Grupo Compostela de Universidades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grupo Compostela de Universidades
Fundación 1993
Membros 67
Países 27
Presidente Maurits van Rooijen
Sede Santiago de Compostela
Acrónimo GCU
Homepage GCompostela.org

O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa a máis de sesenta universidades de todo o mundo. O seu obxectivo é a promoción e a execución de proxectos de colaboración interuniversitaria.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 1993, Ano Xacobeo, a Universidade de Santiago de Compostela iniciou contactos con outras institucións de educación superior localizadas no secular Camiño de Santiago. O seu principal obxectivo era establecer unha rede que facilitase a colaboración entre universidades para preservar a herdanza histórica e cultural xurdida ao redor da peregrinación a Compostela.

Tras estes primeiros contactos, 57 universidades europeas acudiron a unha reunión en Santiago entre o 2 e o 4 de setembro de 1993 para establecer as principais liñas de creación e determinar os seus obxectivos. Establecéronse tres puntos básicos:

  • Fortalecer as canles de comunicación entre as universidades socias.
  • Organizar eventos para o estudo e a discusión de diferentes cuestións relacionadas con Europa.
  • Promover a mobilidade como a base para incrementar o coñecemento das diferentes linguas e culturas europeas.

Unha comisión formada por representantes das universidades de Valladolid, Liexa, Nantes, Göttingen, Minho, Jaume I e Santiago de Compostela elaborou as Normas Estatutarias e a Normativa do Grupo Compostela de Universidades. Estes documentos foron aprobados na Asemblea Constituínte que tivo lugar na Universidade de Santiago os días 2 e 3 de setembro de 1994.

Nun principio, o Grupo constituíuse exclusivamente con universidades europeas. Dende a Asemblea Xeral de Roehampton (Reino Unido), celebrada en setembro do 2007, as institucións de educación superior doutras partes do mundo (Norte de África, América Latina, Oceanía...) son admitidas como membros de pleno dereito.

Dende a súa creación, o Grupo Compostela ten organizado talleres de aprendizaxe, promovido conferencias de dimensión internacional, deseñado proxectos de mobilidade intercontinental (como o STELLA, unha orixinal proposta dirixida ao persoal administrativo das universidades )e mesmo creado unha serie de grupos de traballo en áreas de interese social (estudos de xénero, lingüísticos, relacionados coa conservación da herdanza cultural do Camiño de Santiago, europeos etc.).

Unha das principais funcións do Grupo é a de catalizar os procesos de comunicación entre as universidades socias. Para isto, entre outras actuacións, ten unha relevancia especial a celebración da Asemblea Xeral do Grupo, que acostuma ter lugar no mes de setembro. Neste evento anual, ademais de revisarse os aspectos administrativos da rede, as institucións educativas reunidas teñen ocasión de poñer en común as súas experiencias, debater e presentar propostas para iniciativas conxuntas.

O Grupo Compostela participou e participa en multitude de proxectos internacionais concedidos pola Comisión Europea. Foi coordinador de tres TEMPUS MEDA (IGBRIU, GASRIU, MUQ), participou como socio en dous Lifelong Learning Programmes (GRUNDTVIG-PAVE e Action Key 1-CHINESECOM), nun Socrates Thematic Network con Eslovenia e en dous ERASMUS MUNDUS (External Cooperation Window e Master Stipends: Glitema). Actualmente, está participando como socio no programa TEMPUS CORINTHIAM con Israel.

Ademais, a mediados do 2010, o Grupo Compostela reuniu un grupo de expertos para traballar na creación, desenvolvemento e implantación, xunto co Centro EMUNI (Portoroz, Eslovenia), dun máster executivo en Xestión de educación superior, finanzas e mellora da calidade.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia[editar | editar a fonte]

En 1996 o Grupo Compostela de Universidades e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do goberno galego firmaron un acordo para o establecemento do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, unha recompensa anual para persoas ou institucións destacadas debido ao seu traballo a prol da difusión de proxectos ou ideas de alcance internacional, especialmente aquelas relacionadas coa promoción do ideal común europeo, a educación e a preservación da nosa herdanza cultural.

O xurado do Premio Compostela está presidido polo titular do Goberno galego e formado por tres personalidades escollidas pola institución; habitualmente, o conselleiro de Cultura e Turismo, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario xeral para Universidades. Por parte do Grupo Compostela, compoñen o xurado o presidente da institución e os reitores de tres universidades do Grupo que son elixidos na Asemblea Xeral previa á reunión do xurado.

Membros[editar | editar a fonte]

Países Universidades asociadas
Alemaña Alemaña International School of Management
Universidade de Ratisbona
Universidade Philipps de Marburgo
Bélxica Bélxica Erasmushogeschool Brussel
Bulgaria Bulgaria Universidade de Tecnoloxía Química e Metalurxia
Brasil UNESP-Universidade Estadual Paulista 'Julio de Mesquita Filho'
Chile Universidade Mayor
España España Universidade da Coruña
Universidade de Alacant
Universidade de Almería
Universidade de Cádiz
Universidade de Cantabria
Universidade de Castela-A Mancha
Universidade de Estremadura
Universidade de Xaén
Universidade Xaime I
Universidade das Palmas de Gran Canaria
Universidade de León
Universidade de Lleida
Universidade de Málaga
Universidade de Oviedo
Universidade do País Vasco
Universidade Politécnica de Cartaxena
Universidade Politécnica de Madrid
Universidade Pontificia de Comillas
Universidade Pública de Navarra
Universidade Rovira i Virgili
Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Valladolid
Universidade de Vigo
Universidade de Xirona
Universidade de Zaragoza
Estados Unidos de América Estados Unidos Universidade de Arizona
Universidade Northeastern
Universidade de Massachusetts Lowell
Finlandia Finlandia Universidade de Oulu
Francia Universidade Bordeos I
Universidade de Nantes
Hungría Hungría Universidade de Pécs
Italia Italia Universidade de Foggia
Universidade de Kore di Enna
International Telematic University UNINETTUNO
Universidade de Perugia
Kosovo Kosovo Universidade de Prishtina
Lituania Lituania International School of Law and Business
Malta Malta Universidade de Malta
México Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrey
Universidade de Guadalajara
Universidade de Monterrey
Noruega Noruega Universidade de Bergen
Perú Pontificia Universidade Católica del Perú
Universidade de Lima
Polonia Polonia Universidade Adam Mickiewicz de Poznan
Universidade de Łódz
Pultusk Academy of Humanities
Portugal Portugal Universidade de Aveiro
Universidade de Lisboa
Universidade do Porto
Universidade de Évora
Universidade do Minho
Universidade Católica Portuguesa
Reino Unido Reino Unido Universidade de Roehampton
República Checa República Checa Universidade Masaryk
Rusia Rusia Universidade Socio-Económica Estatal de Saratov
Eslovenia Eslovenia EMUNI Universidade
Suecia Suecia Universidade de Karlstad
Suíza Suíza Escola de Traballo Social de Lucerna
Universidade de Friburgo
Membros asociados Membresía mutua
CHE Consult-Centre for Higher Education Development Consult CONAHEC- Consortium for North American Higher Education Collaboration
Going Global FAUBAI
i-graduate-International Graduate Insight Group (United Kingdom)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]