Saltar ao contido

George Monck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGeorge Monck

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento6 de decembro de 1608 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Merton Editar o valor en Wikidata
Morte3 de xaneiro de 1670 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Londres Editar o valor en Wikidata
Causa da morteedema Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaAbadía de Westminster Editar o valor en Wikidata
Lord Lieutenant of Middlesex (en) Traducir
16 de xullo de 1662 – 3 de xaneiro de 1670
Lord Lieutenant of Devon (en) Traducir
23 de xullo de 1660 – 3 de xaneiro de 1670
Lord Deputy of Ireland (en) Traducir
1660 – 1661
Master of the Horse (England) (en) Traducir
1660 – 1668
Member of the April 1660 Parliament (en) Traducir

Circunscrición electoral: Devon (en) Traducir
Membro do Consello Privado de Irlanda
Member of the 1653 Parliament (en) Traducir

Circunscrición electoral: Devon (en) Traducir
Membro do Parlamento do Reino de Inglaterra
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónAnglicanismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar, político, almirante Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1626 Editar o valor en Wikidata -
Membro de
Royal Society (1665–)
Orde da Xarreteira (1661–) Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rama militarRoyal Navy Editar o valor en Wikidata
Rango militarcapitán xeneral
xeneral Editar o valor en Wikidata
Participou no conflitoGuerra Civil inglesa Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloDuque de Albemarle (pt) Traducir (1660–1670) Editar o valor en Wikidata
CónxuxeAnne Clarges Editar o valor en Wikidata
FillosChristopher Monck Editar o valor en Wikidata
PaisThomas Monk Editar o valor en Wikidata  e Elizabeth Smith Editar o valor en Wikidata
IrmánsNicholas Monck Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Dictionary of National Biography
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 204035 WikiTree: Monck-17 Find a Grave: 20907 Editar o valor en Wikidata

George Monck, Iº duque de Albemarle, nado en Potheridge o 6 de decembro de 1608 e finado en Londres o 3 de xaneiro de 1670, foi un militar e político inglés.

Desenvolveu unha longa carreira militar ao servizo de diferentes réximes e bandos durante as Guerras dos Tres Reinos e desempeñou un papel decisivo nos acontecementos que levaron á Restauración inglesa de 1660 e ao regreso de Carlos II ao trono[1]. Ao longo da súa carreira serviu primeiro á Coroa, posteriormente ao Parlamento e á Commonwealth de Inglaterra, e finalmente á monarquía restaurada.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Great Potheridge é o que queda da mansión que Monck mandou construír na propiedade familiar en Potheridge entre 1660 e 1670

George Monck naceu na propiedade familiar en Devon no seo da pequena nobreza rural local, seu pai era Thomas Monck que procedía dunha familia que levaba xeracións asentada na rexión e súa nai era Elizabeth Smith, filla do comerciante George Smith, unha das principais fortunas de Exeter[2]. Malia a súa orixe, a familia atravesou dificultades económicas durante a mocidade de George[2]. O seu irmán máis novo Nicholas Monck foi bispo de Hereford e reitor do Eton College.

Escudo de Armas dos Monck de Devon

George, cuarto fillo do matrimonio, entrou no exército. A súa primeira experiencia militar produciuse na fracasada expedición inglesa contra Cádiz en 1625[3], máis tarde en xullo de 1627 participou na expedición inglesa contra Saint-Martin-de-Ré.

Servizo nos Países Baixos

[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1630 Monck serviu no exército das Provincias Unidas, naquela época considerado un dos exércitos máis experimentados na guerra de asedio e nas operacións de infantería polas súas accións contra dos españois. A experiencia adquirida nos Países Baixos foi fundamental para a súa formación como oficial[1]. Participou en operacións da Guerra dos Oitenta Anos, entre elas o asedio de Maastricht en 1632 ás ordes do conde de Oxford, Robert de Vere; e o asedio de Breda en 1637. En Breda serviu baixo o mando de George Goring e acadou o grao de tenente coronel.

Retirada da gornición española de Breda en 1637

Guerra dos Tres Reinos

[editar | editar a fonte]

En 1638 regresou a Inglaterra. Durante as Guerras dos Bispos de 1639 e 1640 serviu no rexemento do conde de Newport, Mountjoy Blount, e participou na batalla de Newburn, onde contribuíu á retirada da artillería inglesa o que impediu a súa captura[1]. A rebelión irlandesa de 1641 levou ao Parlamento a aprobar o envío de tropas a Irlanda. Monck, como coronel dun rexemento recrutado polo conde de Leicester que aportou en Dublín en xaneiro de 1642, serviu baixo o conde de Ormond en campañas contra dos rebeldes en Leinster, con posible participación en masacres contra dos irlandeses no verán dese ano no condado de Kildare[4]e tomou parte na batalla de New Ross en marzo de 1643. Mais o estoupido da guerra civil en Inglaterra en agosto de 1642 significou que Ormond non ía poder recibir reforzos nin diñeiro de Inglaterra, e para mediados de 1643 a confederación católica controlaba a maioría de Irlanda, bardante o Ulster, Dublín e Cork. Ormond concluíu un armisticio cos rebeldes e impuxo aos seus oficiais un xuramento de lealdade ao rei Carlos I ao que Monck se negou[1]. Ormond mandouno custodiado a Bristol mais acadou o favor real logo dunha entrevista co propio rei en Oxford. En xaneiro de 1644 participou cos realistas na batalla de Nantwich onde caeu prisioneiro das forzas parlamentarias e permaneceu prisioneiro na Torre de Londres durante dous anos, tempo que lle serviu para escribir Observations on Military and Political Affairs.

Tras a rendición do rei Carlos en maio de 1646, Monck aceptou servir nos rexementos enviados polo Parlamento a Irlanda e en setembro de 1647 recibiu o nomeamento de comandante de todas as forzas parlamentarias no Ulster oriental co rango de maior xeneral[1]. Monck non participou na nova guerra civil que se desenvolveu entre febreiro e agosto de 1648 pero requiriu que os seus oficiais asinaran unha declaración de apoio ao Parlamento. Non obstante, tras a execución de Carlos I en xaneiro de 1649 a súa posición no Ulster tornouse moi precaria ao estar o territorio dominado polos presbiterianos que contaban co apoio dunha forza armada ao mando de Robert Monro, que pasou ao bando realista ao considerar a execución do rei sacrílega[5]. Para contrarrestar a súa feble posición chegou a un acordo co líder católico no Ulster Eoghan Ruadh Ó Néill.

En 1650 Oliver Cromwell encargoulle o comando dun rexemento durante a guerra contra dos escoceses. Monck participou na batalla de Dunbar en 1650 e, ao ano seguinte, dirixiu o sitio de Dundee, que rematou cun masacre de civís escoceses [6]. En febreiro de 1652, caeu enfermo e retirouse a Bath para se recuperar. Tras a súa convalecencia, o Parlamento nomeouno xeneral no mar para substituír ao recentemente falecido Edward Popham. Na Primeira guerra anglo-neerlandesa, Monck participou nas batallas de Portland, Gabbard e Scheveningen. En xaneiro de 1653 casou con Anne Clarges, filla de John Clarges, un ferrador establecido en Londres[1]. O matrimonio tivo un único fillo que chegou á idade adulta, Christopher Monck (1653–1688), que herdou o ducado á morte de seu pai.

O Protectorado

[editar | editar a fonte]
Oliver Cromwell disolvendo o Parlamento en 1653
Gravado realizado por David Loggan de Monck en 1661

En abril de 1653 Cromwell disolveu o Parlamento e Monck pasou a ser membro do novo Parlamento por Devon[2]. Para facer fronte á sublevación de Glencairn que estoupara en Escocia Monck púxose á fronte das forzas inglesas en Escocia e pacificou o país tras a decisiva batalla de Dalnaspidal (1654), onde as forzas inglesas derrotaron os rebeldes[7]. A morte de Cromwell en setembro de 1658 provocou unha rápida deterioración da estabilidade política do Protectorado. O seu fillo Richard Cromwell sucedeuno no cargo de Lord Protector, co apoio entre outros de Monck, mais carecía da autoridade militar do seu pai[1] e en abril de 1659 un grupo de oficiais dirixidos por John Lambert e Charles Fleetwood lograron a disolución do Parlamento, á volta do Parlamento anterior e finalmente a renuncia de Richard Cromwell. Monck, que continuaba en Escocia como comandante en xefe, decidiu opoñerse a esta intervención militar e defender a autoridade parlamentaria[8].

Monck atravesou a fronteira escocesa o 20 de outubro de 1659 e iniciou a marcha cara ao sur sen oposición. A súa posición era inicialmente favorable á restauración da autoridade parlamentaria e non constituía aínda unha declaración aberta en favor da restauración da monarquía[9]. Ao chegar a Londres o 2 de xaneiro de 1660 Monck utilizou a súa autoridade militar para favorecer o regreso ao Parlamento dos deputados excluídos pola purga de 1648. O proceso abriu o camiño á disolución do Parlamento e á convocatoria dun novo. A interpretación das súas intencións durante estes meses foi obxecto de debate historiográfico. A historiografía contemporánea tende a considerar que Monck non actuou dende o principio como simple instrumento dun plan previamente elaborado para restaurar a monarquía. As súas decisións foron evolucionando segundo a situación política e militar e segundo a percepción da necesidade de alcanzar unha solución estable[9] [10].

A Restauración

[editar | editar a fonte]
Representación de Monck coroando como rei de Inglaterra a Carlos II
Batalla dos Catro Días
Procesión durante o funeral de Estado por George Monck

A intervención de Monck foi decisiva para crear as condicións políticas que permitiron a restauración de Carlos II. O Parlamento reunido novamente convocou eleccións e constituíuse o chamado Parlamento da Convención[10]. Carlos II publicou o Manifesto de Breda o 4 de abril de 1660, no que ofrecía, entre outras medidas, un indulto xeral condicionado, liberdade de conciencia dentro dos límites acordados polo Parlamento e o respecto das propiedades adquiridas durante os conflitos precedentes[10]. O Parlamento da Convención reuniuse o 25 de abril e o 8 de maio declarou que Carlos II era o lexítimo rei dende a execución de Carlos I en 1649. O rei regresou a Inglaterra e entrou en Londres o 29 de maio de 1660[10]. O rei recompensouno inmediatamente despois do seu regreso. O 7 de xullo de 1660 creouno duque de Albemarle, ademais de recibir os títulos de barón Monck de Potheridge, Beauchamp e Teyes e conde de Torrington. Recibiu tamén importantes cargos civís e militares, membro do Consello Privado, Lord Deputado de Irlanda (1660-1662), Lord Lieutenant de Devon e Middlesex e mantivo unha posición de grande autoridade na organización militar do novo réxime[1]. En 1661 o rei nomeouno cabaleiro da Orde da Xarreteira. Monck tamén se converteu nun dos grandes beneficiarios económicos da Restauración. A súa fortuna aumentou considerablemente durante o reinado de Carlos II e recibiu numerosas propiedades e rendas[1]. Así e todo, retirouse en boa medida da actividade política directa, non desenvolveu unha carreira parlamentaria comparable á súa carreira militar[1]. Na Gran peste de Londres de 1665 permaneceu na capital e desempeñou funcións de autoridade militar cando a Corte e numerosos membros das clases acomodadas abandonaron Londres[1]. Durante a Segunda guerra anglo-neerlandesa (1665–1667) volveu ao servizo naval, en 1665 participou na batalla de Lowestoft, unha importante vitoria inglesa sobre a frota neerlandesa. No ano seguinte participou na batalla dos Catro Días, un dos maiores enfrontamentos navais do século XVII, e na batalla de North Foreland de 1666[1]. A súa posición volveu adquirir importancia durante a crise provocada polo Grande incendio de Londres de setembro de 1666. Monck participou na organización das forzas encargadas de manter a orde e de contribuír ás operacións destinadas a conter as consecuencias do incendio[1]. Entre xuño de 1667 e 1670 foi Lord High Treasurer, nun momento de graves dificultades financeiras para a monarquía, mais Monck non tivo un papel prolongado na dirección financeira do Estado debido ao seu estado de saúde[1]. Tras a súa morte o 3 de xaneiro de 1670 recibiu un funeral de Estado[11].

  1. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 Hutton, Ronald (2004). "Monck, George, first duke of Albemarle (1608–1670)". Oxford Dictionary of National Biography (Oxford University Press). doi:10.1093/ref:odnb/18939.
  2. 1 2 3 Yerby, George e Hunneyball, Paul (2010). "SMITH, George (-d.1619), of Madford House, Exeter, Devon". The History of Parliament. Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2014. Consultado o 14 de agosto de 2026.
  3. "George Monck, 1st duke of Albemarle". Columbia Encyclopedia. 2000.
  4. Clavin, Terry (2009). "Monck, George". Dictionary of Irish Biography.
  5. Macleod, Donald (2009). "The influence of Calvinism on politics". Theology in Scotland XVI (2).
  6. Stewart, Laura A. M. (2020). Union, Revolution and War: Scotland 1625–1745. Edinburgh University Press. p. 43.
  7. Manganiello, S.C. (2004). The Concise Encyclopedia of the Revolutions and Wars of England, Scotland, and Ireland, 1639–1660. Scarecrow Press. pp. 223–225.
  8. Hutton, Ronald (1993). The Restoration: A Political and Religious History of England and Wales, 1658–1667. Oxford: Clarendon Press. pp. 68–84.
  9. 1 2 Hutton, Ronald (1993). The Restoration: A Political and Religious History of England and Wales, 1658–1667. Oxford: Clarendon Press.
  10. 1 2 3 4 Harris, Tim (2006). Restoration: Charles II and His Kingdoms, 1660–1685. Londres: Penguin Books.
  11. Garlick, Harry (1999). State Funerals and the Theatre of Power. BRILL. pp. 71–99.