Gueraula Codines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gueraula Codines
Nacemento1275
 Subirats
Falecemento1340
NacionalidadeCoroa de Aragón
Ocupacióncurandeiro e cunning folk
editar datos en Wikidata ]

Gueraula Codines ou Gueraula de Codines, nada en 1275 en Subirats (Barcelona) e finada no mesmo lugar en 1340, foi unha curandeira catalá, tamén coñecida como Garalda.[1] A través da observación de ouriños, trataba enfermidades como o mal de gotornons (dor de gorxa que afecta máis os nenos).[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A importancia de Gueraula de Codines radica en que para as súas conxéneres era unha excelente curandeira a quen lle recoñecían autoridade médica, pero as autoridades da época viron nela un perigo e acusárona de sortílega e envelenadora. Era unha sospeita bastante grave, posto que consideraban un acto de superstición facer sortilexios ou conxurar, pronunciar fórmulas de cura na curación, porque vían a aplicación dunha forza misteriosa pola vinculación de certos ritos ou fórmulas verbais que poderían provocar unha cura fóra da normalidade, ou sexa que podía haber un efecto máxico. Pero ela estaba disposta a comparecer ante o bispo de Barcelona para explicar as súas prácticas.[2]

A súa primeira aparición foi do 19 de decembro do 1304, embarazada do seu fillo, ante o bispo de Sant Cugat del Vallès, Pons de Gualba. Foi presentada como reincidente, porque xa fora penada con anterioridade. Na súa declaración relata que curaba varias enfermidades, tanto de persoas como de animais, como a enfermidade de llegodisses ou gotornons, tamén o mal de vives e de terçó e a gota. Para iso recitaba as oracións cristiás do Pater, a Ave, o Credo, facía o sinal da cruz e dicía unhas fórmulas verbais como a que usaba para curar a gota, que dicía así:

   Conjur-te, gota,
   conjur-te, tota,
   conjur-te per Déu
   e per madona sancta Maria
   per los sens e per les sentes que auia:
   que así no pusques aturar
   ni esses caschar
   ni popa machar
   ni dia passar
   ni punt donar ni raïl metre.
   Per la cort celestial,
   que aquesta persona no aia mal.

Para o tratamento de animais só recitaba o Nosopai e o Avemaría. Descríbese que tamén facía un rito composto de dous elementos, a cousa e o xesto, que consistía en facer, encima da cola do animal enfermo, unha cruz con palla de cebada e un xesto cos dedos pequeno e índice. Nesta primeira comparecencia, citada como sospeitosa, á pregunta do bispo de se sabía sobre medicina declarou que a súa actividade médica nacía da observación dos ouriños para diagnosticar a enfermidade e tamén relatou que os enfermos acudían a ela en gran número. A partir da observación dos ouriños, da súa aparencia, podía ver se era unha simple febre e entón o remedio era xaxún e abstinencia; se era máis grave, recomendaba ao enfermo que fose a un médico.[2]

O bispo puxo como pena o xuramento de non practicar ningún outro esconxuro ou adiviñación, nin recomendar medicación algunha; e tamén o de permanecer algúns domingos (ademais de Nadal, Fin de ano e a Epifanía) dereita e sen capa xunto ao cura durante a misa maior, ter que proclamar en toda a vila que ela non sabía nada de medicina e que ningunha persoa tiña que acudir a ela baixo ameaza de excomuñón; peregrinar a Montserrat unha vez nacese o seu fillo; e non pronunciar o Nosopai nin a Avemaría durante un ano. Se reincidía, pasaría á categoría de convicta de crime.

En xullo de 1307 Gueraula presentouse ante o bispo de forma espontánea e por vontade propia, mostrando a súa forza e determinación ao dicir a verdade e manifestar a súa capacidade como curandeira. Reiterou o que xa declarara con anterioridade e relatou con máis detalle a súa práctica dicindo que tamén diagnosticaba polo po, daba consellos aos enfermos e que curaba a tise. Explicou que aprendera a curar da observación médica, trinta anos antes, cando tiña uns quince anos, do médico mouro En Bofim en Vilafranca del Penedès, por tanto ela aprendera dun médico. O bispo entón quixo consultar a dous médicos de Barcelona sobre as actividades curandeiras de Codines, e estes deron unha valoración positiva. O bispo consentiu finalmente que Gueraula continuase coa súa práctica médica cunha licenza parcial onde só podía observar, diagnosticar e dar consello aos enfermos sen esconxuros nin medicamentos.[2]

A autoridade eclesiástica tivo indicios en 1328 de que Gueraula continuaba cos esconxuros e sortilexios. Esta vez a lei foi máis dura e a pena foi a prisión por reincidente. Pero pasou a liberdade condicional baixo fianza -proporcionada polo seu fillo- de cincocentos soldos. Dous anos máis tarde pasou o caso ao inquisidor, pero só se pode supor que fixo un procedemento, posto que non hai máis información sobre as prácticas de curación de Gueraula de Codines, cal foi a pena, como tampouco se sabe nada máis da súa vida desde que contaba ao redor de setenta anos.[2]

Gueraula foi unha muller decidida e resolta na defensa da súa práctica de curación, unha práctica de vida e de relación cos enfermos.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gueraula de Codines. Diccionari Biogràfic de Dons Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.. Web da Associació Institut Joan Lluís Vives. Consultado o 8 de febreiro 2017
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Dones sàvies: na Gueraula Codines, guaridora sospitosa de sortílega i endevina. Institut Català de les Dones. Barcelona 2013. Consultado o 22 de agosto de 201