Saltar ao contido

Glosa (lingua auxiliar)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Glosa
 Instancia de
 Baseado en
 Alfabeto
Propiedades
 Alfabeto
 Tipoloxía lingüística
Datas
 Fundación / creación
1981 Editar o valor en Wikidata
Identificadores
Freebase/m/084gmg Editar o valor en Wikidata
ISO 639-3sen valor Editar o valor en Wikidata
ISO 639-5sen valor Editar o valor en Wikidata
IETFsen valor Editar o valor en Wikidata
Wikidata

Glosa é unha lingua auxiliar internacional baseada na lingua auxiliar Interglossa. Foi desenvolvida por Ronald Clark e Wendy Ashby, aínda que inicialmente contou cunha certa colaboración de Lancelot Hogben, creador de Interglossa. Glosa é unha lingua illante, libre de flexión gramatical, de maneira que cada palabra ten unha forma orixinal invariable. As funcións gramaticais son realizadas por unha serie de palabras especiais, ou ben por unha certa coordinación das palabras (sintaxe).

A lingua auxiliar Glosa está baseada na lingua Interglossa[1] deseñada polo científico Lancelot Hogben durante a Segunda Guerra Mundial. O manual foi publicado en 1943 como "un esbozo dunha lingua auxiliar" (do título orixinal: Interglossa: A draft of an auxiliary).

Ron Clark descubriu o manual de Interglossa cara ao ano 1960.[2] Reuniuse con Hogben coa intención de desenvolver a linguaxe. Colaboraron para facelo máis doado de usar en todas as formas posibles de comunicación. Wendy Ashby uniuse ao proxecto en 1972. Cando Hogben morreu en 1975, a maioría de cambios xa foran discutidos. Hogben e Clark acordaran que a linguaxe debería escribirse de modo fonético (isto é: cada letra representando un só son). Este principio implicaba que os dígrafos PH, TH, CH, agora serían escritos F, T, K (ou ben C).

Finalmente algúns cambios adicionais foron introducidos por Ron Clark e Wendy Ashby, que entón deron á linguaxe o novo nome Glosa (lingua en grego), e así fundaron unha nova lingua auxiliar.[2]

Ata 1979 aproximadamente, Ashby e Clark comprobaron o uso práctico de Glosa con voluntarios. Durante este período, o vocabulario e algúns detalles sobre formación de frases foron desenvolvidos e revisados. Finalmente publicaron un primeiro dicionario de Glosa.

Desde 1987, a organización de caridade GEO (Glosa Education Organisation) ten promovido o ensino de Glosa como segunda lingua en escolas de todo o mundo. A páxina web oficial de GEO foi establecida por Paul O. Bartlett en 1996, e no presente é administrada por Marcel Springer.

Historia incompleta

[editar | editar a fonte]

Na historia que relata a web oficial de Glosa,[2] non hai información sobre cales reformas foron consensuadas con Hogben, e cales non. Afírmase que tras a defunción de Hogben “algúns cambios triviais foron introducidos”, pero non se especifican.

Mentres a Interglossa de Hogben estaba explicitamente baseada na lingua auxiliar Basic English, Glosa tende a funcionar como o inglés normal. Principalmente: mentres Interglossa funciona cun pequeno número de verbos esenciais (ata 20), que Hogben chama “verboides” ou “operadores verbais”, Glosa funciona sen esta clase especial de palabras. Así de novo a cuestión é se este cambio forma parte dos acordos iniciais Clark-Hogben, ou máis ben dos cambios posteriores de Clark e Ashby.

Gramática

[editar | editar a fonte]

Alfabeto e fonoloxía

[editar | editar a fonte]
Letras maiúsculas
A B C D E F G H I J K L M N O P Q R S T U V W X Z SC
Minúsculas
a b c d e f g h i j k l m n o p q r s t u v w x z sc
Fonemas do AFI
a b d e f g [h] i j k l m n o p qw r s t u v w ks z ʃ

Acento e flexión vocal

[editar | editar a fonte]

Como norma xeral, o acento soa sobre a vogal inmediatamente anterior á última consoante. Como en español e outras linguas, xeralmente soa unha especie de inflexión tonal ascendente ante unha coma, punto e coma, ou signo de interrogación. E soa unha especie de inflexión tonal descendente ante un punto.

Tipos de palabras

[editar | editar a fonte]

Glosa contén dous grupos principais de palabras:

Partículas: un número reducido de palabras que realizan funcións básicas referidas a relacións entre conceptos. Trátase basicamente de preposicións e conxuncións, tales como: de (de), e (e), pre (antes, antes de), supra (enriba, enriba de), sub (debaixo, debaixo de), etc.
Nomes: palabras cada unha das cales pode representar unha cousa concreta, e/ou acción, e/ou calidade abstracta. Cada palabra pode ter múltiples significados, segundo como se usen nunha frase (como substantivo, como adxectivo, como verbo, etc.) Por exemplo: "oku" pode significar: ollo, ocular, óptico, ollar, mirar, etc.

En Glosa utilízanse gran número de palabras compostas, para reducir ao mínimo a carga de palabras básicas a memorizar. Algunhas palabras teñen unha versión abreviada para facilitar este proceso.

  • stude (estudar, estudo) + pe[rsona] (persoa) = stude-pe (persoa que estuda, estudante).
  • stude + do[mi] (casa) = stude-do (casa de estudo, escola, biblioteca, etc.)
  • pato (patoloxía, enfermo) + do[mi] = pato-do (casa de enfermos, hospital).

Adxectivos

[editar | editar a fonte]

Xeralmente os adxectivos preceden á palabra que cualifican. Así mesmo sucede cos números cardinais e cos pronomes posesivos.

  • Mi fu lekto u boni bibli. = Eu lerei un bo libro.
  • Mi fu lekto bi bibli. = Eu lerei dous libros.
  • Mi fu lekto mi bibli. = Eu lerei o meu libro.

A principal excepción fórmana os números ordinais:

  • Mi fu lekto bibli bi. = Lerei o libro número dous, o segundo libro.

Partículas gramaticais

[editar | editar a fonte]

O dicionario principal de Glosa ("Glosa Inter-reti Diktionaria"[3]) achega unha lista de partículas esenciais, sobre número, tempos verbais, voz pasiva, interrogación, comparacións, e pronome relativo. Na páxina web de Glosa atópase unha lista similar.[4]

u(n) un, -a; o, a u bibli, un avi un libro, o libro; unha ave, a ave
plu varios, -as; os, as plu avi varias aves; as aves
pa (no pasado) Fe pa dice. Ela falou.
fu (no futuro) Fe fu dice. Ela falará.
du (durante este momento) Fe du dice. Ela está falando.
du pa (durante o pasado) Fe du pa dice. Ela estaba falando.
nu agora Fe nu vora. Ela agora come.
nu pa (hai un momento) Mi nu pa vide fe. Vina hai un momento; Acabo de vela.
nu fu (dentro dun momento) Mi nu fu vide fe. Vereina dentro dun momento; Estou a piques de vela.
pa fu (desde o pasado no futuro) Mi pa fu dice. Eu ía falar.
fu pa (no futuro, acción pasada) Mi fu pa akti id. Eu terei feito iso.
si se (condicional) si fe vide an se ela o ve.
sio (en tal caso) Mi ne sio ki. En tal caso, eu non vou; Eu non iría.
ne non Fe ne pote vide id. Ela non pode ver iso.
qo-ra … ? Que cousa?; Que? Tu pa vide qo-ra? Que viches?
qe … ? Que …? (cuestión de se ou non) Qe tu pa vide? (Que) viches?
… qe? … non é así? (cuestión de se ou non) Tu pa vide id, qe? Viches iso, non?
qo-ka …? Por que causa?; Por que?  Qo-ka tu akti id? Por que fas iso?
qo-te …? Con que intención?; Para que? Qo-te tu akti id? Para que fas iso?
qi … que (pronome relativo) u gina , qi … a muller, que …
gene é … (voz pasiva) Id pa gene dice … Iso foi dito …
ge- que é … (participio pasivo) ge-frakti roto
no(n)- in- (oposto) non-alti baixo
se si lava se lavarse
auto (un) mesmo Mi auto pa vide id. Eu mesmo vin iso.
iso … tan(to) …; igual de … iso mega de … tan grande como …; igual de grande que …
ma … máis … ma termo de … máis quente que …
maxi o máis; máximo u maxi termo o/a máis quente
mei … menos … mei termo de … menos quente que …
mini o menos; mínimo u mini termo o/a menos quente

En Glosa, as palabras conservan sempre a súa forma orixinal, independentemente da súa función na frase. Así, a mesma palabra pode funcionar como verbo, substantivos, adxectivo ou preposición. As funcións gramaticais son realizadas por un número limitado de palabras especiais, ou ben por unha certa coordinación das palabras (sintaxe). A secuencia Suxeito + Verbo (+ Obxecto) é a maneira xeral de expresar a frase. As partículas de tempo e os adverbios preceden aos verbos. De feito a maioría de palabras poden actuar como verbos, se están claramente situadas tras o suxeito da frase e/ou ante o obxecto. Os adxectivos xeralmente preceden aos substantivos. 

Adóitase comparar Glosa con dous idiomas naturais que son analíticos en diferentes graos, o chinés e o inglés:

Glosa is interesting among conlangs in that it is a completely analytic language: there are no inflections for noun plurals, verb tenses, genders, and what-not. Somewhat as in English, a word may be used as more than one part of speech.
[Tradución: ] Glosa é interesante entre as linguas construídas no feito de ser completamente analítica: non hai flexións para nomes plurais, tempos verbais, xéneros, etc. Un pouco como en inglés, unha palabra pode ser usada como diversas partes do discurso.
Paul Bartlett, «Critiques of individual planned languages»[5]

Aínda que a lingua Glosa se escribe co alfabeto latino moderno, o léxico componse de palabras latinas e gregas.

En principio, as palabras gregas adóptanse na forma da transcrición latina tradicional. Pero hai certas simplificacións, xa que se suprimen as dobres consoantes (excepto a moderna SC /ʃ/). As regras de pronunciación son relativamente simples e regulares: hai tres consoantes especiais (Q /qw/, X /ks/, H /h/ ou muda); e hai dúas vogais que ocasionalmente adoptan valor consonántico ante outra vogal (I /j/, U /w/). En xeral, as palabras de orixe latina adoptan unha certa vogal final característica, aínda que hai excepcións.

Palabras de orixe latina
Desinencia latina Final en Glosa Exemplo
-a, -ae -a aqa (auga)
-us, -i -us katus (gato)
-um, -i -a ova (ovo)
-is, -is -i pani (pan)
-o, -onis -o natio (nación)
-us, -us -u manu (man)
-o, -are -a vora (comer)
-o, -ere -e bibe (beber)
-io, -ire -i veni (vir)
Palabras de orixe grega
Desinencia grega Final en Glosa Exemplo
-α, -ης -a glosa (lingua)
-α, -ατος -a soma (corpo)
-ος, -ου -o bio (vida)
-ιος, -ίου -i heli (sol)
-ον, -ου -a zoa (animal)
-ω, -ειν -o grafo (escribir)

Puntuación

[editar | editar a fonte]
O punto acaba a frase. Igualmente o signo de interrogación, ?, e o signo de exclamación, !.
O punto e coma separa a frase subordinada da principal.
A coma separa os elementos dunha lista.

Pronomes persoais

[editar | editar a fonte]
mi (eu, me), tu (ti, te) , vi (vós), an[dro] (el, lle), fe[mina] (ela, a), it (iso, elo), pe[rsona] (un, alguén), na (nós), mu[lti] (eles), se (un mesmo).

Texto de mostra

[editar | editar a fonte]

O Noso Pai:

Versión en Glosa: Texto en grego: Versión en galego (con doxoloxía final):

Na parenta in urani:
na volu; tu nima gene revero,
tu krati veni,
e tu tende gene akti,
epi geo homo in urani.
na volu; tu don a na nu-di na di-pani,
e tu pardo na plu mali akti,
metro na pardo mu; qi akti mali de na.
E na volu; tu ne dirige na a plu mali ofere,
sed tu libe na ab mali.
Ka tu tena u krati, u dina, e un eu-famo,
pan tem.
Amen.

Πάτερ ημών ο εν τοις ουρανοίς,
αγιασθήτω το όνομά Σου,
ελθέτω η Βασιλεία σου,
γενηθήτω το θέλημά σου
ως εν ουρανώ και επί της γης.
Τον άρτον ημών τον επιούσιον δος ημίν σήμερον,
και άφες ημίν τα οφειλήματα ημών,
ως και ημείς αφίεμεν τοις οφειλέταις ημών.
Και μη εισενέγκης ημάς εις πειρασμόν,
αλλά ρύσαι ημάς από του πονηρού.
Ότι σου εστί η βασιλεία και η δύναμις και η δόξα
  εις τους αιώνας.
Αμήν.

Noso Pai, que estás no ceo,
santificado sexa o teu nome,
veña a nós o teu Reino,
fágase a túa vontade
así na terra coma no ceo.
O noso pan de cada día dánolo hoxe,
e perdoa as nosas ofensas
como tamén nós perdoamos a quen nos ofende.
Non nos deixes caer na tentación
e líbranos do mal.
Pois teu é o Reino,
o poder e a gloria,
por sempre Señor.
Amén.

  1. Hogben, Lancelot (1943). Interglossa. A draft of an auxiliary for a democratic world order, being an attempt to apply semantic principles to language design. [1] Harmondsworth, Middlesex, Eng. / New York:  Penguin Books. OCLC 1265553.
  2. 2,0 2,1 2,2 Glosa Education Organisation (GEO) (2006). History behind Glosa. (pdf) [2], p. 7.
  3. W. Ashby, P. Bartlett, R. Clark, C. Ganson, R. Gaskell, N. Hempshall, G. Miller, W. Patterson, K. Smith, M. Springer. "Glosa Inter-reti Diktionaria. Glosa Internet Dictionary. Glosa-English and English-Glossa. (pdf) [3] Actualizado: 5-11-2009.
  4. Carmelo Mico (traducción). Glosa, una lengua auxiliar internacional. [4] Actualizado: 1-01-2008.
  5. Bartlett, Paul O. «Critiques of individual planned languages» [5]. Actualizado: 30-11-2005.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]