Guerra colonial portuguesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Guerra colonial portuguesa
Parte de Descolonización de África
Guerra Colonial Portuguesa.jpg
Data 1961-1974
Lugar Angola, Guinea Portuguesa e Mozambique
Resultado Revolución dos Caraveis: fin do réxime do Estado Novo e posterior independencia de Angola, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique e San Tomé e Príncipe
Cambios territoriais os territorios portugueses de ultramar en África independizáronse
Belixerantes
Portugal Portugal

A guerra colonial portuguesa, tamén coñecida en Portugal como a guerra do ultramar ou nas antigas colonias como a guerra de liberación, foi loitada entre o exército portugués e os e os movementos nacionalistas emerxentes nas colonias africanas de Portugal entre 1961 e 1974. O réxime portugués foi derrocado por un golpe militar en 1974 e o cambio no goberno levou ao conflito ao seu fin. A guerra foi unha loita ideolóxica decisiva na África lusófona, nas nacións circundantes e no Portugal continental.

O enfoque histórico preexistente portugués e internacional considera a guerra colonial portuguesa como se percibía naquel momento: un único conflito loitado en tres teatros de operacións separados: Angola, Guinea Bissau e Mozambique (ás veces incluíndo a anexión india de Goa de 1961).

A diferenza doutras nacións europeas durante os anos 50 e 60, o réxime portugués do Estado Novo non se retirou das súas colonias africanas, ou das provincias de ultramar (províncias ultramarinas), xa que eses territorios chamábanse oficialmente así dende 1951. Durante os anos 60 varios movementos independentistas armados fixéronse activos: o Movemento Popular de Liberación de Angola, a Fronte Nacional para a Liberación de Angola, a Unión Nacional para a Independencia Total de Angola, o Partido Africano para a Independencia de Guinea e Cabo Verde e a Fronte de Liberación de Mozambique. Durante o conflito resultante, foron cometidas atrocidades por todas as forzas involucradas.

Ao longo do período, Portugal enfrontouse a unha disidencia crecente, embargos de armas e outras sancións punitivas impostas pola comunidade internacional. En 1973, a guerra fixérase cada vez máis impopular debido á súa duración e custo financeiro, ao empeoramento das relacións diplomáticas con outros membros das Nacións Unidas, e ao papel que sempre desempeñou como un factor de perpetuación do estado de Estado Novo e do status quo non democrático.

O final da guerra chegou coa Revolución dos Caraveis de abril de 1974. A retirada deu como resultado o éxodo de centos de miles de cidadáns portugueses[1] e de persoal militar de etnia europea, africana e mixta dos antigos territorios portugueses e novas nacións africanas independentes.[2][3] Esta migración é considerada como unha das maiores migracións pacíficas da historia do mundo.

As antigas colonias enfrontáronse a graves problemas tras a súa independencia. Guerras civís devastadoras e violentas seguiron en Angola e Mozambique, que duraron varias décadas, cobráronse millóns de vidas e deron por resultado un gran número de refuxiados desprazados. A recesión económica e social, o autoritarismo, a falta de democracia e outros dereitos civís e políticos elementais, a corrupción, a pobreza, a desigualdade e a planificación central fracasada erosionaron o celo revolucionario inicial.[4][5] Un nivel de orde social e desenvolvemento económico comparable ao que existía baixo o dominio portugués, incluído durante o período da guerra colonial, converteuse no obxectivo dos territorios independentes.

Os antigos territorios portugueses convertéronse en estados soberanos, con Agostinho Neto en Angola, Samora Machel en Mozambique, Luís Cabral en Guiné-Bissau, Manuel Pinto da Costa en San Tomé e Príncipe, e Aristides Pereira en Cabo Verde como cabezas de estado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Portugal - Migration". Nations Encyclopedia. Consultado o 12 de novembro de 2018. 
  2. "Flight from Angola". The Economist. Consultado o 12 de novembro de 2018. 
  3. "Mozambique: Dismantling the Portuguese Empire". Time. Consultado o 12 de novembro de 2018. 
  4. "Praying for Marxism in Africa". FrontPageMag. Consultado o 12 de novembro de 2018. 
  5. "As guerrilla war ends, corruption now bleeds Angola to death". The Telegraph. Consultado o 12 de novembro de 2018.