Saltar ao contido

George Severeanu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGeorge Severeanu
Biografía
Nacemento26 de xullo de 1879
Bucarest, Romanía.
Morte20 de setembro de 1939 (60 anos)
Bucarest, Romanía.
País de nacionalidade Romanía.
EducaciónUniversidade de Bucarest.
Tese académicaCirculación arterial dos hemisferios cerebrais.
Actividade
Campo de traballoRadioloxía médica, numismática, coleccionismo de antiguidades.
EmpregadorHospital Brâncovenesc.
Universidade de Bucarest.
Museo Municipal de Bucarest.
Membro de
Sociedade Numismática Romanesa.
Sociedade Romanesa de Radioloxía e Electroloxía Médica.
Familia
CónxuxeMaria Lerescu. Editar o valor en Wikidata

George Severeanu, nado en Bucarest o 26 de xullo de 1879 e finado na mesma cidade o 20 de setembro de 1939, foi un radiólogo romanés, un dos fundadores da radioloxía médica, coñecido tamén pola súa actividade como coleccionista de moedas e antigüidades, e estudoso numismático.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Nado en Bucarest o 26 de xullo de 1879, era fillo do cirurxián Constantin C. Dimitrescu Severeanu,[1] profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Bucarest e construtor do primeiro aparello de raios X de Röntgen en Romanía, en 1896.[2][3]

Cursou a súa educación secundaria no Instituto de San Sava, de Bucarest e, logo de se graduar en 1897, ingresou ese mesmo ano na Facultade de Medicina da Universidade de Bucarest. En 1904 acadou o título de doutor en Medicina e Cirurxía, cunha tese titulada "Circulación arterial dos hemisferios cerebrais", que recibiu o premio Alexandru Cristescu, outorgado pola Facultade de Medicina. Logo especializouse en Radioloxía asistindo a estadías formativas en Viena e en Berlín.[1]

Radioloxía médica

[editar | editar a fonte]

En 1907 accedeu ao posto de xefe do Laboratorio Central de Radioloxía e Electricidade Médica do Hospital Brâncovenesc. En 1923 foi nomeado profesor do departamento de Radioloxía da Facultade de Medicina de Bucarest e en 1932 profesor asociado, posto que ocupou ata o seu falecemento.[1]

Severeanu foi un asiduo participante dos Congresos de Fisioterapia, como o de París de 1910, o de Estocolmo de 1928 ou o de Belgrado de 1935, e en 1936 encomendóuselle a presidencia do Congreso Nacional de Radioloxía e Electroloxía Médica, celebrado en Bucarest,[1] co gallo do décimo aniversario da Sociedade Romanesa de Radioloxía e Electroloxía Médica.[4]

Numismática e outros intereses

[editar | editar a fonte]

Apaixonado pola historia, Severeanu era desde a súa infancia coleccionista de obxectos antigos de diversas épocas históricas, e tamén un entusiasta numismático,[5][3] o que o levou a ser un dos fundadores da Sociedade Numismática Romanesa en 1903,[6] entidade da que foi secretario xeral durante case 20 anos, entre 1913 e 1932. Igualmente foi o editor do boletín publicado pola Sociedade, entre os anos 1905 e 1913.[2][6]

George Severeanu foi tamén, entre os anos 1933 e 1938, o primeiro director do Museo Municipal de Bucarest, inaugurado en 1931.[2][6] Xunto cun comité de especialistas, en 1935 fundou a Bucureștii: Revista Muzeului și Pinacotecii Muzeului Municipiului București ("Bucarestii: Revista dos Museos e as Galerías de Arte de Bucarest"), que se mantivo activa ata 1937.[7]

Logo do pasamento de Severeanu en setembro de 1939 e respectando os seus desexos, a súa esposa, Maria Lerescu, finalizou o 9 de decembro dese mesmo ano o proceso de doazón das súas coleccións ao Municipio de Bucarest, e posteriormente pasaron a estar expostas na que fora a súa casa familiar, convertida no Museo Maria e George Severeanu.[3][6][8][9]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Nas referencias adxuntas pódese acceder ao repertorio de traballos publicados polo profesor George Severeanu ao longo da súa traxectoria, que ascende a máis de 60 referencias.[10][11]

  1. 1 2 3 4 Astancăi, G. (1971). Páxina 373.
  2. 1 2 3 "Muzeul George Severeanu – pasiunea unui doctor". Amfostacolo.ro
  3. 1 2 3 Stoica, M. (2018).
  4. ↑ Revista România Medicală. Novembro de 1936.
  5. ↑ Astancăi, G. (1971). Páxina 374.
  6. 1 2 3 4 Astancăi, G. (1971). Páxina 376.
  7. ↑ Astancăi, G. (1971). Páxina 377.
  8. ↑ Stan, S. (2009). "Muzeul "Maria şi George Severeanu" (I)". Jurnalul.ro. 21 de marzo.
  9. ↑ Stan, S. (2009). "Muzeul "Maria şi George Severeanu" (II)". Jurnalul.ro. 28 de marzo.
  10. ↑ "Lista lucrarilor". En Astancăi, G. (1971). Páxinas 377-379.
  11. ↑ "Severenau, George". Bibliografia românească modernă (Old.biblacad.ro).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]