Good Vibrations

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
«Good Vibrations»
sinxelo de The Beach Boys
Lanzamento 10 de outubro de 1966
Formato
Gravada
Xénero musical pop progresivo, rock psicodélico, art pop, acid rock, pop psicodélico, avant-pop, R&B
Lingua(s)
Duración 3:35
Discográfica Capitol Records
Produtor(es) Brian Wilson
Escritor(es) Brian Wilson, Mike Love
Miscelanea {{{miscelanea}}}

"Good Vibrations" é unha canción da banda estadounidense de rock The Beach Boys que foi composta por Brian Wilson con letras de Mike Love. Foi editado como sinxelo o 10 de outubro de 1966 e foi inmediatamente un éxito de crítica e de vendas, chegando ao número 1 das listas de varios países, incluídos os Estados Unidos e o Reino Unido. Caracterizada polas súas complexas paisaxes sonoras, estrutura episódica e subversións da fórmula da música pop, foi o sinxelo máis caro xamais gravado. "Good Vibrations" foi posteriormente aclamado amplamente como un dos mellores e máis importantes traballos do rock.[1]

Tamén producido por Wilson, o título deriva da súa fascinación polas vibracións cósmicas, xa que a súa nai lle dicía de neno que os cans ladraban ás veces ás persoas en resposta ás súas "malas vibracións". Wilson usaba o concepto para suxerir percepción extrasensorial, mentres que a letra de Love inspirouse no nacente movemento Flower Power. A canción foi composta tal como foi gravada e de xeito semellante a outras composicións do período Smile de Wilson. Foi publicado como un sinxelo independente, coa cara b "Let's Go Away for Awhile", e que ía ser incluído no álbum non rematado Smile. No seu lugar, o tema apareceu no lanzamento de setembro de 1967 Smiley Smile.

A realización de "Good Vibrations" non tiña precedentes en ningún tipo de gravación. Baseándose no seu enfoque para Pet Sounds, Wilson gravou un excedente de fragmentos musicais breves e intercambiables cos seus compañeiros de banda e unha gran cantidade de músicos de sesión en catro estudios diferentes de Hollywood dende febreiro ata setembro de 1966, un proceso reflectido nos varios cambios dramáticos da canción. Consumíronse máis de 90 horas de cinta nesas sesións, cun custe total de produción estimado en ducias de miles de dólares. O publicista da banda Derek Taylor bautizou ao pouco común traballo como unha "sinfonía de peto". Isto axudou a desenvolver o uso do estudio como un instrumento e anunciou unha corrente de experimentación pop e o inicio do rock psicodélico e progresivo. O tema presentaba unha mestura novidosa de instrumentos, como birimbao e Electro-Theremin (tamén chamado Tannerin), e aínda que este último non é un verdadeiro theremin, o éxito da canción provocou un renovado interese e vendas de theremíns e sintetizadores.

"Good Vibrations" recibiu unha nomeación ao Grammy a mellor interpretación dun grupo vocal en 1966 e foi incluída no Grammy Hall of Fame en 1994.[2] A canción foi votada número 1 na lista de Mojo das "100 mellores gravacións da historia"[2] e número 6 na da Rolling Stone das "500 mellores cancións da historia" (na edición de 2021 atópase no número 53),[3] e foi incluída na lista do Rock and Roll Hall of Fame das "500 cancións que deron forma ao rock and roll". En anos posteriores, a canción foi citada como precursora de "A Day in the Life" (1967) dos Beatles e "Bohemian Rhapsody" (1975) de Queen. Unha versión de 1976 de Todd Rundgren chegou ao número 34 na lista da Billboard Hot 100. The Beach Boys seguiron a "Good Vibrations" con outro sinxelo de seccións, "Heroes and Villains" (1967), pero tivo menos éxito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Moskowitz 2015, p. 44; Harrison 1997, p. 34; Candelaria 2014, p. 130; Brend 2005, p. 18
  2. 2,0 2,1 "Sold on Song - Song Library - Good Vibrations". www.bbc.co.uk. Consultado o 2022-12-13. 
  3. "The 500 Greatest Songs of All Time". Rolling Stone (en inglés). 2021-09-15. Consultado o 2022-12-13.