George Grosz
George Grosz, de nome real Georg Ehrenfried Groß, nado en Berlín o 26 de xullo de 1893 e finado en Berlín Oeste o 6 de xullo de 1959, foi un pintor alemán nacionalizado estadounidense. Foi un membro destacado do movemento dadaísta de Berlín e da Nova Obxectividade durante a súa etapa na República de Weimar, antes de emigrar aos Estados Unidos en 1933.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Entre 1909 e 1912 estudou na Academia de Belas Artes de Dresde, e entre 1912 e 1917 na Academia de Artes e Oficios de Berlín (Kunstgewerbeschule), onde foi alumno de Emil Orlík, coa intención de converterse en debuxante de banda deseñada. Porén, tamén se dedicou naquela época a copiar obras de mestres clásicos, especialmente as de Rubens que se atopaban na pinacoteca de Dresde, ao tempo que realizaba debuxos moi persoais para xornais e revistas satíricas, empregando a caricatura.
En 1913 trasladouse a París, cidade na que entrou en contacto coas vangardas, o cubismo e o futurismo. Alí puido admirar a obra de Francisco de Goya, Henri de Toulouse-Lautrec e Honoré Daumier. Nestes anos produciuse unha importante evolución no seu estilo pictórico, cunha progresiva simplificación das formas, na que se notaba unha gran influencia do cubismo e do futurismo, pero tamén do expresionismo, moi presente entre os artistas novos alemáns da época.
En 1914, ao estalar a primeira guerra mundial, Grosz alistouse no Exército Imperial Alemán, nun rexemento de granadeiros. Porén, xa en 1916 foi licenciado, segundo se dixo entón por motivos de saúde física, quizais unha sinusite crónica, aínda que é posible que o verdadeiro motivo fose un shock psicolóxico do que tivo que recuperarse nun hospital militar.
De volta á pintura, entre 1915 e 1917, a simplificación gráfica da súa obra agudizouse, para permitirlle expresar o horror da guerra e o colapso moral que seguiu á derrota. Ese foi o estilo que caracterizou a produción de Grosz nos anos seguintes, marcados pola súa adhesión ao movemento dadaísta (cara a 1920). Nesa época produciu a súa serie de debuxos Ecce Homo. Fortemente impresionado pola revolución rusa, nos últimos meses de 1918 uniuse á Liga Espartaquista, que posteriormente se renomearía como Partido Comunista de Alemaña (KPD). Foi detido pola súa participación no levantamento espartaquista. A partir dese momento, sería procesado en diversas ocasións por incitación ao odio de clases, ofensa ao pudor, vilipendio da relixión e outras razóns. Por exemplo, en 1921, Grosz foi acusado de inxurias ás forzas armadas, e condenado a unha multa de 300 marcos. Ademais, destruíuse o conxunto Gott mit uns (Deus con nós), obra satírica sobre a sociedade alemá.
En maio de 1920 casou con Eva Peters. En 1922 Grosz viaxou á Rusia soviética xunto ao escritor Martin Andersen Nexø, onde tivo a oportunidade de coñecer a personalidades como Grigori Zinoviev, Anatoly Lunacharsky e Vladimir Lenin. Non obstante, o que viu durante esta estadía de seis meses non lle impresionou especialmente. Grosz deixou o KPD en 1923, aínda que as súas posicións políticas non sufriron grandes cambios.[2]
Antinazi, Grosz deixou Alemaña pouco antes de que Hitler chegase ao poder. En 1932, cando o nazismo estaba en auxe en Alemaña, a obra de Grosz pasou a ser interpretada como modelo de arte dexenerado, e Grosz recibiu o inquietante título de “bolxevique cultural número un”. En xuño dese ano aceptou unha invitación para impartir clases durante o semestre de verán na Liga de Estudantes de Arte de Nova York. Uns meses despois, en outubro, Grosz regresou a Alemaña, pero o 12 de xaneiro de 1933 el e a súa familia emigraron aos Estados Unidos, xusto uns días antes de que Hitler accedese ao poder. O réxime nazi retiroulle inmediatamente a cidadanía alemá, e incluíuno na primeira lista negra de artistas elaborada polo Ministerio de Propaganda.[3]
Traballou entón como profesor en Nova York e en 1938 obtivo a nacionalidade estadounidense. A produción do período americano, porén, é menos incisiva, a pesar do seu regreso en clave surrealista ao seu anterior grafismo violento. De feito, durante a súa etapa norteamericana, Grosz decidiu facer unha clara ruptura co seu pasado, e cambiou o seu estilo e temática. A segunda guerra mundial fíxolle volver sentir o pesimismo anterior, manifestado especialmente nalgún dos seus óleos, como The Survivor (1944).
En 1946 escribiu a súa autobiografía, que titulou A Little Yes and a Big No (Un si menor e un non maior).
En 1958 regresou á entón Alemaña occidental. Grosz morreu o 6 de xullo de 1959 en Berlín Occidental, debido a unha caída polas escaleiras despois de ter estado bebendo durante a noite anterior.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ George Grosz, Museo Thyssen (Español)
- ↑ Serge Sabarsky, George Grosz: The Berlin Years, New York: Rizzoli, 1985, pp. 33 & 251 (Inglés)
- ↑ Peter Watson, The Modern Mind: An Intellectual History of the 20th Century, Perennial/HarperCollins, 2011, p. 300 (Inglés)
- ↑ Ivo Kranzfelder, George Grosz, Colonia, Benedikt Taschen, 2005 (Español)
