Anarquía de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Matilde de Inglaterra.

A Anarquía de Inglaterra é o nome co que se coñece ao período histórico que se desenvolveu neste país, durante o reinado do rei Estevo de Blois (1135-1154), que se caracterizou pola inestabilidade do seu reinado e a guerra civil.

O período estivo marcado pola crise na sucesión na coroa de Inglaterra, trala morte do rei Henrique I no ano 1135, na que se disputaron o trono Estevo e a súa curmá a emperatriz Matilde. Aínda que Estevo foi coroado rei, o estado de guerra permanente entre os seguidores de ambos bandos impediu o goberno efectivo do país durante case todo o reinado de Estevo. A situación de crise non se resolveu ata 1153, un ano antes da morte de Estevo, cando polo Tratado de Wallingford, nomeouse herdeiro da coroa ao fillo de Matilde, Henrique, futuro rei Henrique II, que significou o establecemento da dinastía Plantagenet na coroa de Inglaterra.

Orixe[editar | editar a fonte]

Estevo era o sobriño favorito do rei Henrique I de Inglaterra (1100-1135), cuxo único fillo lexítimo Guillermo, herdeiro do trono, morrera afogado no afundimento do "White Ship", en Barfleur, preto de Normandía, con tan só 17 anos de idade en 1120. Henrique nomeou entón á súa filla Matilde como a súa sucesora no trono e obrigou aos nobres, incluído Estevo, a que lle prestasen xuramento de fidelidade, en varias ocasións, xa que ningunha muller gobernara Inglaterra ata ese momento por dereito propio. Ademais, Matilde casou con Godofredo V de Anjou, que non gozaba de boa reputación en Inglaterra, pola súa procedencia da Casa de Anjou.

Conflito entre Estevo e Matilde[editar | editar a fonte]

Por estas razóns, os nobres e o propio Estevo non tiñan ningunha confianza en Matilde. Isto ocasionou que, á morte de Henrique I en 1135, Estevo entrase rapidamente en Londres e, ao recibir o apoio popular, se proclamase como rei. Desde aí foi a Winchester, onde se apropiou do tesouro real, co apoio do seu irmán Henrique, bispo de Winchester. Tamén o apoiaron o bispo Roger de Salisbury e o arcebispo William Corbeil. Como os nobres tamén preferían a Estevo antes que a Matilde, ratificaron a usurpación facendo caso omiso da súa promesa a Henrique I. Incluso o medio irmán de Matilde, Robert de Gloucester, apoiou inicialmente a causa de Estevo, aínda que nunca o fixo con verdadeira devoción. O arcebispo de Canterbury, William de Corbeil, e o papa Inocencio II tamén apoiaran a Estevo. [1]

Pero pese a que Estevo tiña prácticamente todos os apoios e parecía que o seu reinado estaba garantido, o conde Robert de Gloucester cambiou de bando aos poucos meses e aliouse coa súa medio irmán a emperatriz Matilde. Ademais, Estevo tomou unha serie de decisións pouco acertadas, que provocaron resentimentos nalgúns dos seus valedores iniciais. O seu propio irmán Enrique, o bispo de Winchester, volveuse no seu contra debido ao arresto de varios bispos, o que se interpretou como un ataque directo á Igrexa. En 1139, Matilde entrou en Inglaterra e fíxose forte no castelo de Arundel. Estevo permitiulle viaxar a Bristol para entrevistarse con Robert de Gloucester, pensando que así tería aos seus inimigos controlados no mesmo lugar. Outro importante conde, Ranulf de Chester, acudira a Lincoln e capturou o castelo. Entón Estevo, movido pola vontade dos cidadáns de Lincoln, decidiu atacar o castelo. Ranulf sacou provecho da situación. Escapou, e coa axuda da súa sogro, Robert de Gloucester, reclutó un exército de cabaleiros, dando lugar a un enfrontamento aberto. Nesta batalla, o 2 de febreiro de 1141, Estevo foi derrotado e feito prisioneiro en Bristol, de modo que Matilde puido gobernar temporalmente desde Londres.[2][3] Con todo, a súa gran arrogancia fíxolle gañarse inimigos pronto, e viuse obrigada a abandonar a capital e trasladarse a Oxford. En setembro de 1141, Robert de Gloucester caeu en mans da esposa de Estevo, Matilda de Boulogne e o seu capitán mercenario, Guillermo de Ypres. A emperatriz decidiu cambiar a Robert por Estevo, de modo que este último recuperou o trono. Estevo controlaba nese momento case todo o país e deixou sitiada a Matilde no castelo de Oxford. A súa fuxida nocturna a Wallingford baixo a neve converteuse en lenda.[4]

Esta situación de inseguridade e axitación prolongouse durante todo o reinado de Estevo, ata cando Matilde volveu a Anjou trala morte de Robert en 1147. Estevo era un home demasiado brando e con pouca autoridade, a quen non lle gustaba ter que tomar decisións, polo que os condes e a nobreza fixéronse demasiado fortes e enfrontábanse continuamente entre eles, dando lugar a unha gran inestabilidade. Por iso, este periodo da historia de Inglaterra coñécese como "a anarquía".[5]

O rei Estevo non gozaba de boa saúde por aquel entón, e sufriu unha forte depresión cando o seu fillo, Eustaquio, morreu repentinamente en 1153. Estevo quería que o seu fillo fose coroado antes de que el morrese, pero o Papa rexeitara esta idea. Ata establecera un interdicto mentres durasen as disputas. O fillo de Matilde, o que sería máis tarde Henrique II de Inglaterra, converteuse nun bo estratega, cun forte carácter. chegara a Inglaterra coa intención de conquistala. Entón Estevo, cansado de loitar, decidiu asinar o Tratado de Winchester (tamén coñecido como Tratado de Wallingford) en 1153, recoñecendo a Henrique como o seu sucesor no trono. Os rumores que circularan durante anos de que Estevo era o pai biolóxico de Henrique reforzáronse con este nomeamento, xa que Estevo tiña outro fillo, Guillermo de Blois, e con todo cedería a coroa a Henrique cando falecese. Pero non hai evidencias que confirmen esta teoría.

Estevo finou un ano despois, en 1154, e Henrique asumiu o trono como Henrique II, poñendo fin a dúas décadas de anarquía real.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barlow, Frank (1999). The Feudal Kingdom of England, 1042–1216 (5th ed.). Harlow, UK: Pearson Education. ISBN 0-582-38117-7.
  2. Coulson, Charles (194). "The Castles of the Anarchy". In King, Edmund. The Anarchy of King Stephen's Reign. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-820364-0.
  3. Bradbury, Jim (2009). Stephen and Matilda: the Civil War of 1139–53. Stroud, UK: The History Press. ISBN 978-0-7509-3793-1.
  4. Bradbury, Jim (2009). Stephen and Matilda: the Civil War of 1139–53. Stroud, UK: The History Press. ISBN 978-0-7509-3793-1.
  5. Amt, Emilie (1993). The Accession of Henry II in England: Royal Government Restored, 1149–1159. Woodbridge, UK: Boydell Press. ISBN 978-0-85115-348-3.
  6. Amt, Emilie (1993). The Accession of Henry II in England: Royal Government Restored, 1149–1159. Woodbridge, UK: Boydell Press. ISBN 978-0-85115-348-3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]