Gerry Hitchens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gerry Hitchens
Información persoal
Nome Gerald Archibald Hitchens
Nacemento 8 de outubro de 1934
Lugar de nacemento Staffordshire
Falecemento 13 de abril de 1983
Lugar de falecemento Hope
Altura 180 centímetros
Posición dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1952–1953 Highley Miners Welfare
1953–1955 Kidderminster Harriers 14 (6)
1955–1957 Cardiff City 95 (40)
1957–1961 Aston Villa 132 (78)
1961–1962 Inter de Milán 39 (17)
1962–1965 Torino 89 (28)
1965–1967 Atalanta 58 (10)
1967 Chicago Mustangs (1)
1967–1969 Cagliari 19 (4)
1969–1971 Worcester City 51 (25)
1971 Merthyr Tydfil 6 (0)
Selección nacional
1961–1962 Inglaterra 7 (5)
Na rede
FIFA: 174607 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Gerald Archibald Hitchens, nado en Rawnsley, Staffordshire, Midlands do Oeste, o 8 de outubro de 1934 e finado en Hope, Clwyd, Gales, o 13 de abril de 1983, foi un futbolista inglés que xogaba como dianteiro centro.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a traballar nunha mina de carbón e a xogar ao fútbol no Highley Miners Welfare de Shropshire. Posteriormente xogou no Kidderminster Harriers, antes de fichar polo seu primeiro club profesional, o Cardiff City.

Debutou na primeira división inglesa en abril de 1955, contra o Wolverhampton Wanderers, marcando o seu primeiro gol aos tres minutos. Xogaba daquela como interior pero posteriormente pasou á posición de dianteiro centro, sendo o máximo goleador do equipo nas dúas tempadas seguintes.[3]

En 1957 fichou polo Aston Villa, onde militou as seguintes catro tempadas, marcando 96 goles en 160 partidos.[4] Foi autor de cinco goles na histórica goleada por 11-1 sobre o Charlton Athletic.[5]

Isto chamou a atención do Inter de Milán de Helenio Herrera, que o fichou no verán de 1961 por 85.000 libras. Na súa primeira tempada en Italia foi o máximo goleador do equipo, con 16 goles.[3] O Inter gañou a Serie A en 1963, converténdoo no segundo inglés en gañar o título italiano despois de Jimmy Greaves e o último ata que Ashley Young o fixo co mesmo club 58 anos despois.[6]

Permaneceu nove anos en Italia, xogando tamén no Torino, o Atalanta e o Cagliari.

Selección inglesa[editar | editar a fonte]

Debutou coa selección de Inglaterra en 1961, marcando o seu primeiro gol cando só transcorreran 90 segundos de partido, na goleada por 8-0 contra México. Dúas semanas despois marcou outros dous goles en Roma na vitoria sobre Italia por 3-2. Participou con Inglaterra no Mundial de 1962 en Chile, disputando dous partidos, un deles a derrota nos cuartos de final contra o Brasil de Garrincha, onde formou dianteira xunto con Bryan Douglas, Jimmy Greaves, Johnny Haynes e Bobby Charlton.

Foi o primeiro futbolista en xogar coa selección inglesa, mentres militaba nun equipo estranxeiro.[3] Non obstante, cando Alf Ramsey asumiu o cargo de adestrador de Inglaterra, o período internacional de Hitchens parou, Ramsey preferiu escoller xogadores na casa.[7][8]

Retirada e morte[editar | editar a fonte]

Retirouse do fútbol profesional en 1971, xogando a continuación no Worcester City e no Merthyr Tydfil, antes de instalarse en Gales, onde xestionou varios negocios.

Morreu en 1983, mentres xogaba un partido de fútbol benéfico en Hope. Segundos despois de rematar de cabeza un centro por encima da trabe, caeu ao chan e foi trasladado ao Hospital Xeral de Wrexham, pero foi declarado morto ao chegar. Tiña 48 anos. As súas cinzas foron depositadas en Holywell o 20 de abril de 1983.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Goal.com's Top 50 English Players: Gerry Hitchens (47)". goal.com (en inglés). 30 de abril de 2009. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  2. "Gerry Hitchens". birminghammail.co.uk (en inglés). 28 de xaneiro de 2008. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Golesworthy, Maurice (1965). Golesworthy, ed. Soccer Who's Who. London: The Sportsmans Book Club (en inglés). 
  4. "Player who went from miner to international" (en inglés). 31 de maio de 2009. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  5. Kendrick, Mat (7 de novembro de 2009). "Aston Villa legends remember Gerry Hitchens five goal salvo against Charlton in a record 11-1 win" (en inglés). Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  6. "Young meglio di Beckham e Gascoigne: gli inglesi che non ce l'hanno fatta" (en italiano). 2 de maio de 2021. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  7. "Aston Villa legend Gerry Hitchens' life story published" (en inglés). 13 de maio de 2009. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  8. Devine, Darren (22 de maio de 2009). "First biography of Cardiff City hero Gerry Hitchens" (en inglés). Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  9. "From mining to Milan – Hitchens did City proud" (en inglés). 3 de xuño de 2010. Consultado o 12 de marzo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]