Goto Muñiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGoto Muñiz
Biografía
Nacemento900 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Morte964 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (63/64 anos)
Actividade
Ocupaciónraíña consorte Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeSancho I

Goto Muñiz ou Gotona Muñoz, nada contra o ano 900 e finada en 964, foi unha raíña consorte de Galicia, filla de Munio Guterrez, señor de Amaía e o monte Ilicino (actual Pico Sacro) e de Elvira Arias, filla de Arias Pérez, conde de Coímbra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu arredor do ano 900 e antes do ano 927 xa casara con Sancho Ordóñez, rei de toda Galicia. Este matrimonio propiciou a Sancho o apoio de grandes magnates galegos para facerse co reino de Galicia trala morte de Froila II. Estes apoios foron fundamentais para derrotar os fillos de Froila e poder reinar en Galicia e ser coroado en Santiago de Compostela polo bispo Hermenexildo no ano 927. O irmán de Sancho Ordóñez, Afonso IV, sería coroado en León.

Goto asinou varios documentos co seu home sobre doazóns e privilexios a prol da Igrexa de Iria Flavia-Santiago de Compostela e en beneficio da nobreza galega.

Trala morte de Sancho Ordóñez, Goto retirouse á vida monacal. Hai testemuños de que residiu no mosteiro de Castrelo de Miño e no de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Seguiu sendo considerada como raíña ata a súa morte en 964. Consérvase un documento do ano 947 no que o seu cuñado e novo rei Ramiro II lle fai diversas doazóns e recibe tal consideración: Domine Gotho Regina.

Nota: Non debe confundirse a raíña Goto Muñiz (século X) coa condesa Goto Núñez González Salvadores (s. XI), pois a segunda foi a esposa de Gonzalo Núñez de Lara, conde de Amaya (Castela).