George Bonsor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGeorge Bonsor

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento30 de marzo de 1855 Editar o valor em Wikidata
Lille, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte15 de agosto de 1930 Editar o valor em Wikidata (75 anos)
Mairena del Alcor, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda (–1927)
Reino Unido Editar o valor em Wikidata
EducaciónLiceo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónarqueólogo , prehistoriador , pintor Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Premios

George Edward Bonsor, nado en Lille o 30 de marzo de 1855 e finado en Mairena del Alcor (Sevilla) o 15 de agosto de 1930, foi un coñecedor de antigüidades, pintor, arqueólogo, historiador e ceramólogo nado en Francia, de nacionalidade británica e residente en España. Tamén foi coñecido como Jorge Bonsor por amigos e veciños das localidades andaluzas nas que viviu: Carmona, onde se iniciou como arqueólogo privado e onde foi nomeado fillo predilecto pouco antes do seu falecemento e Mairena del Alcor, onde adquiriu o castelo da localidade para habilitalo posteriormente como a súa propia vivenda.

Foi un gran defensor do mantemento dos xacementos arqueolóxicos e precursor da arqueoloxía moderna en España, ademais de que descubriu numerosos xacementos en Andalucía Occidental, como a necrópole e o anfiteatro de Carmona, os xacementos de Los Alcores, Setefilla en Lora del Río e escavou en Baelo Claudia en Cádiz. Escribiu varias publicacións relacionadas cos seus descubrimentos e obtivo nomeamentos en varias institucións académicas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacemento[editar | editar a fonte]

George Edward Bonsor naceu na industriosa cidade de Lille (Francia) o 30 de marzo de 1855, na época de Napoleón III. Os seus pais foron, James Bonsor, natural de Nottingham (Inglaterra), enxeñeiro industrial, e Pauline Bonsor (nada Marie Leonie Saint Martin Ghislaine), dama francesa, natural de Lille, quen morreu con 25 anos de idade, aos poucos meses de dar a luz a George, algo bastante usual nesta época debido ao descoñecemento da asepsia por parte dos cirurxiáns que asistían ás parturentas.

Familia[editar | editar a fonte]

Parece ser que James Bonsor, inglés afeccionado ao continente, traballou en España como enxeñeiro nas minas de Riotinto e na empresa francesa de gas que se usaba na iluminación pública en Cádiz e Sevilla. Quedou gratamente impresionado con Andalucía, polo que recomendou ao seu fillo viaxar a esta rexión.

Cando naceu George, James Bonsor, que contaba con 32 anos de idade, residía en Lille. Trala morte da súa esposa, contraeu un novo matrimonio con Mrs. Gregory, con quen tivo dúas fillas e un fillo (os seus medios irmáns Claire, Suzanne e Willy). A súa tía paterna, Marie (Bonsor) Batley, xunto co seu esposo John Batley, que residían en Seaborough Court (Inglaterra), foron quen se fixeron cargo del ata que alcanzou a idade escolar. George sempre considerou esta casa como a súa. Os seus tíos posuían ademais unha segunda residencia en Englefield Green, nos arredores de Londres, onde vivían cos seus fillos Ralph, Armitage, Blanca e Inés, curmáns cos que Bonsor mantivo sempre unha cariñosa relación.

Por outra banda, contaba cunha familia materna en Francia, na localidade de Guernes, composta polos seus tíos e catro primos: Henry, Pierre, Valentine e Pauline. É esta última quen afirmaba que George pasou longas tempadas con eles. Pauline sinalaba que consideraban ao mozo George como un irmán e que as tempadas nas que vivía con eles era para todos unha gran alegría. A infancia de George foi dulcificada pola súa tía paterna ou inglesa, a señora Batley e pola súa tía materna francesa (nai de Pauline), coas que vivía alternativamente.

Formación[editar | editar a fonte]

A familia de George Bonsor gozou dunha regular fortuna. Como burgués que era, recibiu unha formación esmerada, posto que ademais do seu alto custo, tivo un ton cosmopolita e políglota. O seu pai, nos seus constantes destinos profesionais por Europa, decidiu que George o acompañara, polo que tivo a oportunidade de estudar en liceos e escolas de diversos países industrializados europeos. Non hai constancia das datas das súas estancias en cada un deles, nin por tanto a orde; con todo, segundo Juan de Dios de la Rada e os seus biógrafos posteriores, a orde é a seguinte: Ateneo de Tournai en Bélxica, Colexio Alemán de Moscova, Liceos de Albi (Tarn) e Montauban en Francia e no Colexio Huddersfield de Yorkshire en Inglaterra. Este continuo viaxar dos seus primeiros anos de estudante, que se converteu nunha constante na súa vida, foi un aspecto sumamente importante na formación de George Bonsor en canto ao desenvolvemento da súa curiosidade, dotes de observación e afección pola xeografía.

Non se puido precisar os motivos que inclinaron a Bonsor a orientar os seus estudos superiores cara ás Belas Artes, quizais as súas calidades innatas ou as súas constantes viaxes. O que si é certo é que a vista de tantos e tan diferentes obxectos e monumentos, nos diversos países percorridos polo mozo nas súas viaxes acompañando ao seu pai, espertaron o seu sentimento artístico.

A Academia Real de Belas Artes de Bruxelas en 1935.

Do mesmo xeito que ocorre coa súa formación primaria e secundaria, descoñécense as datas dos períodos que estivo en cada unha das escolas superiores, aínda que seguro desenvolvéronse na década dos setenta.[1] Quizais o motivo do seu vagabundeo fose a inestabilidade en Europa neses anos, nos que a guerra franco-prusiana acabou coa toma de París polas tropas do chanceler Bismarck. Probablemente este feito e as revoltas sociais foron as razóns que induciron a George a ingresar na Escola de Arte de South Kensington en Londres, onde se ensinaba debuxo artístico e industrial. Máis tarde, optaría pola prestixiosa Real Academia de Belas Artes de Bruxelas (cidade na que probablemente contaría con familiares), centro de marcado carácter liberal onde destacou cun premio na especialidade técnica de debuxo "arqueolóxico".[2] Esta destreza foille de grande utilidade posteriormente, pois Bonsor converteríase no primeiro arqueólogo autodidacta que utilizara sistematicamente o debuxo técnico na descrición dos materiais e estruturas do rexistro arqueolóxico; materiais que consideraba como verdadeiros monumentos artísticos. É tal a importancia que outorgaba ó debuxo nunha investigación arqueolóxica que nalgún momento chegou a declarar:

Pero non quixera alentar a ninguén que non teña intención de facer un debuxo serio, a emprender unha escavación como esta. Considero un crime escavar sen dar despois un debuxo minucioso da escavación.

Os debuxos foron sempre importantes e interesantes e, no caso de que non fosen suficientes, consideraba que unhas fotografías podían completar os datos debuxados. Bonsor practicaba a fotografía, pero xeralmente axudouse de fotógrafos profesionais locais como R. Pinzón e A. Pérez Romera. Aínda que súbdito inmarcesible do Imperio Británico ata a súa morte, a súa formación, así como a súa lingua, estivo sempre máis vinculada á cultura francesa que á inglesa. Por algún motivo descoñecido todos os seus documentos e publicacións foron redactados en francés ou castelán, raramente en inglés. Así llo fixo entender a Reginald A. Smith, conservador do Museo Británico:

Son consciente do estraño que debe soar que sendo inglés non sexa capaz de escribir o meu artigo en inglés, pero debo explicarme dicindo que nacín en Francia, de pais ingleses, que medrei alí e en Bélxica, e que vin de mozo a España, hai 40 anos aproximadamente. Vin aquí para pintar, pero pronto deixei a arte pola arqueoloxía.[3]

O pintor: viaxe a España[editar | editar a fonte]

Unha vez concluídos os seus estudos académicos, Bonsor decidiu realizar a obrigada viaxe de estudos ao sur de Europa en busca da recentemente descuberta "arte española" para consolidar o seu estilo pictórico. As súas pinturas tiñan como temática principal figuras populares e escenas costumistas. Estivo financiado pola familia, que periodicamente lle enviaba cheques. Díxose que veu a España atraído polo tópico romántico, como tantos outros viaxeiros románticos ingleses e franceses.

Home sistemático, estaba afeito a apuntar todo en diarios. Coñécese con moi boa precisión a viaxe de Bonsor por España, o itinerario seguido, os seus gastos e as súas impresións, grazas a un diario que confeccionou en francés durante o mesmo.[4] Na maior parte da súa viaxe acompañouno Paulus, compañeiro da Academia de Bruxelas de orixe belga e de crenza católica. Desde Bruxelas partiron en ferrocarril cara a Bordeos para dirixirse a Biarritz, Saint Jean de Luz, accedendo a España por Irún. A primeira parada despois da fronteira foi Burgos.

O obxectivo fundamental da viaxe era a visita de monumentos artísticos, museos de pintura e todo aquilo suxerente que lles puidese interesar aos novos pintores. Do mesmo xeito que eles, moitos dos seus compañeiros da Academia emprenderon viaxes similares por outros países do sur. Entre eles, Bonsor lembra a Laviada, Charlet, Klinkerberg, Van Maesdyck, Vlenhover, Knoffp, Evrard, Houyoux, Duyck, Crespin, Finch etc.[4] Algúns pertenceron despois ao grupo belga Les XX.

En Burgos, fixo amizade co pintor Primitivo Carcedo, quen lles ensinou a cidade, especialmente a catedral e a Cartuxa de Miraflores, axudoulles coa aprendizaxe do castelán e levounos por primeira vez a unha taberna. Ó chegar a Madrid foron inmediatamente á emblemática Porta do Sol, posteriormente visitaron a colección da Real Academia de Belas Artes de San Fernando para admirar o famoso cadro de Francisco Pradilla "Dona Xoana a Tola" (1877), moi do gusto da época e medalla de honor na Exposición Nacional de 1878, así como a colección de cadros antigos. Tras facer copias no Museo do Prado e visitar o Museo Arqueolóxico Nacional concluíu:

A cidade de Madrid abúrreme soberanamente.

Seguiron a Toledo, onde nada máis chegar manifestou: "A cidade de Toledo ao primeiro golpe de vista gústame enormemente e vexo que teño moitas cousas que pintar aquí." A súa atención centrouse principalmente na descrición dos costumes e dos personaxes que resultaban pintorescos a todo estranxeiro como os esmoleiros, os xitanos, os cóengos ou os sangradores, así como na descrición dos monumentos histórico-artísticos. Sobre eles realizaba pequenos ensaios literarios que enviaba aos seus familiares, agradecéndolles os seus cheques.

Despois dirixiuse en ferrocarril a Córdoba onde só permaneceu un día e no que visitou apresuradamente, a ponte sobre o Guadalquivir, as murallas e a mesquita. Córdoba, ao ser unha cidade de paso entre Madrid e Sevilla, non era unha parada de importancia para Bonsor. O 17 de febreiro chegou a Sevilla, onde lle esperaba o seu compañeiro de viaxe Paulus, quen chegara unhas semanas antes.

Sevilla tampouco era unha cidade que lle gustase para pintar. Co único obxectivo de contemplar as obras do seu admirado Bartolomeu Esteban Murillo, visitou a catedral, o Museo Provincial e o Hospital da Caridade onde premonitoriamente descubriu a pintura de Juan de Valdés Leal. Cualificou aos pintores sevillanos contemporáneos como mediocres, non sentiu ningún aprecio por eles. Decidiu entón visitar o pobo de Carmona, aconsellado polo seu pai, quen estivera alí en 1845.

Carmona[editar | editar a fonte]

Nesta primeira visita a Carmona, de tan só 4 días, dedicouse a marcar escenas para pintar (óleo e acuarela) e a percorrer minuciosamente os recunchos da cidade e os seus arredores. Abandonou Carmona durante uns días para recibir en Xibraltar aos seus tíos John e Marie Batley e o seu curmán Armytage, a quen acompañou nunha viaxe por Málaga, Granada e Sevilla, onde despediu aos seus parentes. En Xibraltar comprobou a solidez do Imperio británico na súa disciplinada gornición, vestida co colorido uniforme "para as colonias do sur".[4] Tras pasar por Cádiz, onde lle desgustou por contraste a súa desidia marcial, regresou en solitario a Xibraltar onde tivo un encontro casual co seu amigo Paulus. Decidiron visitar Tánxer, onde permaneceron do 7 ao 17 de maio de 1881 no pintoresco Marrocos. Tras esa inesperada viaxe, regresou a Carmona onde permanecerá nove meses, que foron definitivos na súa vida. Encantáballe observar e pintar escenas tomadas da vida mesma do pobo. Acólitos no patio dos Laranxos da Igrexa Prioral de Santa María, unha paisaxe co Mosteiro da Virxe de Graza, que se atopaba ó pé do Alcázar e hoxe desaparecido, a rúa do convento de Santa Clara cun augadeiro co seu asno,[5] o mercado ou praza de abastos. Anotaba comentarios xocosos:

Os pobres mendigos españois son numerosos, felices e fumadores empedernidos. Cando estou pintando, os pobres cegos que pasan ¡sempre se achegan a mirar con ollo experto o que estou facendo!. O que demostra que cando se trata do meu traballo non son tan cegos coma outros.[4]

Coincidindo coa celebración da Semana Santa, pintou o Xoves Santo unha detallada descrición da procesión de Santiago. Nalgúns momentos o xove Bonsor, ós seus 26 anos, chegou a perder a flegma británica:

«Cando chegou a noite [en Carmona] vía pasar desde o meu balcón a procesión con todas a súa luces. No balcón de en fronte atopábanse varias rapazas que, tan pronto me viron, comezaron a murmurar -É o estranxeiro, é o pintor!-. Unha delas, de negra mantilla cubríndolle medio rostro, mirábame e, parecía pedirme algo!. Entón ocupeime só dela e non me ocupei máis da procesión».[4]

Moi pronto, Bonsor fíxose popular na vila, onde o coñecían como o pintor inglés. Cando pintaba na rúa a xente parábase e facía comentarios como «Que ben está pintado ese farol!». (Fixen unha reputación de pintor de quinqués).[4] Un cura, o padre José Barrera, encargoulle un retrato do vigairo de Carmona, o padre Sebastián Gómez Muñiz, polo que pagou catro duros "e os materiais". Bonsor engade no seu diario con humor:

Véxase como o clero é aínda hoxe en España o único que alenta ós pintores.[6]
Igrexa de Santa María da Asunción, Carmona.

Outra das escenas que conmoveron a Bonsor era un xogo popular taurino denominado touro de corda. Encantáballe contemplar aos grupos de campesiños regresando da veiga á tardiña, cando subían as sinuosas costas cara ao pobo coas súas blusas brancas de algodón, nas que destacaban vistosos panos de cores cruzados sobre o peito e as costas, as cabezas cubertas cuns singulares chapeus de palma e tirando dos burros cargados cos nenos e os apeiros do día. Dicía el que o que máis lle gustaba era observar ao raparigo que ía diante de cada grupo soprando un gran caracol mariño para anunciar a chegada ao pobo.[7] Na visita ó cemiterio sorprendeulle o emparedamento:

[...] os nichos nas paredes e a división en varios patios. O patio de Nosa Señora de Graza, o grande, onde se atopa no medio a fosa común para os pobres que van a terra, e os ricos arriba, na biblioteca.[4]

Desenvolvíase mal coa lingua pero pronto fixo amigos. Un veciño de Carmona, José Vega Peláez, presentoulle a Juan Fernández López, un xove farmacéutico afeccionado ás antigüidades.[8] Mantiña reunións case a diario na rebotica deste, con Manuel, o seu irmán e médico de profesión, o cura Sebastián Gómez Muñiz, Antonio Calvo Cassini, historiador e correspondente da Real Academia da Historia,[9] o cirurxián Manuel Pelayo e o seu irmán Arturo, José Vega e outros que constituían un paradigma de faladoiro de "anticuarios". Bonsor integrouse neste grupo e nun curto espazo de tempo o home viaxado e cosmopolita converteuse na figura máis representativa de tan heteroxénea agrupación. Bonsor tiña intención de inspeccionar unha tumba romana con frescos que lle alabaran; esa mesma noite visitouno Luis Reyes coñecido por Calabazo, un home de idade que se adicaba á recolección de plantas medicinais e ocasionalmente de antigüidades e moedas, que logo vendía a Sebastián Gómez Muñiz e a Juan Fernández López. Calabazo amosaríalle a tumba previo pago de 6 pesetas.[4] A reapertura da tumba (situada no camiño de Brenes e hoxe desaparecida) tivo lugar o domingo 10 de xullo de 1881. Foi tal a conmoción que lle ocasionou a observación directa da tumba romana, cuxos frescos representaban a escena dun banquete funerario (que debuxou minuciosamente),[10] que naquel instante despertou a súa paixón pola arqueoloxía ata o punto de adicarlle a súa vida:

Foi a forte impresión que me produciu penetrar nesta cámara funeraria e contemplar as súas portentosas pinturas cubrindo a totalidade da superficie das súas paredes a que me fixo decidirme, conmovido, a consagrar a miña vida ás investigacións arqueolóxicas...

Naquel momento o estudo científico da antigüidade comezaba a dividirse en dúas disciplinas incipientes: a) os filólogos, orientalistas ou indoeuropeos, estudaban a difusión de grandes civilizacións polos seus textos; b) os arqueólogos etnógrafos estudaban os pobos primitivos mediante "a observación participante" (traballo de campo). O Bonsor home de acción sentíase atraído pola segunda opción.

Entrada do Alcázar do rei Don Pedro.

En agosto de 1881 emprendeu unha viaxe a Granada de quince días para percorrer a cidade máis pausadamente que na súa anterior estancia cos seus tíos, e posiblemente para meditar a súa dedicación á arqueoloxía; con todo, Bonsor enfermou, o que precipitou o seu regreso a Carmona.

Dentro do seu faladoiro aos poucos foise afeccionando ao coleccionismo de pequenas antigüidades, que unhas veces lle regalaban e outras compraba. O 26 de febreiro de 1881 comprometeuse a realizar o retrato a unha dama polo prezo de 100 pesetas «para comprar antigüidades».[4] Á rebotica adoitaba acudir con certa frecuencia Luís Reyes Calabazo, onde facía gala de gran cantidade de antigüidades, a maioría romanas, que espoliaba de lugares que só el coñecía. A atractiva personalidade de Bonsor proporcionoulle simpatías xerais e fíxose dunha clientela. Foi requirido para realizar retratos de diversos personaxes, como o dunha filla do cirurxián Manuel Pelayo y del Pozo. Terminou un gran grupo alegórico segundo a súa idea tópica de España no que aparecían tres guapas mulleres da burguesía carmonesa rodeadas de flores, un cura no centro, e ao seu lado un mozo militar, unha nena e un acólito.[11]

Bonsor acabou sentíndose a gusto en Carmona. Vivía de rendas e moi ben, sendo o seu nivel de vida equiparable ao de calquera propietario de terras ou profesional liberal (notario, médico, farmacéutico) da época.

Tras sinalar que en España se escavou pouco e había moito por descubrir, o mesmo Bonsor era perfectamente consciente de que as autoridades non molestarían aos escavadores, como en Grecia ou en Turquía, [países xa amplamente espoliados]. Todo era cuestión de chegar a un acordo económico co propietario do terreo incluso facéndoo copartícipe dos achados.[12]

Por aqueles anos, o modelo político da Restauración canovista representaba a unha sociedade dominada polo caciquismo cunha estrutura económica oligárquica. Comezaban a espertar os nacionalismos (central e periféricos). O control dos asuntos do patrimonio histórico-artístico español estaba en mans da aristocracia ociosa,[13] do alto clero[14] e da propiedade burguesa "deferente", propietaria das leiras e monumentos.[15] Entón sucedía que, á relativa abundancia de «antigüidades» uníaselle que España fora un país atrasado e moi barato. Por outra parte, o status xurídico do patrimonio e dos achados arqueolóxicos privados era por entón moi poroso e rudimentario e, por tanto, independentemente do tópico romántico, o acicate para coleccionistas e afeccionados estranxeiros era evidente.[16] José Ramón Mélida, considerado como a gloria da arqueoloxía española, denunciou a precaria situación da lexislación española en materia de espolio e apropiación indebida de antigüidades:

«As antigüidades viven en España de milagre. A casualidade atópaas, a cobiza ocúltaas cando a barbarie ou a ignorancia non as esnaquiza e as inxuria. Mans incompetentes adoitan gardalas sen aprecio [...] poucas veces pasan a ocupar un lugar digno nas salas dos museos e na Ciencia as páxinas que reclaman [...] podería evitalo unha lei».[17]
Alcázar da Porta de Sevilla (Carmona).

Movidos os do faladoiro pola súa afección cara ás antigüidades, aínda que sen ningunha cualificación, conseguiron por amizades permiso do gobernador civil para realizar escavacións no Alcázar (coñecido como "de afora", "de arriba" ou tamén da Porta de Marchena), un dos monumentos antigos máis emblemáticos da historia da cidade. Polas súas enquisas, lecturas e paseos Bonsor sospeitaba que baixo terra había gran cantidade de restos arqueolóxicos que vinculaba co forte terremoto de 1504. Segundo escribe no seu diario, durante os últimos meses de 1881, el e os seus amigos estiveron escavando febrilmente coa axuda de xornaleiros (que viñeran andando desde Soria [en busca de traballo]) movidos máis polo verme da cobiza que por outra cousa: buscaban nada menos que o tesouro do rei Pedro I o Cruel.

«Un vello espertou as nosas esperanzas anunciándonos que atoparíamos antigüidades, estatuas, tesouros!...»[4]

A transformación[editar | editar a fonte]

Tras esta aventura excavatoria do Alcázar (cuxos resultados non se coñecen), Bonsor interrompeu o seu diario de 1881 e deu por concluída a súa viaxe de estudos. A transformación vital que experimentou, desde o incipiente pintor de cabalete ao arqueólogo-escavador constitúe un proceso íntimo e misterioso. Non consta que asistise a cursos nalgunha escola de arqueoloxía (por exemplo a recentemente fundada [1882] École de Archéologie du Louvre de París). O seu biógrafo Maier insinúa vagamente que Bonsor asesorouse debidamente en Francia, Bélxica e Inglaterra, o que non deixa de ser un desexo nun home como Bonsor que sempre deixaba constancia escrita de todos os seus pasos.[18] É de supor que a práctica de campo polas bravas, como se facía entón, aprendendo dos erros xunto a un estudo disciplinado de todo o publicado en Europa operarían a súa transformación científica. Velaquí o que Fernández López opinaba da afección carmonense:

"Mr. Thys [enxeñeiro belga recentemente chegado para as instalaciones hidráulicas do pobo] semi-indiferente ata entón ás antigüidades romanas, sinteu ben cedo grande entusiasmo polas mesmas: fíxose o que se di un bo afeccionado, pero afeccionado práctico, deses que aspiran a coñecela nas súas intimidades, ou sexa, desenterrando eles mesmos os monumentos, única maneira de sorprender determinados segredos e experimentar as sorpresas agradabilísimas das que escoitara falar ós seus novos amigos".[19]

A integración de Bonsor neste grupo entusiasta de Carmona, unido pola afección común ao estudo dos monumentos e antigüidades da cidade, culminaría na fundación dun ente erudito privado, a Sociedad Arqueológica de Carmona.[20] Así pois, Bonsor era un afeccionado: coñecía o debuxo técnico (de feito estreouse levantando o plano do Alcázar, do mesmo xeito que faría co do Alcázar da Porta de Sevilla). Desde logo, nunca realizara prospeccións de campo con pico e pa nin era enxeñeiro ou arquitecto de profesión, nin sequera mestre de obras. Descoñecía, pois, as habilidades da nacente disciplina arqueolóxica (xeoloxía, estratigrafía) que lle permitisen analizar ou reconstruír unha estrutura desenterrada. Nun curto espazo de tempo debeu asimilar coñecementos suficientes de xeólogo, antropólogo, etnólogo, prehistoriador, arquitecto e historiador. Foi un ousado autodidacta con talento que aprendeu pronto e sobre a marcha con materia allea polo seu don de linguas, as súas relacións europeas e a súa filosofía positivista.

A existencia dunha área de necrópole coñecíase desde uns anos antes, entre 1868 e 1869, con motivo dos traballos de violación do chamado Camino del Quemadero. Así que iniciouse unha etapa de espolio sistemático por parte de afeccionados e propietarios dos terreos, cun obxectivo lucrativo, de forma que se vendían as pezas extraídas a coleccionistas. Bonsor, home serio xa determinado pola arqueoloxía, propuxo asociarse a Juan Fernández López, quen posuía unha importante colección de antigüidades romanas, para a compra das terras de onde se extraeron ao obxecto de apropiarse legalmente dos futuros achados; ao cal o farmacéutico accedeu e ademais, permitiulle facer propiedade común da súa colección particular.

Con este proxecto o 19 de decembro de 1881 finalizou a viaxe de Bonsor a España retornando a Lille, onde o esperaba o seu pai, para comezar a súa outra «viaxe»: á Arqueoloxía. A reflexión familiar debeu ser moi sinxela: por entón a investigación arqueolóxica europea descubrira España, as súas limitacións científicas, a súa historia e cultura antigas, a súa arqueoloxía de gabinete, as facilidades que outorgaba para as escavacións e mesmo o traslado ao país propio de todo o atopado. Sabíase doutros arqueólogos franceses e alemáns que fixeran de España o seu lugar de residencia: ían, cultivaban, volvían e publicaban. Despois de todo, o achado arqueolóxico non era máis que un ben suxeito ao tráfico xurídico privado e ao libre mercado (ben tanxible). Aquilo era barato, con grandes facilidades e posibilidades de "airearse" polo norte durante os meses de calor.

A Revolución Industrial producira aquela clase de audaces burgueses emprendedores que facían mercado e aproveitábanse del. Unha clase de homes dispostos a desenterrar os tesouros da Historia para levalos ao mercado, guiados pola razón, é dicir, coñecendo os seus intereses e o seu proveito.[21] Ningún escavador particular e estranxeiro ousaría espoliar as relativamente modestas antigüidades metropolitanas das potencias colonialistas (Inglaterra, Alemaña ou Francia). Cando isto sucedeu, reaccionaron con lexislacións expeditivas.[22]

Arqueoloxía hispanorromana[editar | editar a fonte]

A arqueoloxía da morte[editar | editar a fonte]

A apertura dunha tumba considerábase moral e relixiosamente unha violación ou unha profanación. A apertura dunha tumba antiga, feita co debido método, e a apropiación do seu contido con fins científicos considerábase un acto lexítimo e unha fonte de información historiográfica (material e simbólica). Unha das grandes frustracións do arqueólogo é atopar unha tumba xa violada desde a antigüidade.[23] Os inicios das actividades arqueolóxicas da sociedade Bonsor & Fernández centraríanse basicamente na arqueoloxía hispanorromana, coa escavación da xa coñecida e moi espoliada necrópole e o descubrimento do anfiteatro, centrándose tamén no estudo das murallas, portas e alcázares de Carmona así como o seguimento e rexistro dos restos construtivos que aparecían intramuros. Unha vez adquiridos os terreos agrícolas apropiados en sociedade cooperativa, Bonsor comezou a deseñar o proxecto de escavación durante os anos 1882 e 1883, contratando peóns (con Luís Reyes Calabazo como orientador [morreu en 1898] e Rafael Pérez Barreira como capataz) e equipamentos. Procuraban ler todo o publicado sobre Historia e descubrimentos arqueolóxicos. Co fin de recibir consellos e formación práctica, ambos os socios emprenderon unha viaxe por distintos museos de Europa.[24]

Carmo romana[editar | editar a fonte]

Escultura achada na Tumba do Elefante (Museo da Necrópole de Carmona).

Esta etapa desenvolveuse entre 1882 e 1886. A documentación que se conserva actualmente en todo o concernente á escavación da necrópole romana é relativamente escasa porque en gran parte foi vendida por Bonsor á Hispanic Society. Aínda que suficiente como para saber que supuxo o primeiro proxecto de escavación sistemática e planificada en España. As primeiras escavacións de Juan Fernández e George Bonsor remóntanse ao inverno de 1882 nos terreos que adquiriran de oliveiras e canteiras coñecidos como os campos de la Paloma, de Manta e de la Plata. Os traballos continuaron ao longo de todo o inverno e a primavera de 1883, e no outono, primavera e verán de 1884, para finalizar, momentaneamente, cara a primavera de 1885, data na que xa se escavaron 225 estruturas funerarias, alcanzando a cifra de 300 nos seguintes anos. As principais tumbas poden observarse actualmente en tecnoloxía 3D.[25]

Arqueoloxía liberal[editar | editar a fonte]

Cabeza de Servilia.

Bonsor e o seu socio español estableceran os cimentos dunha moderna arqueoloxía liberal baseada na propiedade privada e o libre mercado. O recinto foi cercado con garda e construíuse no centro da necrópole da súa propiedade un museo "in situ" de concepción funcional, que foi tamén a vivenda de Bonsor e depósito da súa colección ata que se mudou ao castelo de Mairena. Alí hospedaban aos arqueólogos estranxeiros visitantes.

Existe evidencia de que se cobraba unha entrada por visitalo e facíanse rebaixas a grupos.[26][27][28] A inauguración produciuse o 24 de maio de 1885. A Necrópole e o seu Museo quedaron expostos ao público. Aquel mesmo ano tamén se fundou a Sociedade Arqueológica de Carmona, entidade erudita privada, radicada na rúa San Felipe número 15 xunto ao xornal "La Verdad", que pretendía dar un lustre académico e científico ao núcleo carmonense.[29][30] A este ano corresponde o achado doutras dúas grandes tumbas, a chamada Columbario-triclinio e a Tumba do Elefante.[31]

O último gran descubrimento realizado na necrópole de Carmona, levado a cabo exclusivamente por Juan Fernández López en terreo da súa propiedade, foi a chamada Tumba de Servilia.[32][33] O seu nome débese ao achado dun pedestal estatuario na que se le a inscrición SERVILIAE L F P MARI MATER D. Nesta escavación produciuse o descubrimento dunha estatua de muller sen cabeza e o pedestal de mármore aludindo á inscrición nomeada anteriormente. O 6 de xuño de 1886 realizouse a presentación oficial ás autoridades científicas españolas para que, dado o seu carácter privado, xulgasen os traballos realizados. A Real Academia da Historia e da de Belas Artes de San Fernando, institucións sobre as que recaía a competencia en materia arqueolóxica e conservación do Patrimonio histórico-artístico, nomearon académicos correspondentes de ambas as academias a George Bonsor e Juan Fernández López.[34] Desde 1905 até a súa doazón ao Estado Español en 1930, non existe ningún dato de novos traballos ou escavacións desenvolvidos no xacemento.

O anfiteatro de Carmona[editar | editar a fonte]

Estatua achada por Juan Fernández López na chamada Tumba de Servilia.(Museo da Necrópole de Carmona).

Dentro das escavacións que se realizaron na Necrópole, destaca o achado do anfiteatro de Carmona, en cuxo descubrimento foi decisivo o labor de Bonsor. A topografía do terreo fixo sospeitar aos arqueólogos que, no chamado Campo de la Plata, debería atoparse o monumento público que ían buscando: unha inmensa caivanca que até entón se usou para albergar amurca.

En maio de 1885 realizáronse unhas sondaxes previas para o que trazaron unha gabia de ensaio cunha anchura de 0,80 metros desde a zona alta da caivanca ao centro da depresión, con orientación sueste-noroeste, até alcanzar a rocha, que deu como resultado o descubrimento de parte da praecinctio.[35]

Tomás Domínguez Romera, conde de Rodezno, era o propietario ausente dos terreos e este tíñao arrendado a José Domínguez y Trigueros, de quen obtiveron o permiso necesario para realizar novos traballos durante cinco meses. A intención dos arqueólogos era adquirir estes terreos, pero o prezo posto polo propietario era inalcanzable para eles.

Para o cálculo cronolóxico do monumento e a súa interpretación, Bonsor baseouse principalmente nos achados numismáticos e nas tumbas. Para datar a construción do anfiteatro, que sitúa nos tempos dos primeiros emperadores, non tiña máis testemuños que as antigas tumbas das inmediacións, as cales eran posteriores á construción do Anfiteatro. Para a data de abandono posuía máis elementos de xuízo, como o achado dunha tumba á dereita da grande entrada tallada na roca, e nunha dirección transversal ás bancadas do segundo meníano.[36] A tumba, que carecía de axuar, pero si parecidos tipolóxicos con outras achadas na Necrópole, daba claros indicios de que o abandono do anfiteatro correspondía a finais do Imperio.

Este anfiteatro é un edificio complexo, xa que conxugaba finalidades propias de teatros e circos. A pesar diso, considerouse a posibilidade de atopar noutro lugar o teatro ou o circo. O anfiteatro de Carmona, que é un dos primeiros construídos en Hispania, foi un achado importante para a arqueoloxía romana no seu tempo ao ter a singularidade de ser descuberto mediante un novo concepto de investigación arqueolóxica.[37]

Consciente Bonsor do valor do monumento, tratou por todos os medios que a súa escavación se efectuase completamente, aínda que sen éxito, apelando ás institucións oficiais e en especial á Real Academia da Historia un de cuxos académicos, Rada, mesmo inclúe o anfiteatro na súa memoria sobre a Necrópole.[38] Juan Fernández López refire nas Memorias de la Sociedad Arqueológica de Carmona que recibiron 300 pesetas que solicitaran á Deputación Provincial, pero que non cobraron até un ano máis tarde, non podendo practicar as escavacións en extensión, como tiñan proxectado. O anfiteatro romano de Carmona foi propiedade privada até 1973 en que os Condes de Rodezno doárono ao Estado, pero tal cesión non mellorou as expectativas deste xacemento, case abandonado aos efectos do tempo e sen obras de escavación posteriores.

Arqueoloxía prerromana: Los Alcores[editar | editar a fonte]

A primeira etapa desenvolveuse entre os anos 1894 e 1898. A exploración de Los Alcores iniciouna a Sociedad Arqueológica de Carmona a partir da intuición do socio Manuel Pelayo del Pozo, quen en 1884 pensou na cultura ante-romana. Tras algunhas escavacións pouco éticas e desafortunadas de Juan Peláez y Barrón e algún outro socio xornalista mal avenido, a partir de 1885 continuou Bonsor en solitario, ao permitilo o regulamento da Sociedade.

O seu obxectivo era o de estudar determinadas estruturas intuídas da época protohistórica da rexión. O interese por este período (eneolítico-bronce tardío-Ferro I) hai que buscalo no xiro que se produciu en Europa na investigación arqueolóxica que, en detrimento do Paleolítico, centrou a súa procura nos períodos máis atractivos para a orixe e conformación dos nacionalismos europeos, entre o Neolítico e a dominación romana.

Aqueles achados protohistóricos (ante-romanos) que ían aparecendo baixo túmulos ou a pouca profundidade suscitaban unha dúbida fundamental: viñan dalgunha outra cultura ou foran concibidos in situ polos aborixes (neste caso, xenericamente os iberos)?

En resposta ao evolucionismo darwiniano, que postulaba un desenvolvemento cultural policéntrico entre civilizacións posto que a psique era común, o difusionismo monocéntrico, de ideoloxía máis conservadora, atribuía o progreso ao contacto cultural e ao fluxo cultural entre superior e inferior. Dentro do marco difusionista étnico, que comezara a xurdir do idealismo filosófico alemán a partir da década de 1880, a capacidade humana para a innovación foi considerada tan limitada que os descubrimentos básicos, como a cerámica ou a metalurxia do bronce, parecían non poder ser inventados máis que unha vez e por tanto recorríase ao difusionismo como explicación da súa expansión por todo o mundo.

Os difusionistas constataban a similitude de certas manifestacións de culturas inferiores coas das grandes civilizacións superiores, chegando á conclusión de que aquelas imitaban pobremente a estas. Así calquera artefacto arqueolóxico atopado nun xacemento debía mostrar a pegada dunha influencia exterior máis potente, fose minoica, fenicia, exipcia, celta, grega etc. Precisamente situada nalgún dos territorios que por entón estaban a ser explotados polas principais potencias coloniais europeas. Había que elucubrala por metodoloxía comparativista; facíanse detalladas clasificacións de artefactos, corpus, que se organizaban en secuencias culturais para establecer paralelismos (discusión de paralelos). Había multitude de eruditos de gabinete que peritaban ante unha simple fotografía por este método. Neste cambio de perspectiva xogou tamén un papel determinante o descubrimento das raíces prehistóricas das chamadas culturas clásicas, a partir dos traballos de Heinrich Schliemann en Grecia e de William Matthew Flinders Petrie en Exipto, por citar os máis representativos, que se produciron entre 1880 e 1900, é dicir no momento en que se realiza a síntese do modelo filolóxico e o modelo naturalista, unión que deu lugar á moderna arqueoloxía.

No seminario de Santo Isidoro de Sevilla impartíase a materia de Arqueoloxía Cristiá.[39] A pesar de encontrarse numerosos abades entre os profesionais da Arqueoloxía, hai que dicir que en España a Igrexa Católica estivera freando o estudo de todo o relacionado coa prehistoria e vía con malos ollos o darwinismo, a evolución natural e o antediluviano. Aínda en 1894 o proto-arqueólogo sevillano Carlos Cañal afirmaba:

« [...] as exploracións e achados prehistóricos confirman, se de confirmación houbese mester, a doutrina sempre sostida como verdadeira. O Congreso Católico [III] habido en Sevilla (1892) declarou que os estudos prehistóricos demóstrannos a aparición recente do home sobre a terra, a súa creación en estado de cultura e a súa orixe divina e inmediata».[40]

Posiblemente influíse en Bonsor a proximidade do arqueólogo profesional francés Arthur Engel ou quizais se sentise estimulado polas noticias sobre os asombrosos achados do enxeñeiro-arqueólogo belga Luis Siret en Almería (publicados con grande aceptación internacional en Anveres en 1887).[41][42]

Bonsor foi un difusionista convencido. A exploración de Los Alcores foi, sen dúbida, un dos seus traballos máis transcendentais.[43] A súa importancia céntrase en tres aspectos que se relacionan:

a) Por unha banda, na natureza dos seus descubrimentos. Os seus achados eran tumbas non contemporáneas entre si. Cada túmulo era un cemiterio que contiña un ou varios enterramentos (microespazo pechado). O ritual funerario podía ser por inhumación ou por incineración e non había unha maneira establecida de colocar a pira, a urna e os obxectos. Había así mesmo túmulos individuais (Bencarrón, Mesa de Gandul, Alcantarilla, El Acebuchal, Santa Lucía e Cañada de Ruiz Sánchez) e estruturas megalíticas.

b) Por outra banda, na metodoloxía e o criterio espacial empregados no seu traballo de campo. Os enxovais, a cerámica, o tipo de ritual daban lugar a interpretacións ambiguas sobre datación, status social, etnia ou intercambios comerciais. Bonsor dá moita importancia á análise das relacións entre xacementos, e á análise das relacións dos xacementos coa contorna ambiental no que se sitúan. Intúe, no macroespazo da veiga do Guadalquivir, a permanente presenza de “pobos”: celtas, fenicios, libio-fenicios (cartaxineses), como motores da civilización e do asentamento de culturas (aculturación), nun inconcreto marco de “colonias” e colonización agrícola fenicia ou púnica, que non explicou no seu momento. A súa simpatía anglosaxoa polo semita (fenicio, libio-fenicio ou púnico) facíase evidente.[44]

c) E por último, pola forma expositiva; os seus resultados foron publicados de maneira brillante na Revue Archeologique en 1899, baixo o título Les colonies agricoles pre-romaines de la Vallée du Betis, converténdose na primeira e máis famosa publicación de George Bonsor.

Posteriormente volveu centrarse en Los Alcores (a chamada segunda exploración de Los Alcores 1900-1911), realizando prospeccións e escavacións que son de significativa importancia, pois permitiron a Bonsor precisar e describir a secuencia cultural da rexión da veiga de Carmona e, por extensión, do baixo Guadalquivir.[45]

Como resumo secuencial: Bonsor mantén a existencia desde o Neolítico dunha cultura indíxena pre-existente no val do Guadalquivir, que se verá influída pola colonización fenicia (que tivo un marcado carácter agrícola no val) durante o Bronce Final, da que se orixinaría a cultura Tartesa, que alcanza o seu máximo apoxeo durante o Ferro I. Ao final deste período terá que soportar a invasión céltica e a cartaxinesa. Bonsor nega calquera influencia grega nesta área suroccidental de Andalucía.

Itálica[editar | editar a fonte]

Polo ano 1892 Arturo Galí Lassaletta publicou unha Historia de Itálica, que puña de manifesto o abandono no que se atopaba o xacemento de Santiponce por parte da Comisión de Monumentos Provinciais, presidida entón por Francisco Caballero Infante, do gobernador civil e os alcaldes de Sevilla e Santiponce.[46] O monumento era propiedade do Estado, aínda que o resto dos terreos eran de propiedade privada, o que favoreceu a realización de intervencións particulares nas ruínas, principalmente na vila.

Estas intervencións clandestinas, con fins máis ou menos científicos ou en busca de pezas importantes para coleccións particulares e exorno de mansións aristocráticas, produciron tamén, como era de esperar, descubrimentos significativos, como o Bronce de Itálica, un tesouro de barras de prata e ouro e moedas, ademais de importantes pezas escultóricas, mosaicos etc.[47] O francés Arthur Engel, eminente numismático, xunto con Antonio María de Ariza protagonizaron, cara a 1890, unha serie de escavacións no xacemento, nas que descubriron tumbas e inscricións funerarias, que foron depositadas no museo do Ateneo y Sociedad de Excursiones. Bonsor publicara un traballo divulgativo sobre Itálica titulado «Le Musée archeologique de Séville et les ruines de Itálica».[48]

Como concibiu o propio Huntington a viaxe de 1898 a Andalucía: “Esta é unha viaxe de libro. Afiei as poutas e levo unha bolsa enorme. En Sevilla hai material a esgalla e a beiras do Guadalquivir aniñan algunhas coleccións espléndidas. A verdade é que estou canso de botar o anzol nas augas pouco profundas dos arroios do norte [de España]. Se cadra esta vez pica algo aínda máis grande que unha pescada”.

(Tomado do catálogo bilingüe dos seus fondos españois editado pola Hispanic Society en 2000: VV.AA., The Hispanic Society of America: Tesoros, Nova York, 2000).[49]

En xaneiro de 1898 chegou a Sevilla Archer Milton Huntington, un diletante millonario americano. Alí esperábano Arthur Engel e Bonsor, escribe Archer:

«Somos amigos; os dous déronme a benvida a unha pracenteira fraternidade. Pasamos as noites e os días xuntos [...] Eu pensara en complicadas preparacións, pero non, non fan falta, temos que avanzar [escavando] ó noso capricho e atopar o tesouro, se podemos».

Atraído polos tesouros da antiga cidade romana e polas facilidades de escavación, arrendou un terreo cara ao sur de Itálica no que emprendeu unha serie de escavacións sen ningún coñecemento técnico. Os traballos que comezou Huntington tiveron que ser interrompidos por causa da guerra cos Estados Unidos de 1898.[50] Este primeiro contacto foi de especial importancia para o futuro de George Bonsor, xa que este mantivo unha estreita e intensa amizade e colaboración con Huntington durante toda a súa vida, froito da cal se conserva unha abundante e expresiva relación epistolar[51] e mercantil.

A exploración das illas Scilly[editar | editar a fonte]

Unha vez rematada a primeira exploración de Los Alcores, Bonsor emprendeu a das illas Scilly. Ambas as exploracións gardan unha íntima relación coa presenza fenicia no Occidente europeo. Esta sería a única vez que Bonsor acometeu unha investigación de ámbito europeo, de plena iniciativa persoal e contando exclusivamente cos seus propios medios.[52]

Mapa de Europa baseado na xeografía de Estrabón amosando as illas Casitérides ao noroeste de Iberia.

Bonsor utiliza o método hipotético-deductivo, que consiste nunha estratexia de investigación que parte de toda unha serie de teorías previas cuxa contrastación sería o obxectivo último da investigación. O obxectivo principal era atopar probas arqueolóxicas que demostrasen a presenza dos fenicios nas illas Scilly, arquipélago identificado pola historiografía británica coas Casitérides da antigüidade. As illas Scilly son un grupo de illas e illotes, situadas ao suroeste da península de Cornualla. Tan só cinco das illas estaban habitadas: Saint Mary's, Tresco, Saint Martin's, Bryer e Saint Agnes. St. Mary, que é a capital, conta coa maior parte da poboación. Na época, estaba moi difundida en Inglaterra a crenza orientalista de que os fenicios chegaran até a rexión de Cornualla, desde o emporio comercial de fundación máis antiga deste pobo en Europa occidental: Tartessos, a Tharsis bíblica, en busca de estaño. Esta cuestión constitúe unha das fontes do xa exposto semitismo inglés, cuxo máximo representante en Inglaterra foi o historiador George Rawlinson coa súa obra History of Phoenicians, que é precisamente a obra que Bonsor manexou como modelo histórico.

Cabe destacar o ambicioso do proxecto que non era senón o claro reflexo dunha idea de arqueoloxía filolóxica. Verdadeiramente, é na exploración das Scilly onde Bonsor alcanzou a plena madurez como arqueólogo aínda que non fose considerado como tal no seu país.

Bonsor estudou en tres viaxes estivais unha serie de tumbas en varias das illas sen atopar vestixios fenicios, que el coñecía moi ben. Tampouco atopou evidencias de vetas minerais nin chegou a intuír a etnia dos seus habitantes. Chegou á conclusión de que as illas Scilly non eran as Casitérides. Ante o precario dos seus achados, non os publicou aínda que tiña un diario pormenorizado da súa viaxe. Tomou mostras de arxilas, de cunchas, de fauna etc. que fixo analizar por científicos ingleses. Aínda que os obxectivos históricos expostos inicialmente non foron alcanzados, existiron outros factores que se relacionan coa súa metodoloxía prospectiva que son os que confiren un gran valor ao seu traballo nas illas Scilly.

[editar | editar a fonte]

Dous ilustres colegas franco-arqueólogos. Pierre París (dereita) xunto a Arthur Engel en Osuna.

Bonsor alcanzou un recoñecemento unánime pola súa notable contribución ao progreso e avance dos estudos arqueolóxicos. A lectura da súa correspondencia revela os seus estreitos lazos con autoridades científicas da época.[53] Por iso, foi nomeado membro de varias Sociedades:

  • Membro correspondente da Societe de las Scaénces, Arts et Belles Lettres du Tarn (18-2-1888).
  • Socio correspondente da Sociedad Artístico-Arqueológica de Excursiones de Cádiz (23-6-1893).
  • Membro correspondente da Societe de Correspondance Hispanique de Bordeos (8-3-1898).
  • Socio correspondente da Sociedad Artístico-Arqueológica Barcelonesa (26-3-1900).
  • Socio da Societe d'Archeologie de Bruxelas (2-4-1900).

Pero, indiscutiblemente, o feito máis revelador deste recoñecemento foi o ser chamado a formar parte do comité francés de organización do Congreso Internacional de Antropoloxía e Arqueoloxía Prehistóricas para desempeñar o cargo de secretario adxunto coincidindo coa Exposición Universal, o que significou o seu pleno recoñecemento no concerto internacional.

Durante estes anos colaborou cunha serie de artigos na reorganización da Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos, que foron publicados consecutivamente nos anos 1897, 1898 e 1899 e que se englobaron baixo o título Noticias arqueológicas de Carmona. Nestes artigos comunicou os descubrimentos que se produciron ao longo destes anos, entre outros o dos mosaicos romanos baixo o soar que ocupaba o antigo convento de Santa Catalina de Carmona, posteriormente convertido en praza de Abastos. Recompilou os achados de cabezas femininas romanas en distintas épocas e lugares de Carmona, que atribuíu á época de Tiberio polo estudo do toucado, aos que engadiu a descrición da Tumba de Postumio acompañado dun debuxo da planta e sección da mesma, pois Bonsor considerábaa contemporánea das esculturas estudadas.[54]

Revelou materiais inéditos da necrópole romana de Arva, un chumbo e dous lacrimatorios con marca de fabricante, e asesorou sobre a conservación de antigüidades, en concreto sobre o control da humidade e a conservación dos obxectos metálicos. Por último, publicou un conciso estudo sobre hiposandalias romanas (calzado para cabalos), acompañado dun curioso debuxo.[55]

Arqueoloxía filolóxica[editar | editar a fonte]

A arqueoloxía de Bonsor foi nalgunhas ocasións unha “arqueoloxía filolóxica”, baseada en textos clásicos. Non é de estrañar que prospectase nas míticas illas Casitérides buscando pegadas de estaño ou no tramo navegable do Guadalquivir buscando os “oppida” do Libro III da Historia Natural de Plinio o Vello; incluso o termo “navegable” é propio dun autor clásico como Estrabón. Realizou dúas expedicións a pé polas ribeiras do Guadalquivir (1889-1890) para constatar e corroborar a exacta procedencia das marcas das distintas olarías que se distribuían ao longo do río seguindo a toponimia de Plinio (Carbula, Detuma, Celti, Axati, Arva, Singilis etc) comparándoos cos achados do Monte Testaccio en Roma. Bonsor traza con toda fidelidade unha carta arqueolóxica da implantación rural romana no Baixo Guadalquivir onde fai constar as grandes aglomeracións urbanas, vilas, granxas, necrópoles, olarías, portos, piscinas, estanques e alxibes. En 1900 e 1902 Bonsor renovou a exploración do río Genil, entre Palma del Río e Écija, e a do Guadalquivir desde o río Guadalbacar até Alcolea del Río. Os resultados foron publicados despois da súa morte, onde Bonsor desenvolveu unha ampla teoría sobre a navegabilidade do río, a economía e o comercio da Bética coa metrópole romana.

Mapa de Tartessos.

Bonsor concibira unha teoría de gabinete sobre Tartessos seguindo os textos de Avieno no seu Hispania, Ora Marítima.[56] A capital de Tartessos sería unha primitiva Gadir-Tarsis, situada na desembocadura dun dos dous brazos do Guadalquivir (actualmente cegado) nunha illa situada entre Sanlúcar de Barrameda e Rota. Posteriormente serían expulsados os seus habitantes que fundaron a segunda Gadir, na localización actual de Cádiz. Adiantándose á xeoarqueología de liña de costa, en 1920 explorou a costa en solitario en busca da mítica cidade de Tarsis sufragado pola Hispanic Society. O seu resultado foi negativo. En 1923, 1924 e 1925 colaborou cun equipo alemán dirixido por Adolf Schulten explorando amplas zonas da costa do coto de Doñana sen ningún resultado.[57]

Arqueoloxía de campo[editar | editar a fonte]

Cruz del Negro

Importante necrópole, situada a un quilómetro ao nordés de Carmona, ao redor da antiga vía romana que conducía a Axati (Lora del Río).[58] Os seus achados serviron de referencia-tipo.

Cañada de las Cabras

Xacemento que se atopa entre o camiño de Lora del Río e o canellón que deu nome ao xacemento, a un quilómetro ao norte de Carmona, moi próximo á necrópole da Cruz del Negro.

Bencarrón e Gandul

As escavacións máis importantes de toda esta nova exploración de Los Alcores foron as levadas a cabo neste gran conxunto arqueolóxico. Pode considerarse a esta área que engloba a varias necrópoles, todas elas pertencentes ao hábitat situado na Mesa de Gandul, que Bonsor sempre identificou coa cidade romana de Lucurgentum, citada por Plinio.[59][60] Os primeiros traballos neste xacemento levounos a cabo en 1895, cando escavou varios túmulos en Bencarrón Alto. Con todo, foi na campaña de 1902, cando completou a escavación de case a totalidade das necrópoles megalíticas, tartesa e romana.[61] En 1905 proxecta con Arthur Hengel escavar de novo na Mesa de Gandul nas ruínas de dous pequenos templos, cun orzamento de 1000 pesetas. O propietario do terreo, Marqués de Gandul, esixiu compartir os achados.[62] O proxecto frustrouse.

Ranilla (Carmona)

Neste lugar, que se atopa a 4 quilómetros ao nordés de Carmona, Bonsor escavou unha estrutura que denominou túmulo, situada no bordo do Alcor, en terras da Marquesa de las Torres de la Presa.

El Acebuchal (Carmona)

Área na que se atopaba unha terra negra chea de detritos domésticos, na que achou un grupo de vinte e dous pequenos silos que contiñan pedras queimadas, ósos de animais, láminas de sílex cortantes e dentadas, punzóns e pequenos instrumentos de cobre, pesas de tear, placas de arqueiro, un ídolo de violín e fragmentos de cerámica campaniforme decorada.

Alcaudete (Carmona)

Xacemento situado ao sur da estrada Carmona-El Viso, entre esta e o camiño que sae cara ao casarío, na Veiga, datado nun momento eneolítico precampaniforme.

Oliveiral dos Toruños, Santa Lucía (El Viso del Alcor)

Nesta necrópole realizou unha nova campaña de escavación, entre o 26 de xaneiro e o 22 de febreiro de 1908 co obxectivo, esta vez, de escavar o maior dos túmulos.

El Raso del Chirolí (El Viso del Alcor)

Lugar situado no alto da costa, aproximadamente a 200 metros antes de chegar ás primeiras casas de El Viso, á esquerda da estrada de Carmona a El Viso, un grupo de sete túmulos, que escavou o 1 de novembro de 1909. Dos sete supostos túmulos só dous deles cubrían tumbas de incineración.[63]

Necrópole romana de El Viso del Alcor

Necrópole romana, probablemente chamada antigamente Víseum ou Viz, situada nun cerro pedregoso a un quilómetro ao oeste da igrexa de El Viso, nun cercado pegado ao límite do termo con Mairena. Neste campo hai unha pequena canteira romana na cal se pode ver unha tumba cortada na rocha coas súas fornelas para as urnas cinerarias, como as de Carmona.

Baelo Claudia, Bolonia (Cádiz)
Vista da basílica de Baelo Claudia, na enseada de Bolonia, recuperada entre os anos 1917 e 1921 coa colaboración de George Bonsor.

Entre 1917 e 1921, Bonsor participou baixo a dirección do arqueólogo francés Pierre Paris na recuperación da cidade de Baelo Claudia. Encargouse especificamente da necrópole.[64][65] O abastecemento de auga da cidade realizábase por medio de tres acuedutos. Tamén pode apreciarse a zona industrial con restos das instalacións para a fabricación do garum, rúas, acuedutos, restos do sistema de rede de sumidoiros etc. En ningún outro xacemento romano da Península Ibérica é posible unha visión tan completa do urbanismo romano como en Baelo Claudia. Nisto radica o seu principal interese, destacado tamén pola espectacular paisaxe que rodea á cidade.

Setefilla (Lora del Río)

Prospección realizada tamén baixo patrocinio francés, xunto ao arqueólogo G. Thouvenot, o xacemento de Setefilla[66] atópase situado nos primeiros estribos da Serra Morena a 9 quilómetros ao nordés de Lora del Río, nunha serie de cristas rochosas que popularmente son designadas como mesas, entre as que discorre o río Guadalbacar, afluente do Guadalquivir. Aínda que o xacemento tome o nome da mesa onde se atopa un castelo medieval e a ermida da nosa Señora de Setefilla, fundada no século XVII, este confórmano varias destas mesas, que son coñecidas co nome do Membrillo, Castillejo e Almendro, que posúen restos arqueolóxicos de distintas épocas.[67]

Calendario litúrxico visigodo

A finais do ano de 1908 no hoxe claustro da igrexa Prioral de Santa María, descubriuse, con motivo de certas obras de restauración, un calendario litúrxico visigodo: nunha columna estaban ordenados os poucos santos por cada día. Sen ter unha idea clara do que se trataba, nun principio Bonsor fixo unha copia do fuste epigráfico que enviou ao académico pai Fidel Fita. O académico madrileño apreciou inmediatamente o seu alto valor, pois non en balde tratábase do calendario litúrxico máis antigo da Península.

O Castelo de Mairena del Alcor[editar | editar a fonte]

Castelo de Luna.

George Bonsor comprou o castelo en ruínas o día 16 de novembro do ano 1902 ao erudito e militar Antonio Blázquez y Delgado Aguilera por 2.000 ptas.[68] A fortaleza pertencera ao duque de Osuna até o ano 1897. A súa data de construción, probablemente sobre a segunda metade do século XIV, baixo a figura do señor de Marchena Pedro Ponce de León.

No ano 1903 o arqueólogo asumiu tanto a dirección dos traballos arqueolóxicos previos, como o deseño das novas estruturas e a adaptación das ruínas existentes.[69] A intervención produciuse, fundamentalmente, no sector noroeste ao presentar mellor estado de conservación. Os primeiros traballos consistiron na consolidación das dúas torres deste sector, unidas mediante un corpo de nova planta rectangular que construíu aproveitando un muro correspondente á ampliación do século XV, no que se atopaba o corpo de garda.

O resto de distribucións mantívoas no estado de conservación no que as atopou. Delimitou a propiedade da fortaleza no sector sur e habilitou unha entrada para carruaxes con acceso desde a parcela que circunscribe á fortaleza. Segundo a súa fantasía vitoriana de converterse en alcaide castelán, unha vez restaurado o castelo (1903-1907) converteuno na súa residencia.[70] Conseguido o fogar, a continuación contraeu matrimonio con Gracia Sánchez Trigueros (unha das tres belas mozas que aparecían no seu cadro alegórico de España).

Algúns custos comparativos no ámbito de Bonsor (1903-1906).

Xornal de 12 horas dun peón: 1,75 ptas.; Xornal dun oficial albanel: 2 ptas.; Xornal de muller para fregar o chan; 1,25 ptas.; 1 Fogaza de pan: 0,56 ptas.; Billete de tren Mairena del Alcor-Carmona: 1,65 ptas. (Segundo Bonsor no seu Diario da reconstrución do Castelo).[71]

O mesmo día da súa voda (celebrada polo rito católico con permiso do Vaticano) o 4 de marzo de 1907, situou a súa residencia no Castelo. Amoblouno ao gusto pompier recargado da época. Fíxose traer desde o museo da necrópole de Carmona as súas coleccións. Adornou as paredes da súa nova residencia coa colección de pintura que fora reunindo. Destacaba no salón principal do Castelo, polo seu gran formato e maxestade, o conxunto de cadros de Valdés Leal comprados ao convento de Santa Clara de Carmona (1905) coa autorización do arcebispo, algún fragmentado en unidades máis pequenas.[72][73] Bo afeccionado ás pinturas de Luís de Morales, tiña en lugar preferente unha Sacra Familia, que acabou vendendo con moito sixilo á Hispanic Society of America.[74]

O marchante: The Hispanic Society of America[editar | editar a fonte]

Bonsor coñecera a Archer Milton Huntington a finais de século en Itálica. Nesta estancia, Huntington puido apreciar o importante traballo desenvolvido por Bonsor en Carmona. Tras uns anos, con motivo do envío de Bonsor do seu artigo Los Pueblos antiguos del Guadalquivir y las alfarerías romanas, ambos personaxes volveron establecer contacto, iniciándose unha regular relación entre ambos até 1903. Huntington, coa intención de promover o interese da cultura española en Norteamérica, decidiu crear unha institución e fundou o 18 de maio de 1904 The Hispanic Society of America, con sede en Nova York. Para iso creáronse unha biblioteca e museo de carácter público e gratuíto, o que levou á importación de libros, obras de arte e antigüidades españolas, que serían a principal tarefa do hispanista estadounidense durante bastantes anos. A importante Biblioteca do Museo Británico, desiderátum de calquera científico, solicitara as publicacións máis significativas de Bonsor que a Hispanic Society de Huntington comprometeuse a publicar, traducidas do francés ao inglés con todo esmero.[75]

Mosteiro de Santa Clara onde Bonsor comprou azulexos e as pinturas de Valdés Leal.

A Hispanic Society of America converteu a Bonsor nun dos seus principais provedores de antigüidades ou marchante en España.[76] Cando facía poucos anos que a escultura da Dama de Elx fora comprada legalmente por 4.000 francos polo museo do Louvre (por Pierre Paris en 1897), a desconfianza cara aos intermediarios estranxeiros exacerbou o nacionalismo patrio.[77][78] Este foi un dos aspectos máis criticados a Bonsor.[79]

Tremissis de Iudila. Tesouro da Capela. Carmona (só existen dous únicos exemplares, de dúas cecas diferentes).

En efecto, Bonsor vendeu unha importante parte dos obxectos procedentes de Los Alcores, ademais dunha colección de azulexos, pintura española e outros obxectos artísticos e bibliográficos.[80][81] Estas vendas eran permitidas pola lexislación que existía por aquel entón en España sobre exportación de antigüidades. Os envíos facíanse directamente a Nova York desde Sevilla por barco, perfectamente embalados por Bonsor. Tras un trámite aduaneiro legal (factura de coñecemento de embarque) eran alí entregados á Hispanic Society. O pago facíase sen perder tempo por medio de cheques en pesetas xeralmente ao Credit Lyonnais de Sevilla. Outras veces os obxectos viaxaban por fronteiras intermedias. Con frecuencia tolerábase entre as potencias coloniais que andase mesturado o corpo diplomático no tráfico de antigüidades valiosas.[82]

Archer M. Huntington (1900), Mecenas da Hispanic Society of America.

Posiblemente Bonsor nunca vendera ningunha peza que non fose destinada ó Museo da Hispanic Society, co que toda a súa colección atópase localizada nun mesmo Museo. Suponse que a finalidade desta venda foi compensar os gastos que lle ocasionaban o acondicionamento do castelo de Mairena del Alcor e o seu mantemento, ademais do da Necrópole de Carmona. Xa en novembro de 1904 Bonsor escribe a Huntington:

"Estou convencido de que non tardará en ser aprobada polas Cortes a nova Lei, proposta hai xa algún tempo, contra a exportación de antigüidades e obras de arte. Así é que decidín vender parte da miña colección de antigüidades prerromanas.[...] Enviareille unha lista coas fotografías das pezas máis importantes". [...] "Na miña última carta exprésolle o meu propósito de vender fóra de España os incunables da miña colección de antigüidades prerromanas típicas de Carmona. Terei que sacalas do país antes de que a nova lei sexa votada polas Cortes" .[...] "Mentres tanto, o presente Goberno liberal en España fíxome Cabaleiro da Orde de Afonso XII, unha Orde creada especialmente para artistas, científicos e literatos".[83]

A sociedade cooperativa Bonsor & Fernández tamén vendeu á Hispanic Soc. antigüidades procedentes do seu museo da necrópole de Carmona. En febreiro de 1905 Bonsor ofrece a Huntington a venda dun mosaico romano do seu Museo, procedente de Alcolea del Río, do que o seu socio non quere desprenderse. Promete interceder.[84] En abril chegan a acordo de ofrecerlle o lote por 5.500 ptas. Realízase o trato.[85] En 1891 ambos socios estiveron involucrados, directa ou indirectamente, no descubrimento dun importante tesouro de moedas de ouro visigóticas (tesouro de La Capilla)[86][87] que foron adquiridas por Huntington a través do anticuario francés Étienne Bourgey que llas mercara a Juan Fernández.[88] Huntington estaba moi orgulloso de ser o único posuidor dunha moeda deste lote acuñada por un rei godo descoñecido chamado IVDILA. En 1910 Bonsor críase con algunhas prerrogativas territoriais e pensaba que Adolf Schulten recoñecía que Andalucía est mon domaine archeologique. Escribía ó arqueólogo afeccionado que era Huntington:

"Por se ven Vd. o ano que ven, decidín deixar[lle] reservadas unhas importantes escavacións no meu distrito (Sic). Como prevín estou traballando aquí só, ninguén sabe o que estou facendo, pois gardo para min os resultados das escavacións".[89]

Coñécese o detalle das vendas de Bonsor á Hispanic Society; producíronse en cinco lotes e anos distintos:

  • Lote 1 (1905): varios vasos de cerámica campaniforme de El Acebuchal e materiais da Cruz del Negro, azulexos hispanomoriscos, dúas executorias de liñaxes de dous personaxes de El Viso del Alcor, dous mosaicos procedentes de Alcolea del Río e regalan varias pezas da Necrópole romana de Carmona. Á Sra. Huntington regaloulle un traxe de seda do século XVIII.
  • Lote 2 (1906): cerámica campaniforme de El Acebuchal, marfís gravados fenicios e outros obxectos da Cruz del Negro, Bencarrón, Santa Lucía, Alcantarilla, Cañada de las Cabras e Huerta Nueva. Unha serie de figuras de tamaño natural dun belén do século XVII, dúas columnas salomónicas, un Ecce Homo de El divino Morales, unha colección de azulexos e unha executoria do século XVII.
  • Lote 3 (1908): cerámica campaniforme de El Acebuchal, obxectos de marfil de Cruz del Negro e El Acebuchal, brazaletes e broches de cinto da Cruz del Negro, coitelos, armas de bronce e ferro da Cruz del Negro, o carro votivo de Bencarrón e outros obxectos romanos, unha ánfora romana, unha pequena cunca de cerámica avermellada con decoración floral de El Viso del Alcor, dous proxectís de pedra do século XIV do Castelo de Mairena, un cofre de cedro americano, azulexos do século XVI do Convento de Santa Clara de Carmona, un cofre de ferro do século XVI, unha urna da Cruz del Negro decorada con círculos concéntricos, dous proxectís de pedra do século XIV do Castelo de Mairena, 5 proxectís de pedra dunha balista romana de Osuna, unha urna romana e un fragmento arquitectónico de mármore branco de Carmona.
  • Lote 4 (1909): Huntington interesouse por adquirir cerámica popular española, polo que Bonsor enviou un lote de 50 cerámicas deste tipo de distintos puntos de Andalucía, concretamente de Almería, Andújar, Granada e Triana.
  • Lote 5 (1910): Gran parte dos enxovais da necrópole romana da Cañada Honda. Obxectos, número e importe cobrado da Hispanic Society:
Pezas de cristal Pezas de cerámica Lámpadas e chisqueiros Outros obxectos diversos Totais
89 75 25 50 239
9190 ptas 2660 ptas 315 ptas 3095 ptas 15260 ptas

O rendemento económico desta prospección apuntada parece absolutamente esaxerado. Xa que o investimento de toda a campaña tanto en salarios, primas e materiais, ascendeu a 1.181,80 pesetas.[90] Cada lote ía acompañado dunha serie de debuxos e notas descritivas sobre todos os materiais, especialmente os arqueolóxicos. O 20 de marzo de 1911 rematouse a venda do último lote. En xullo de 1911 promúlgase por fin a Lei de Escavacións Arqueolóxicas que, como novidades principais, establecía a primacía do interese público sobre o privado; a propiedade do Estado sobre os achados descubertos de forma casual no subsolo ou os atopados ó demoler antigos edificios e o dereito de outorgar os permisos de escavación, penalizando aquelas que se realizaran sen a súa previa autorización. Os 13 artigos da real sanción de 7 de xulo de 1911 sobre escavacións arqueolóxicas limitaron a práctica privada da Arqueoloxía.

Artigo 8.«[...] os descubridores estranxeiros autorizados polo Estado farán seus en pleno dominio un exemplar de todos os obxectos duplicados (Sic) que se descubran. [...] Os obxectos non duplicados poderán levalos ó estranxeiro o descubridor para o seu estudo, comparacións e clasificacións, comprometéndose a devolvelos ó Estado español no prazo dun ano».[91]

Bonsor quéixase da lei e amósase escuro cando declara contrariado:

«En Francia as Sociedades Arqueolóxicas do país foron consultadas polo Goberno. Todos votaron a favor da liberdade completa sobre dita materia».[92]

A partir deste momento o liberalismo arqueolóxico houbo de cambiar o seu rumbo e os colleitadores independentes houberon de integrarse en institucións oficiais máis ou menos controladas. Durante os anos 1912 e 1913 Bonsor non escava. Convértese en marchante de Huntington. Viaxa por media España buscando cerámica, ferros, cadros e antigüidades. A economía de Bonsor puido quedar afectada coa I Guerra Mundial.

Por esta época, Bonsor colaborou con algunha institución francesa como a École de Hautes Études Hispaniques (Casa de Velázquez) na prospección de Baelo Claudia e Setefilla. A partir da lei de 1911 ás institucións francesas non lle faltaron permisos de escavación pola Xunta Superior de Escavacións, pero os novos arqueólogos franceses dubidaron agora en dedicarse a España e debeuse contratar a escavadores locais máis ou menos oficiosos como Bonsor ou Cayetano de Mergelina e Luna.[22]

Involucrouse no escuro asunto da Escola Anglo-Hispanoamericana de Arqueoloxía, entidade propiedade da arqueóloga británica Helen Wishaw (1857-1937), radicada en Niebla (Huelva), onde contaba con infraestruturas de financiamento máis ben confusas aínda que baixo patronazgo Real (1923).[93] En 1927 figuraba Bonsor como co-director.[94]

Fillo adoptivo de Carmona. Cesión da necrópole de Carmona ao estado[editar | editar a fonte]

Rótulo da Avenida dedicada a Jorge Bonsor en Carmona.

Cada vez era máis necesario premiar o recoñecemento á obra e actividade de Bonsor na arqueoloxía, non só pola súa contribución á arqueoloxía, polo que foi nomeado Socio Numerario da recentemente creada Sociedade Española de Antropoloxía, Etnografía e Prehistoria, senón en xeral polos seus estudos sobre a arte, a historia e en xeral da cultura de España, particularmente de Andalucía. Así o quixeron as autoridades de Carmona, capital de Los Alcores sevillanos, que lle rendeu particular recoñecemento nomeándoo fillo adoptivo da súa cidade o día 13 de setembro de 1927. Cando enviuvou, o castelo estivo uns meses moi pechado, pois el marchou a Inglaterra a visitar as súas dúas irmás. Cando regresou comentou que fora a clarificar os seus intereses alí, e que volvera para quedar xa sempre en Los Alcores. Ao pouco da súa volta, o 1 de agosto dese mesmo ano Bonsor contraeu de novo matrimonio, esta vez en Huelva, con Dolores Simó Ruíz, filla dun antigo amigo seu.

Tumba onde xacen os restos do arqueólogo.

Bonsor, xa afectado por serios problemas de saúde, considerou que chegara o momento para levar a cabo a idea que xunto ao seu socio concibiran anos atrás, a de ceder a Necrópole romana de Carmona, o museo e as coleccións que alí se conservaban, ao Estado Español. Como vogal da Comisión de Monumentos de Sevilla, propuxo a esta que o declarase Monumento do Tesouro Artístico Nacional, ao que esta accedeu e solicitouno a principios do ano 1930 ao Ministro de Instrución Pública e Belas Artes.

Juan Fernández López legou a parte correspondente dos xacementos a Bonsor, coa idea de que este o cedese ao Estado tralo seu falecemento, desexo que plasmou Bonsor no seu testamento, escriturado en Carmona o 24 de agosto de 1925.

Os trámites realízanse con celeridade, pois o entón Director Xeral de Belas Artes, Manuel Gómez-Moreno, coñecía ben a Bonsor, a súa obra e a súa extensa contribución á arqueoloxía española. Así o 2 de xullo de 1930 é declarado por Real orde Monumento do Tesouro Artístico Nacional a Necrópole Romana de Carmona. O 28 de xullo dese mesmo ano é cedido o xacemento ao Estado Español, segundo consta en escritura pública asinada no Castelo de Mairena del Alcor ante o notario Ignacio Giménez Gil e Diego Angulo, catedrático da Universidade de Sevilla, e representante legal da Dirección Xeral de Belas Artes, intervindo como testemuñas o alcalde de Mairena, José Jiménez Florindo e José Muñoz San Román, escritor e xornalista sevillano. Autoridades, investigadores e amigos que Bonsor recoñeceron a súa amable doazón e contribución ao enriquecemento do Patrimonio histórico-artístico español.

George Bonsor faleceu o 15 de agosto de 1930 ás 17, dunha enfermidade que foi diagnosticada como ciática, no castelo de Mairena del Alcor, instalándose a capela ardente no seu estudo, para ao día seguinte, ser enterrado no cemiterio de Mairena del Alcor, onde xacen os seus restos. Un día antes do seu falecemento comunicáronlle o seu nomeamento como Cabaleiro da Gran Cruz da Orde Civil de Afonso XII de España, a maior distinción española.

Concluíu así a vida dun pioneiro da arqueoloxía española, ademais de hispanista e apaixonado amante da cultura española, das súas xentes e da súa xeografía.

Publicacións[editar | editar a fonte]

As publicacións en libros e revistas contribuían a darse a coñecer, a expandir a ciencia e abrir mercados. Segundo os seus amigos e admiradores Bonsor publicou relativamente pouco, quizais por atoparse fóra dos circuítos académicos universitarios e tamén polas limitacións técnicas daquela época (debuxos, esquemas a escala, fotografías) mesmo por rivalidades con outras nacionalidades (na rivalidade Alemaña-Francia el estivo sempre ao lado francés). Publicou algunhas monografías en francés, que enviaba gustoso aos seus colegas, en revistas da especialidade e máis tarde en inglés, a expensas da Hispanic Society of America.

  • Bonsor, G. E. (1897): Notas arqueológicas de Carmona. Revista de Arquichos, Bibliotecas y Museos 1: 231-233, 568-570.
  • Bonsor, J. (1899): Les colonies agricoles prérromaines de la vallée du Bétis. París: Ernest Leroux, éditeur. (Separata de Revue Archéologique 35, 1899).
  • Bonsor, J. (1924): Los dioses de Los Alcores, Sociedade española de antropoloxía, etnografía e prehistoria, Memorias, Tomo III. Museo Antropolóxico Nacional
  • Bonsor, J. (1927): Le véritable origine de Carmona et les découvertes archéologiques des Alcores, en Revue Archéologique, XXV, pp. 285-300
  • Bonsor, G. E.; Thouvenot, R. (1928): Nécropole ibérique de Setefilla. Lora del Río (Sevilla). Fouilles de 1926-1927. Bibliothéque de l’École deas Hautes Études Hispaniques 14. Bordeos, París.
  • Bonsor, J. (1928): Tartessos. Escavaciones practicadas en 1923 en el Cerro del Trigo, término de Almonte (Huelva). Memoria de los trabajos realizados en dichas excavaciones por don Jorge Bonsor, Madrid. Junta superior de excavaciones y antigüedades, nº 97
  • Bonsor, J. (1928): Early Engraved Ivories in the Collection of The Hispanic Society of America, Nova York
  • Bonsor, G.E.From Tarshish to the Isles of tin.
  • Tartessos. Biblioteca Virtual de Andalucía. Xunta de Andalucía. Consellería de Cultura. 2010. ISBN 978-84-9959-015-8.[95]
  • Expedición arqueológica a lo largo del Guadalquivir. Versión español de Genaro Elegante e Aurelio Padilla. Écija (Sevilla). Gráficas Sol. 1989.
  • An archaelogical sketchbook of the Roman necropolis at Carmona. Nova York: Hispanic Society of America. 1931.
  • Fouilles et travaux de restauration du Castilo de Mairena del Alcor. Années 1903 et 1904.
  • Las colonias agrícolas del Valle del Guadalquivir. Trad. do francés e estudo preliminar de Jorge Maier. Écija (Sevilla). Gáficas Sol. 1997

Nomeamentos[editar | editar a fonte]

  • Académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (1885).
  • Académico correspondente da Real Academia da Historia (1885).
  • Socio do Ateneo e Sociedad de Excursiones de Sevilla (1887).
  • Membro correspondente da Société des Sciences, Arts et Belles- Lettres du Tarn (1888)
  • Socio correspondente da Sociedad Artístico-Arqueológica de Excursiones de Cádiz (1893).
  • Membro correspondente da Société de Correspondance Hispanique de Bordeaux (1898).
  • Secretario adxunto do Congrès International d'Anthropologie et d'archéologie préhistorique (1900).
  • Socio correspondente da Sociedad Artístico-Arqueológica Barcelonesa (1900).
  • Socio da Société d'Archeologie de Bruxelles (1900).
  • Membro de The Hispanic Society of America (1905).
  • Membro do Instituto Etnográfico de París (1911).
  • Vogal da Comisión Provincial de Monumentos Histórico-Artísticos de Sevilla (1916).
  • Membro correspondente do Institut International des Hautes Études et des Beaux-Arts (1919).
  • Membro de The National Geographic Society de Washington (1922).
  • Socio do Institutum Archeologicum Imperü Germanícum.
  • Socium ab Epístulis (1924).
  • Socio Numerario da Sociedade Española de Antropoloxía, Etnografía e Prehistoria (1927).

Homenaxes[editar | editar a fonte]

  • Exposición en 2009 "Jorge Bonsor e a recuperación de Baelo Claudia (1917-1921)"[96]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un caderno de notas de estudante, que se conserva entre a súa documentación persoal está datado en Wakefield (Inglaterra), o 10 de setembro de 1872.
  2. Este premio, no documentado, é esgrimido por algúns autores para xustificar a "certa formación arqueolóxica" inicial de Bonsor en 1881 cando despertou á súa vocación.
  3. Carta de Bonsor a Reginald A. Smith, 25-6-1922. Maier, 1998: 275, vol. II.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 "Bonsor, voyage en Espagne (1880-1881)". Transcrición francesa do manuscrito orixinal por María Peñalver e Marie-Paule Sarazin. 72 follas mecanografadas a 1 espazo. 1994, páxs. 38, 41, 33, 37, 66, 53 e outras (inédito)
  5. Bonsor pagaba relixiosamente ás persoas que posaban para os seus cadros.
  6. Peñalver María. 1960. Op.cit. páx. 68
  7. Gavira Mateos, Manuel. "Historias del castillo"
  8. Juan Fernández López, nado en Carmona o 23 de xuño de 1850, da unión de Nicolás Fernández del Pino e María de Gracia López Blanco. Quedou orfo de nai ós cinco anos e de pai ós dez. Cursou estudos no colexio de San Xosé de Carmona e no Instituto provincial de Sevilla, licenciándose en farmacia pola Universidade de Granada. Comezou a exercer a súa profesión na cidade de Los Alcores en 1871.
  9. Antonio Calvo Cassini era o único académico correspondente en Carmona neses momentos.
  10. Ver debuxo en De la Rada y Delgado, Juan de Dios: "Necrópolis de Carmona. Memoria escrita en virtud de acuerdo de las Reales Academias de la Historia y de Bellas Artes de San Fernando". Imprenta y Fundición de Manuel Tello. Madrid. 1885, lámina III
  11. Peñalver, María. 1960. Op. cit. páx 76. Unha das rapazas morreu traxicamente e o seu pai solicitou a Bonsor unha copia co retrato da súa filla.
  12. Bonsor, G. (1890). Manuscrito inédito (en inglés) 1-2, Archivo General de Andalucía. Atado 1, páx. 4. Citado por Meier.1999a. Op. cit. páx. 39
  13. A iso contribuían as propias características «connaturais» á nobreza española, e, en particular, o seu «poder social sobre o tempo»; é dicir, posuír e dominar todo o «antigo», as cousas presentes que pertencen ó pasado: a Historia acumulada, atesourada, cristalizada, título de nobreza e nomes nobres, castelos, residencias históricas, cadros e coleccións, viños anellos e mobles antigos. Bourdieu, Pierre (1988). La distinción. Criterio y bases sociales del gusto. Madrid: Taurus, páxinas 69 e ss.
  14. O historiador Stanley G. Paine fixo o reconto das propiedades da Igrexa romana en España, desde logo o maior caseiro do reino despois da Administración do Estado (ou á par). Este é o resumo: 100.000 propiedades, das que 5.000 son edificios relixiosos. “En torno ó 80% do patrimonio artístico de España é propiedade da Igrexa, que tamén dispón de 300 museos e 103 catedrais”, di. El País, 26 de febreiro de 2012
  15. Sobre a burguesía terratenente que aspiraba ó ennobrecemento, tamén chamada "deferente", ver: Mayer, Arno (1984). "La persistencia del Antiguo Régimen: Europa hasta la Gran Guerra". Madrid: Alianza, páx 82 e ss.
  16. O corpo lexislativo consistía na Real Cédula de Carlos IV, de 6 de xullo de 1803 que aproba e manda observar a Instrución formada pola Real Academia da Historia sobre o modo de recoller e conservar os monumentos antigos descubertos ou que se descubran no Reino e a real cédula de Fernando VII, de 28 de abril de 1837 Pola que se prohibe a saída da Península de pinturas, libros e manuscritos antigos. O liberalismo fixo pouco en favor do patrimonio anticuario. Inoperancia política interesada mantida pola calculada ambigüidade dos grandes propietarios, moitos deles incluso académicos. Durante a Restauración, o goberno do Partido Liberal, por real orde de 6 de decembro de 1883 mandou crear unha comisión para propor unha Lei de Conservación de Antigüidades Españolas, a cal debía presentar as bases no termo de tres meses a contar desde a súa constitución, ó Ministro de Fomento: nunca chegou a producirse.
  17. Casado Rigalt, Daniel (2006). José Ramón Mélida (1856-1933) y la arqueología española. Madrid: Real Academia de la Historia, páx. 146 ISBN 84-95983-72-9
  18. Maier Allende 1999a. Op. cit. páx. 40
  19. Fernández López, M.: 1898. Discursos leídos ante la Real Academia Sevillana de Buenas Letras el 8 de mayo de 1898 por los señores D. Manuel Fernández López y D. José Gestoso en la recepción del primero. 1898. Sevilla: Escuela Tipográfica Salesiana
  20. La Sociedad Arqueológica de Carmona. En Maier Allende Jorge. 1999a Op.cit. páx. 79
  21. Xa en 1811 existían antecedentes en Europa, a maior escala, de sociedades mercantís internacionais de apaixonados polas antigüidades que operaban en Grecia. Como a denominada Xeneion, formada por arqueólogos alemáns, daneses e ingleses que espoliou o templo de Egina, cuxo friso foi logo vendido á Gliptoteca de Múnic e así mesmo o templo de Bassae, cuxos mármores foron vendidos ó Museo Británico. En 1827 o estado grego prohibiu por lei este tráfico.
  22. 22,0 22,1 V.gr. en Francia a lei Audiffred (1913) foi consecuencia do "escándalo Hauser": o anticuario suízo Hauser escavara pola súa conta e sen permiso na Dordoña e vendeu impunemente en Alemaña dous esqueletos do Cuaternario. A lei Carcopino (1941) foi suscitada por un asunto arqueolóxico cos ocupantes nazis. Gran-Aymerich, E.: "El nacimiento de la arqueología moderna (1798-1945)." Prensas Universitarias de Zaragoza. 2001 páx.410-411, 600
  23. Bonsor opinaba que os árabes foran os grandes responsables do saqueo de tumbas na Historia de España.
  24. Foi costume sistemática de Bonsor viaxar ó norte de Europa os meses máis calorosos de Andalucía, polo menos mentres estivo solteiro.
  25. Conjunto arqueológico de Carmona: necrópolis 3D I+D
  26. Maier Allende, J. 1999b Op. cit. Vol I. carta nº 2, páx 25
  27. Museo da Necrópole romana de Carmona.
  28. Anos máis tarde Bonsor aconsellaba a Mélida sobre o aproveitamento económico dun recinto arqueolóxico como o acabado de descubrir teatro romano de Mérida: 1º Billetes individuais; 2º Billetes especiais ou de familias; 3º Venda dunha guía descritiva-ilustrada do recinto; 4º Venda de fotografías e tarxetas postais; 5º Venda no despacho ou oficina de publicacións [e reproducións] arqueolóxicas e artísticas; 6º Produto de representacións teatrais, concertos etc.; 7º Todos os anos organizar xogos florais no teatro; 8º Colleita de amendoeiras, oliveiras etc. e 9º Subsidios do goberno. Meier Allende 1999b. Carta 194. Op.cit. páx 104
  29. No Museo Arqueolóxico de Sevilla consérvanse tres cadernos manuscritos, tamaño folio. Dous deles conteñen información sobre a Sociedad Arqueológica de Carmona.
  30. La Sociedad Arqueológica de Carmona. En Maier Allende. 1999a Op.cit. páx. 79
  31. Tumba del elefante Vídeo
  32. Tumba de Servilia Vídeo
  33. O descubrimento foi comunicado á Real Academia da Historia nun extenso informe do entón aínda correspondente Adolfo Fernández Casanova, datado o 25 de febreiro de 1906.
  34. Tanto Bonsor como Fernández López foron propostos Académicos correspondentes por Juan de Dios de la Rada y Delgado, Antonio M." Fabié e Fidel Fita y Colomer, o 5 de xuño de 1885.
  35. Corredor semicircular que divide a cávea lonxitudinalmente en diversos sectores, limitado por un parapeto ou balteus. A el ábrense os vomitorios e do mesmo parten as escaleiras radiais de acceso ás bancadas.
  36. Cada unha das ordes de bancadas nos circos romanos.
  37. É dicir, dos que se tiña constancia eran coñecidos visualmente xa que os seus restos nunca estiveron de todo sepultados e non foron froito dunha acción arqueolóxica premeditada. É aquí onde radica a importancia do seu descubrimento.
  38. De la Rada y Delgado, Juan de Dios: "Necrópolis de Carmona. Memoria escrita en virtud de acuerdo de las Reales Academias de la Historia y de Bellas Artes de San Fernando". Imprenta y Fundición de Manuel Tello. Madrid. 1885
  39. Impartida polo presbítero Manuel de la Peña y Fernández, quen escribiu un Manual de Arqueología Prehistórica, precedido de nociones preliminares de Arqueología General, Geología y Paleontología y seguido de cinco cuadros sinópticos de Arquitectura Cristiana y de dos vocabularios para la debida inteligencia de las voces técnicas (1890).
  40. Cañal y Migolla, Carlos: "Sevilla prehistórica. Yacimientos prehistóricos de la provincia de Sevilla". F. Fé. Madrid. 1894, páx. 2-3
  41. Arthur Engel que, casualmente pasou a ser máis coñecido polos seus traballos no campo da numismática que pola súa contribución á protohistoria ibérica, foi a España comisionado polo Ministerio de Instrución Pública francés en 1889, aínda que se sabe que a súa presenza nel, e máis concretamente en Carmona, data de 1886, xa que figura entre os asistentes ó segundo acto de presentación da Necrópole de Carmona.
  42. Siret, Henri e Louis: "Les premiers ages du métal dans le sud-est de l'Espagne". Bruxelles. 1888 [1]
  43. Unha relación pormenorizada do material funerario escavado por Bonsor en Los Alcores pode consultarse en Torres Ortiz, Mariano. 1999. Op.cit. páxs. 57-95
  44. Os ingleses da revolución industrial críanse descendentes dos industriosos fenicios semitas mentres os alemáns críanse descendentes dos arios indoeuropeos.
  45. Maier Allende, Jorge. Nuevas exploraciones en los Alcores (1900-1911). 1999a Op.cit. páxs. 173 e seguintes
  46. Galí Lassaletta, Aurelio: "Historia de Itálica. Municipio y colonia romana. 1892. Kessinger Legacy Reprint. 2010
  47. Rodríguez de Berlanga, Manuel: "El nuevo bronce de Itálica" .
  48. Bonsor, G.: "Musée archéologique de Seville et les ruines d'Italica". Revue Archeologique, XXXII: 3-15. 1899
  49. Canto, Alicia M. (2009). La exposición de la Hispanic Society of America marcha a Sevilla.
  50. González Parrilla, J.M.: "Archer Milton Huntington y la arqueología italicense de fines del siglo XIX". HABIS, 33; 487-499,374-375, 2002
  51. Meier Allende Jorge. 1999b. Op.cit. vol 2
  52. Sobre as prospeccións de Bonsor nas Scilly ver Peñalver, María (1960) Op. cit. páxs. 105-114; 117-128, 137
  53. Maier Allende 1999b. Op. cit.
  54. Tumba de Postumio Vídeo
  55. Tipo de calzado de protección para cabalos e mulas, consistente nunha bota de coiro con placas de ferro na súa base fixadas con correas ou cordas.
  56. Rufus Festus Avienus. Ora Marítima.
  57. Bonsor, Schulten y Tartessos
  58. Sánchez, M.; Ladrón de Guevara, I. (e.p.). «Sepulturas Cruz del Negro en la necrópolis de Bencarrón (Los Alcores, Sevilla)». Actas del IV Congreso Internacional de Estudios Fenicios y Púnicos. Cádiz 2-6 outubro de 1995.
  59. Plano del yacimiento de Gandul dibujado por Bonsor
  60. Bonsor identificou a cidade da Mesa de Gandul co oppidum de Lucurgentum lulii Genius, citado por Plinio na súa Historia Natural (111, 11), por unha pequena inscrición funeraria, conservada por un clérigo en Alcalá de Guadaira, dun individuo chamado M. Iunius Brutus, onde se cita LUCURGENT. Pero posteriormente apareceu unha gran inscrición honorífica de Lucurgentum xunto a outros restos ó construír as pistas da Base Aérea de Morón, onde debeu de estar esta cidade, mentres que na Mesa de Gandul debeu de estar a antiga Irippo. Ver “La ciudad romana de la Mesa de Gandul como emplazamiento de Irippo y en relación a Lucurgentum y Alcalá de Guadaíra Arquivado 05 de outubro de 2018 en Wayback Machine.”, Actas del III Congreso de Historia de Andalucía, Historia Antigua (Córdoba: Cajasur, 2003), 389-407.
  61. Enrique González Arias: "Jorge Bonsor y Gandul".
  62. Maier Allende, 1999b. Op. cit. páx. 148. Carta nº 18 de 9 de abril de 1905
  63. Sánchez, M. (1992): Raso del Chirolí: una necrópolis tumular en los Alcores (Carmona, Sevilla). Spal 1: 253-262.
  64. Baelo Claudia (3 D)
  65. Catálogo de la exposición "Jorge Bonsor y la recuperación de Baelo Claudia (1917-1921)"
  66. Bonsor, G. E.; Thouvenot, R. (1928):"Nécropole ibérique de Setefilla. Lora del Río (Sevilla)". Fouilles de 1926-1927. Bibliothèque de l’École des Hautes Études Hispaniques 14. Bordeaux, Paris.
  67. Plano de las mesas de Setefilla por Bonsor
  68. Meier Jorge 1999b.Carta nº 87. Op. cit. páx. 58
  69. Peñalver Simó, María, coord.; Amores Corredano, Fernando; Gómez Díaz, Ana Mª; Sarazin, P, M. Paule. Op. cit. 2011
  70. O 31 de maio de 1906 día da voda do rei Afonso XIII coa princesa británica Vitoria de Battemberg Bonsor izou no castelo dúas bandeiras británicas nas torres do Ouro e Mocha e unha española na Porta Árabe. Peñalver Simó y cols. 2011. Op.cit. páx. 241
  71. María Peñalver y cols. (2011) Op. cit.
  72. Peñalver Simó, Patricio y Mariano: " El Castillo de Mairena del Alcor: Jorge Bonsor y sus herederos. Resumen cronológico". En Peñalver Simó, María (2011), Op.cit. páxs. 362-67
  73. Gestoso y Pérez, José, "Biografía del pintor sevillano Juan de Valdés Leal". Ed. Extramuros. 2008, páxs. 32-36
  74. A Hispanic Society posúe tres táboas de Luis de Morales: Un Ecce Homo, unha Sagrada Familia e A Virxe da Roca
  75. Maier 1999a. Op. cit. páx. 204
  76. Navarro Domínguez, J.M. "Los Alcores en la Hispanic Society of America"
  77. A Dama de Elx, partes do Arquivo de Simancas e do tesouro de Guarrázar e outros relevantes espolios foron "reingresados" a España polo goberno do mariscal Pétain en 1941. García y Bellido, A.: "La Dama de Elche y el conjunto de piezas arqueológicas reingresadas en España en 1941". Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Madrid. 1943.
  78. Rodero Riaza, Alicia: "El regreso de la Dama de España". En "Cien años de una Dama (1897-1997)". Ministerio de Educación y Cultura. Madrid. 1997. páxs 43-49
  79. "Enrique González Arias "Jorge Bonsor y Gandul".". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 19 de xullo de 2011. 
  80. González Arias, Enrique. "Cien años de ausencia"
  81. Na súa correspondencia epistolar co seu principal cliente A. Huntington, Bonsor amósase especialmente cauto ó tratar sobre os cadros do pintor manierista extremeño Luis de Morales "El Divino". A información que se ofrece é sixilosa. En agosto de 1903 (carta 4) Huntington escribe: "Envéxoo polos seus Morales. Algún día deberá deixarme velos". En febreiro de 1905 (carta 16) Bonsor contesta: "Polo momento non podo dicirlle nada sobre o Morales pois non dubido que a desaparición do meu estudio causaría un escándalo. «Esperemos unha mellor ocasión». En marzo de 1905 (carta 17): "Falaremos do Morales cando o crea oportuno". Pero en marzo de 1906 (carta 39) ofrece: "Gustaríame enviarlle, si Vd. o aproba, o meu cadro de El Divino Morales. Embalaríallo sen o marco nun bo tubo de lata. Importaríalle facerse cargo dos custos de transporte e seguros por valor de 1200 libras [38.211 ptas]?. Non se coñece a resposta pero na carta 107 de xuño de 1910 aparece exposto na Hispanic Soc. "enmarcado cun magnífico marco de marfil". Maier, J. 1999b. Op. cit.
  82. Moitas misións arqueolóxicas importantes, sobre todo británicas e francesas, estiveron dirixidas por embaixadores e cónsules de carreira (Gran-Aymerich Éve. 2001. Op. cit.). Así o diplomático e importante arqueólogo francés Jacques de Morgan (1857-1924) escribía a Bonsor en 1904 "Se ten Vd. algún problema na aduana ó pasar a Francia antigüidades advírtamo e eu mediarei para que poida Vd. pasar exento de dereitos de aduanas. [...] Coñezo perfectamente o que son as prohibicións, como as odiosas de Turquía e Grecia. Ó final non lle quedará outro procedemento para sacar as súas coleccións, cando o crea oportuno, que acudir a un funcionario diplomático do seu país que sexa amigo seu e rogarlle que inclúa as súas caixas entre os bagaxes cando marche do seu posto en Madrid".(Maier Allende 1999b. Op. cit. Cartas 118 e 120)
  83. Maier Allende, Jorge. 1999b. Op.cit. páx. 145, 158
  84. Meier Allende, J. 1999b. Carta nº 16. Op. cit. páx 147
  85. Maier Allende, J. 1999b. Carta nº 18. Op. cit. páx 148
  86. Fernández y López, Manuel:"El tesoro visigótico de La Capilla". Imprenta El Porvenir. Sevilla. 1895
  87. O tesouro foi atopado nunha casa de campo propiedade do influente militar e político xeneral José Chinchilla. Constaba de máis de mil moedas de ouro visigóticas das cales Chinchilla reservouse 200 das máis raras. A Academia da Historia realizou numerosas xestións pero as moedas desapareceron con rapidez no remuíño dos circuítos comerciais e non se falou máis do asunto, que volveu a aparecer na correspondencia de Bonsor con Hungtinton. Ver Maier, J. 1999b Op.cit. Vol. II. Carta nº 98
  88. Maier, J. 1999b Op.cit. Vol. II. Carta nº 16 de 18 de febreiro de 1905
  89. Maier Allende Jorge 1999b.Op.cit.Carta nº 111 páx. 179
  90. González Arias, Enrique. "Jorge Bonsor y Gandul" Arquivado 12 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  91. Lei de Escavacións Arqueolóxicas de 7 de xullo de 1911' («Gaceta de 8 de xullo de 1911). Regulamento para a súa aplicación de 1 de marzo de 1912 («Gaceta» de 5 de marzo de 1912).
  92. Meier, J. 1999b Op. cit. Vol II. Carta nº 145 de 11 de marzo de 1912 páx. 187
  93. Durante a ditadura de Primo de Rivera a Escuela Anglohispana de Arqueología contaba con magníficas instalacións en Niebla, entre as que se atopaban un Museo, no que se lle permitía por Real Orde conservar todos os materiais procedentes das escavacións na cidade e arredores, en vez de mandalos ó Museo Arqueolóxico Nacional, como establecía a lei. Contaba así mesmo cunha Biblioteca e unha hospedería para artistas e estudantes (os "pupileros ingleses" lle chamaban en Sevilla).
  94. Maier, Jorge. 1999a Op.cit. páxs 237-39
  95. Tartessos
  96. "El yacimiento de Baelo Claudia acoge una exposición sobre la labor del arqueólogo Jorge Bonsor". Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2020. Consultado o 23 de abril de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Del Castillo, Alberto (1955). «La vida y la obra de Jorge Bonsor y la Arqueología de su tiempo». Revista de Archivos Bibliotecas y Museos, nº 61, páxs. 615-635.
  • Peñalver Simó, María (1960). Don Jorge Bonsor: Apuntes para una biografía. Tesis de Licenciatura dirixida polo Prof. Juan de la M. Carriazo. Facultade de Filosofía e Letras. Sevilla. 180 follas. Inédita. (Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Sevilla).
  • Gran Enciclopedia de Andalucía, 1979. «Bonsor, George Edward». Vol 2, páx. 503, ISBN 84-85622-00-6
  • Peñalver Simó, María y Marie-Paule Sarrazine (1994). Bonsor, voyage en Espagne (1880-1881). Transcrición francesa do manuscrito orixinal. 72 follas mecanografadas a 1 espazo. (inédito)
  • Maier Allende, Jorge (1999a). Jorge Bonsor (1855-1930). Un académico correspondiente de la Real Academia de la Historia y la Arqueología Española. [2] Publicación del Gabinete de Antigüedades de la Real Academia de la Historia, Imprenta Taravilla, Madrid. ISBN 978-84-89512-30-6
  • Maier Allende, Jorge (1999b). Epistolario de Jorge Bonsor (1886-1930). Comisión de Antigüedades, Real Academia da Historia, Taravilla, Madrid. ISBN 84-89512-57-4 pdf Arquivado 25 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  • Torres Ortiz, Mariano (1999). Sociedad y mundo funerario en Tartessos. Madrid. Real Academia da Historia, (Bibliotheca Archaeologica Hispana; 3) ISBN 84-89512-48-5
  • Gran-Aymerich, E (2001). El nacimiento de la arqueología moderna (1798-1945). Prensas Universitarias de Zaragoza, ISBN 978-84-7733-556-6.
  • Melero Casado, Ana (2001). Colección fotográfica de Jorge Bonsor (CD-ROM). Sevilla: Xunta de Andalucía - Consellería de Cultura, ISBN 9788482662589
  • Barber, Edwing Atlee (2009). Spanish Maiolica in the Collection of the Hispanic Society of America. BiblioLife, ISBN 978-1-110-60585-9
  • Obxectos arqueolóxicos da Hispanic Society of America. Samuel H. Kress Foundation. 2008.[3]
  • Maier Allende, Jorge (2010). Jorge Bonsor y el descubrimiento de Tartessos'
  • Peñalver Simó, María, coord. (2011). El Castillo de Mairena del Alcor. El legado de Jorge Bonsor y Dolores Simó. Memorias y recuerdos. Servicio de Archivo y Publicaciones. Deputación de Sevilla e concello de Mairena del Alcor. ISBN 978-84-7798-297-5
  • Pérez Mulet, F.; Socias Batet, I. (eds).(2011): "La dispersión de objetos de arte fuera de España". Univ. de Cádiz.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]