia de Ciencias de Estonia, como Endel Lippmaa, que eran conscientes do plan e se opoñían a el.[3]

Principais acontecementos

[editar | editar a fonte]

O problema das minas de fosforita fíxose coñecido polo público xeral o 25 de febreiro de 1987, data que adoita usarse para marcar o inicio da guerra da Fosforita.[3] Neste día, os plans de Moscova para expandir a minaría de fosforita no norte de Estonia foron revelados en Eesti Televisioon.[2] Aínda que o Partido Comunista de Estonia mantivo publicamente a posición de que a decisión sobre a minaría tiña que ser tomada polos estonianos, parecía que o goberno central xa finalizara os plans.[3]

Producíronse numerosas protestas e asináronse peticións contra as novas minas.[1] A cuestión chegou ao seu punto crítico na primavera de 1987 nun debate público sen precedentes.[7] En abril, os estudantes da Universidade de Tartu mantiveron unha reunión no salón principal da universidade e condenaron por unanimidade as accións da dirección da RSS de Estonia.[1] Nas tradicionais manifestacións do primeiro de maio, os estudantes levaban consignas contra a minaría de fosforita e levaban camisetas amarelas co texto "Fosforita, non grazas", que se fixeron moi populares.[1]

O 8 de maio publicouse unha caricatura de Priit Pärn no xornal Sirp ja Vasar titulada Só merda (en estoniano: Sitta kah!). A caricatura mostraba un labrego que paleaba no seu campo un anaco de esterco con forma de Estonia. A viñeta foi moi discutida e probablemente sexa a caricatura máis famosa xamais publicada en Estonia.[8][9] Tras estes e outros acontecementos e ante a oposición xeral ás minas, o 18 de setembro de 1987 as autoridades soviéticas tiveron que dar marcha atrás nos seus plans.[6] O final da guerra da fosforita é difícil de definir, mais o movemento calmouse principalmente durante 1988.[10]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

No que respecta ao movemento de independencia de Estonia, as consecuencias non desexadas da campaña foron de importancia semellante ao resultado inmediato.[3] A guerra da fosforita activou as masas estonianas,[7] deu fe á xente no poder da acción colectiva[3] e foi un factor importante na desaparición do medo ao réxime.[2] En xeral, actuou como un catalizador que levou á desestabilización do goberno soviético en Estonia.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Subrenat, Jean-Jacques, ed. (2004). Estonia: identity and independence. New York: Rodopi. ISBN 90-420-0890-3. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Vogt, Henri (2005). Between Utopia and disillusionment : a narrative of the political transformation in Eastern Europe. New York; Oxford: Berghahn Books. p. 333. ISBN 1-57181-895-2. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Miljan, Toivo (2004). Historical dictionary of Estonia. Oxford: Scarecrow Press. p. 558. ISBN 9780810865716. 
  4. Eesti rahvastik rahvaloenduste andmetel (Population of Estonia by population censuses) (en estoniano) 2. Eesti Statistikaamet (Statistical Office of Estonia). 1996. ISBN 9985-826-44-2. Consultado o 2009-10-22. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Raukas, Anto; Teedumäe, Aada, eds. (1997). Geology and Mineral Resources of Estonia. Tallinn: Estonian Academy Publishers. p. 436. ISBN 9985-50-185-3. Arquivado dende o orixinal o 2007-12-11. 
  6. 6,0 6,1 Laurisaar, Riho (2007-05-26). "Fosforiidisõda päästis Kirde-Eesti looduse pöördumatust hävingust". Eesti Päevaleht (en estoniano). Arquivado dende o orixinal o 2008-04-26. Consultado o 2009-10-22. 
  7. 7,0 7,1 Raun, Toivo U. (2001). Estonia and the Estonians. Stanford: Hoover Institution Press, Stanford University. ISBN 0-8179-2852-9. 
  8. Kolk, Tiina (2007-04-27). "Priit Pärn - Botaanik kunstimaailmas". Äripäev (en estoniano). 
  9. Lõhmus, Maarja (2004). "An effect of meaning-breaker: Analysis of the cartoon 'Just shit'". Semiotica 150 (1): 257–282. Arquivado dende o orixinal o 2012-02-19. Consultado o 2009-10-22. 
  10. Raudsep, Rein (1997). "Kümme aastat fosforiidisõjast". Eesti Loodus (en estoniano) (7). Arquivado dende o orixinal o 2012-02-24. Consultado o 2009-10-22.