Gata de mar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A gata ou gata de mar (Etmopterus spinax) é un pequeno escualo da familia Etmopteridae.[1]

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta especie atópase por todo o mar Mediterráneo, onde é común sobre todo na súa conca occidental, e no leste do océano Atlántico entre Islandia e a África subsahariana.

Vive en profundidades de até 2000 metros, mais tamén ten sido capturado a só 70 metros.

Descrición[editar | editar a fonte]

Este tiburón é o escualiforme máis pequeno do Mediterráneo (só excepcionalmente alcanza os 50 cm). Nas zonas onde unicamente existe esta especie do xénero Etmopterus, pódese recoñecer facilmente pola súa coloración escura, a ausencia de aleta anal, as aletas dorsais armadas con sendas espiñas (aguzadas e ben visibles), ademais do seu pequeno talle corporal. Os ollos son grandes, verdosos. A parte ventral do corpo presenta numerosos pequenos fotóforos, que producen unha luz intensa nos exemplares vivos e no seu medio.[2]

A cor é negra ou escura, pero non uniforme, e é moito máis escura no ventre e nos dous lóbulos da aleta caudal.

Alimentación[editar | editar a fonte]

A especie é moi voraz. Aliméntase de peixes, crustáceos e moluscos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

É unha especie vivípara, dá nacemento a unhas 15-20 crías no verán.[3]

Pesca[editar | editar a fonte]

Captúrase con redes de arrastre e palangres pero considérase unha captura accesoria e normalmente os exemplares son descartados tras a súa captura. Non obstante, é consumido nalgúns portos do Mediterráneo ibérico (p. ex. Sant Carles de la Ràpita (Cataluña), e a miúdo é vendido pelado xunto con exemplares de zapata (Galeus melastomus).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tortonese E. Leptocardia, Ciclostomata, Selachii, Calderini, 1956
  2. Coelho, R. et al., 2008. Etmopterus spinax. In: IUCN 2011. IUCN Red List of Threatened Species. Versione 2011.2
  3. Louisy P., Trainito E. (a cura di) Guida all'identificazione dei pesci marini d'Europa e del Mediterraneo. Milano, Il Castello, 2006. ISBN 88-8039-472-X