Saltar ao contido

Greguería

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento a Ramón Gómez de la Serna, autor das greguerías, en Madrid

As greguerías son enunciados breves semellantes a aforismos que xeralmente constan dunha soa oración expresada en dúas ou máis liñas. Expresan de forma aguda e orixinal pensamentos filosóficos, humorísticos, pragmáticos, líricos, ou de calquera outra índole. Considérase un xénero creado por Ramón Gómez de la Serna, quen as definiu con esta sinxela fórmula:

Presentounas como unha sentenza enxeñosa e en xeral breve que xorde dun choque casual entre o pensamento e a realidade.[1]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

O propio Gómez de la Serna, no seu prólogo a Total de greguerías (1955), citaba como antecedentes ou antecesores da greguería autores como Luciano de Samosata, Horacio, William Shakespeare, Lope de Vega, Quevedo, Jules Renard, Saint-Pol-Roux ou George Santayana, entre outros.[1] A imaxe en que se basea a greguería pode xurdir de forma espontánea. Porén, a súa formulación lingüística é moi elaborada, pois debe recoller de maneira sintética, enxeñosa e humorística a idea que quere transmitir. Esa faísca ou efecto sorpresa pode obterse con diversos recursos, por exemplo.[2]

  1. A asociación visual de dúas imaxes: «La luna es el ojo de buey del barco de la noche».
  2. A inversión dunha relación lóxica: «El polvo está lleno de viejos y olvidados estornudos».
  3. A asociación libre de conceptos ligados: «El par de huevos que nos tomamos parece que son gemelos, y no son ni primos terceros».
  4. A asociación libre de conceptos contrapostos: «Lo más importante de la vida es no haber muerto».

Gómez de la Serna dedicou boa parte da súa vida á difusión da greguería como xénero literario, que cultivaba de forma asidua en seccións fixas dos xornais. Publicou sucesivas edicións, entre as máis importantes: Greguerías (1917), Flor de greguerías (1933) e Total de greguerías (1955). Por outra banda, o seu discípulo Álvaro de Albornoz Salas cultivou tamén o xénero en Revoleras e Nuevas revoleras.

  1. 1 2 Gómez de la Serna, Ramón (1955). Total de greguerías (en castelán) (1ª ed.). Madrid: Aguilar.
  2. José de la Colina (30 de novembro de 2003). "Ramón, o el juego con el mundo". Letras Libres (en castelán).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]