Glomérulo renal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura dun glomérulo renal.

O glomérulo é a unidade funcional e anatómica do ril, onde radica a función de aclaramento e filtrado do plasma sanguíneo. Está constituído por un nobelo de capilares que recibe sangue dunha arteríola, denominada arteríola aferente. Este nobelo está recuberto por unha estrutura en forma de copa chamada cápsula de Bowman.

A presión sanguínea glomerular proporciona a forza que impulsa á auga e solutos a filtrarse cara ao interior da cápsula de Bowman. Só aproximadamente 1/5 de todo o plasma sanguíneo que pasa a través do ril é filtrado a través da parede glomerular á cápsula de Bowman. O resto do sangue (o non filtrado) pasa a unha arteríola eferente que sae do glomérulo. O diámetro da arteríola eferente é comparativamente menor ca o da arteríola aferente. O sangue pasa despois aos capilares peritubulares do córtex e aos vasa recta (vasos rectos), que se encontran nos nefróns xustaglomerulares. Os vasos rectos son capilares colectores entrelazados cos túbulos contorneados a través dos espazos intersticiais, nos cales entran as substancias que se reabsorben nos túbulos renais. O sangue dos vasos rectos pasa a un sistema de veas e reincorpórase á vea renal e á circulación sanguínea xeral. O sistema nervioso simpático e certas hormonas poden regular o diámetro da arteríola aferente, afectando á taxa de filtración glomerular.

Nos intersticios que quedan entre as células endoteliais dos capilares do glomérulo hai células mesanxiais intraglomerulares. Non forman parte da barreira de filtración pero son pericitos especializados que participan indirectamente na filtración ao contraeren e reduciren a área superficial do glomérulo, e, por tanto, a taxa de filtración, en resposta principalmente ao estiramento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]