Gran Cordilleira Divisoria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 36°27′S 148°16′L / -36.450, -148.267

The great dividing range.jpg

A Gran Cordilleira Divisoria (en inglés: Great Dividing Range) é a cadea de montañas máis importante de Australia. Esténdese por máis de 3500 km, dende o extremo nordés de Queensland, ao longo de toda a costa oriental atravesando Nova Gales do Sur, e o estado de Victoria máis ao sur, ata o extremo sur do continente, onde torce cara ao oeste e finaliza na inmensa planicie central nos montes Grampianos, en Victoria.

O punto máis elevado na Australia continental é o Monte Kosciuszko (2228 m), e todas as outras zonas alpinas do país australiano forman parte desta cordilleira. As zonas máis altas, na zona sur de Nova Gales do Sur e o leste de Victoria, son chamadas os Alpes australianos.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A Gran Cordilleira Divisoria formouse durnante o carbonífero, hai uns 300 millóns de anos, cando Australia colisionou co que agora son partes de Suramérica e Nova Zelandia.[2]

Nas montañas habitaban pobos aborixes australianos tales como os kulin e tiveron un papel significativo na exploración de Australia polos colonizadores europeos. Un dos primeiros exploradores en cruzar a cordilleira foi Gregory Blaxland, seguido por exploradores australianos como Allan Cunningham, John Oxley, Hamilton Hume e Charles Sturt.

Cara a fins da década de 1820 as pradarías máis fértiles próximas ás montañas xa foran exploradas e creáranse algúns asentamentos de colonos. Estes incluían as rexións de Gippsland e Riverina no sur, ata as planicies de Liverpool e os Darling Downs no norte.

Características[editar | editar a fonte]

Todas as zonas alpinas da parte continental de Australia, incluíndo a súa montaña máis elevada, o monte Kosciuszko (2228 metros), forman parte desta cordilleira.[3] As zonas máis elevadas no sur de Nova Gales do Sur e leste de Victoria chámanse Alpes australianos.

O núcleo central da Gran Cordilleira Divisoria posúe centos de picos e atópase rodeado por moitas outras montañas menores, canóns, vales e planicies. Algunhas das principais planicies e mesetas son High Plains do sueste australiano, as Terras Altas Centrais e as planicies de Bogong High de Victoria. Outras mesetas que se consideran parte da Gran Cordilleira Divisoria son a meseta Atherton, as mesetas do Norte, a zona vitivinícola de Canberra e as mesetas do Sur.

As montañas Azuis, a serra de Bunya, a cadea Liverpool, a cadea McPherson e a cadea Moonbi son algunhas das serras menores que forman a cordilleira. Mentres que algúns dos picos das terras altas alcanzan alturas apenas por riba de 2000 metros, a idade e a erosión da cordilleira fan que a maioría dos montes non sexan excesivamente empinados, e por iso case todos os picos poden ser ascendidos sen a necesidade de equipo especial de montaña.

Nalgunhas áreas, tales como a serra de Snowy, os Alpes Victorianos, o Scenic Rim e os riscos da zona leste de New England, as terras altas forman unha importante barreira. Noutras áreas as pendentes son suaves e en certas zonas a cadea é apenas perceptible. Algúns dos pasos máis coñecidos a través das montañas son o paso de Cunningham, o paso do Cabalo Morto e o paso da Araña.

Captación de auga[editar | editar a fonte]

Nas zonas baixas realízanse actividades de explotación forestal, o que é motivo de friccións cos conservacionistas. As montañas son tamén a fonte de practicamente toda a subministración de auga da zona leste de Australia, tanto mediante auga de escorredura que se capta en diques, como mediante a gran conca artesiana.

A Gran Cordilleira Divisoria divide as concas de captación de regatos e ríos que flúen directamente cara ao océano Pacífico na costa leste de Australia, dos regatos e ríos da conca do Murray-Darling que flúe cara ao centro do continente.[1][3]

Áreas protexidas[editar | editar a fonte]

Unha gran parte da cordilleira atópase dentro dunha serie de parques nacionais e outras reservas incluídos o parque nacional Alpino, o parque nacional das Montañas Azuis, o parque nacional Heathcote-Greytown e o Parque Mount Worth State.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Shaw, John H., “Collins Australian Encyclopedia”, William Collins Pty Ltd., Sydney, 1984, ISBN 0 00 217315-8
  2. Prost, G.; Prost, B. (2017). The Geology Companion: Essentials for Understanding the Earth. CRC Press. p. 98. ISBN 978-1-4987-5609-9. Consultado o 2 de febreiro de 2020. 
  3. 3,0 3,1 Johnson, David (2009). The Geology of Australia. Cambridge University Press. p. 202. ISBN 0-521-76741-5. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]