Saltar ao contido

Gas natural licuado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gas natural licuado
 Nome curto
LNG (en)
UZP (sl)
СПГ (ru)
GNL (fr)
ЗПГ (be-tarask) Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Freebase/m/03fj_6 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC14034172 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

Gas natural licuado (GNL) é un gas natural (principalmente metano CH4) en estado líquido. O gas natural licuado ocupa arredor dunha seiscentésima parte (1/600) do volume do gas natural convencional.[1]

É incoloro e inodoro e non se considera tóxico. É "non inflamable" xa que o líquido non arde directamente, pero ao evaporarse produce gas natural, que pode formar mesturas inflamables co ar. Entre os seus principais riscos están os incendios e explosións, as queimaduras por frío debido á súa temperatura extremadamente baixa e a asfixia por desprazamento do osíxeno.

Proceso de liquidación

[editar | editar a fonte]

O proceso de licuefacción elimina algúns dos compoñentes contidos no gas, incluíndo po, helio, auga e hidrocarburos pesados.

O buque LNG Rivers

O gas natural condénsase e arrefríase a unha presión de 25 kPa (3,6 psi) para converterse en líquido (-163 °C de temperatura). A licuefacción do gas natural, ao reducir o seu volume, reduce os custos de transporte e ofrece a posibilidade de transportar GNL a todo o mundo por barco, que acostuma facerse en buques metaneiros.[1]

A densidade enerxética do gas natural licuado é un 60 % menor que a da gasolina.

Gas natural licuado na Galiza

[editar | editar a fonte]

Na Galiza, a principal infraestrutura relacionada co gas natural licuado é a planta de regasificación de Mugardos, situada en Punta Promontoiro, no concello de Mugardos, dentro do porto de Ferrol. A instalación comezou a funcionar en fase de probas en maio de 2007 e entrou en operación comercial en novembro dese ano.[2] Dispón de dous tanques crioxénicos de 150.000 m³ cada un, cunha capacidade total de almacenamento de 300.000 m³ de GNL. O gas recibido mediante buques pode ser almacenado, cargado en cisternas ou regasificado para a súa introdución na rede de gasodutos.[3]

Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), durante 2024 descargáronse na planta de Mugardos 2.240 ktep de GNL, o 12,7 % do total descargado nos portos do Estado español. A produción da planta regasificadora foi de 2.032 ktep, cifra que inclúe tanto o gas incorporado á rede de gasodutos como o distribuído mediante camións cisterna.[4]

Impacto ambiental e controversias

[editar | editar a fonte]

O gas natural é un combustible fósil cuxa combustión produce CO2 e durante a súa extracción e transporte poden producirse emisións de metano, un gas de efecto invernadoiro. No caso do GNL, a licuefacción e o transporte marítimo aumentan o consumo enerxético e as emisións asociadas á súa subministración.[5]

Na Galiza, as principais controversias estiveron relacionadas con Reganosa, na ría de Ferrol. A súa localización xerou oposición social pola proximidade a zonas habitadas, o tránsito de buques metaneiros, os riscos de accidentes e os posibles efectos sobre o medio mariño da auga fría devolta á ría durante a regasificación. A declaración de impacto ambiental de 2020 considerou "aceptable" o risco da instalación, aínda que estableceu medidas adicionais de control e seguridade.[6]

A planta foi tamén obxecto dun conflito xudicial. O Tribunal Supremo anulou en 2016 a súa autorización administrativa previa por deficiencias relacionadas coa ordenación urbanística e, en 2019, anulou a decisión de eximila dunha avaliación de impacto ambiental. Tras a correspondente avaliación, a instalación obtivo unha declaración favorable condicionada en 2020 e unha nova autorización administrativa en 2021.[6][7]

  1. 1 2 "Gas Natural Licuado - Naturgy". www.naturgy.com. 2023-02-13. Consultado o 2026-08-23.
  2. ↑ «Resolución de 2 de diciembre de 2020 [... Planta de Regasificación de GNL de Reganosa en Mugardos (A Coruña)»], Boletín Oficial del Estado, 22 de decembro de 2020. Consultado o 23 de agosto de 2026.
  3. ↑ «Planta de Regasificación de GNL de Reganosa en Mugardos (A Coruña)», Boletín Oficial del Estado, núm. 332, 22 de decembro de 2020.
  4. ↑ Balance Enerxético de Galicia 2024, Instituto Enerxético de Galicia, 2026, p. 42. Consultado o 23 de agosto de 2026.
  5. ↑ "Assessing emissions from LNG supply and abatement options – Analysis". IEA (en inglés). 2025-06-19. Consultado o 2026-08-23.
  6. 1 2 "BOE-A-2020-16773 Resolución de 2 de diciembre de 2020, de la Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental, por la que se formula declaración de impacto ambiental del proyecto "Planta de Regasificación de GNL de Reganosa en Mugardos (A Coruña)".". www.boe.es. Consultado o 2026-08-23.
  7. ↑ "BOE-A-2021-11459 Resolución de 29 de junio de 2021, de la Dirección General de Política Energética y Minas, por la que se otorga a Regasificadora del Noroeste, SA, autorización administrativa y aprobación del proyecto de ejecución de las instalaciones de la planta de recepción, almacenamiento y regasificación de GNL de Mugardos (A Coruña), y se revoca la autorización de la Dirección General de Política Energética y Minas de 7 de julio de 2016.". www.boe.es. Consultado o 2026-08-23.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre química é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.