Gabriel García Márquez

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «García Márquez»)

Gabriel García Márquez
Nome completoGabriel José de la Concordia García Márquez
Nacemento6 de marzo de 1927
 Aracataca, Colombia
Falecemento17 de abril de 2014 (87 anos)
 Cidade de México, México
CausaLinfoma e pneumonía
NacionalidadeColombia
Alma máterUniversidade Nacional de Colombia
Ocupaciónnovelista, escritor de contos, xornalista, dramaturgo, escritor, editor, poeta avogado, autobiógrafo, guionista, prosista e xornalista de opinión
CónxuxeMercedes Barcha
FillosRodrigo García
Xénerosnovela e conto
Coñecido/a porCien años de soledad, El otoño del patriarca, El amor en los tiempos del cólera, Crónica de una muerte anunciada, Relato de un náufrago e El coronel no tiene quien le escriba
PremiosNeustadt International Prize for Literature, Prémio Rómulo Gallegos, Common Wealth Award of Distinguished Service, grande oficial da Lexión de Honor, Premio Nobel de Literatura, Premio nacional de xornalismo Simón Bolivar, Ordem da Águia Asteca, Ordem al Mérito Docente y Cultural Gabriela Mistral, Ordem de Honra e comendador da Lexión de Honor
Na rede
IMDB: nm0305781 Allocine: 37988 Allmovie: p101365 IBDB: 11092
Facebook: GabrielGarciaMarquezAuthor Dialnet: 273309 Musicbrainz: 5ced2364-f997-4a17-a21e-03d1c9277823 Discogs: 1636807 WikiTree: García_Márquez-2 Find a Grave: 207447472 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Gabriel José de la Concordia García Márquez, máis coñecido como Gabriel García Márquez (Es-Gabriel Garcia Marquez.ogg pronunciación ), nado en Aracataca o 6 de marzo de 1927[1] e finado en Cidade de México o 17 de abril de 2014, foi un escritor, xornalista, editor e activista político colombiano. É considerado un dos autores máis significativos do século XX. Obtivo o Premio Nobel de Literatura en 1982, segundo a laudatoria da Academia Sueca polas súas novelas e historias curtas, nas que o fantástico e o real son combinados nun tranquilo mundo de imaxinación rica, reflectindo a vida e os conflitos dun continente[2].

O xénero utilizado por García Márquez é o realismo máxico, sendo a súa novela máis recoñecida, Cien años de soledad, unha das máis representativas deste xénero. Ademais do seu talento literario, na obra de García Márquez aparecen reflectidas as súas ideas políticas[3]. Un exemplo da súa participación política é a súa amizade co líder cubano Fidel Castro[4] .

Coñecido familiarmente como "Gabo" (e tamén Gabito) (hipocorístico guajiro para Gabriel), desde que o seu compañeiro do diario bogotano El Espectador, José Salgar, comezase a chamalo así.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Era fillo de Gabriel Eligio García e de Luisa Santiaga Márquez Iguarán. Probablemente tiña ascendencia galega por parte da súa avoa materna, á que chamaba "a miña avoa galega".[5][6] A historia de amor dos seus pais, á que se opuñan os pais dela, serviu de orixe para a novela El amor en los tiempos del cólera.

Pouco despois do nacemento de Gabriel o seu pai converteuse en farmacéutico, e en xaneiro de 1929 mudouse con Luisa a Barranquilla, deixando a Gabriel en Aracataca cos seus avós maternos. Recibiu forte influencia do seu avó, o coronel Márquez, un liberal veterano da Guerra dos Mil Días, coñecido pola súa negativa a calar sobre o masacre de Ciénaga, suceso no que morreron centos de persoas a mans das Forzas Armadas de Colombia durante unha folga dos traballadores das bananeiras, feito que o escritor recolleu na súa obra.

A súa avoa, Tranquilina Iguarán Cotes, tamén influíu na súa obra, debido á súa natureza supersticiosa e partidaria das crenzas populares. Trataba o extraordinario como algo perfectamente natural, sendo a orixe dunha visión da realidade máxica, supersticiosa e sobrenatural. As historias que contaba a súa avoa eran referidos como unha verdade irrefutable, sen importar que fosen fantásticas ou improbables. Este estilo sería o usado en Cien años de soledad[7].

O seu avó morreu en 1936, cando Gabriel tiña oito anos, e debido á cegueira da súa avoa foi vivir cos seus pais a Sincelejo.

A súa infancia está relatada nas súas memorias Vivir para contarla.

Educación[editar | editar a fonte]

Pouco despois de chegar a Sucre foi enviado a un internado en Barranquilla, onde comezou a escribir poemas humorísticos e a debuxar tiras cómicas. Era chamado el viejo polos seus compañeiros de clase porque era serio e pouco dado ás actividades atléticas. García Márquez cursou os primeiros graos de secundaria no colexio xesuíta San José desde 1940. Alí publicou os seus primeiros poemas na revista escolar Juventud.

Graduouse en 1947, e marchou a Bogotá a estudar Dereito na Universidade Nacional de Colombia. Alí leu A metamorfose de Franz Kafka, obra que o inspirou especialmente a escribir, non literatura tradicional senón nun estilo similar ás historias da súa avoa, con acontecementos extraordinarios e anomalías como simplemente un aspecto da vida cotiá. O seu primeiro conto publicado foi La tercera resignación, que apareceu o 13 de setembro de 1947 no diario El Espectador.

Despois do «Bogotazo» do 9 de abril de 1948, disturbios tralo magnicidio do líder popular Jorge Eliécer Gaitán, a universidade pechou indefinidamente e a súa pensión foi incendiada. García Márquez mudouse á Universidade de Cartagena e empezou a traballar como correspondente de El Universal. En 1950 abandona Dereito e céntrase no Xornalismo, regresando a Barranquilla para traballar en El Heraldo. Aínda que García Márquez nunca terminou os seus estudos superiores, foi nomeado doctor honoris causa por algunhas universidades.

Familia[editar | editar a fonte]

García Márquez casou en 1958 con Mercedes Barcha, á que coñecía desde os 13 anos. En 1961 tiveron o seu primeiro fillo, Rodrigo. En 1961 instalouse en Nova York como correspondente de Prensa Latina. Tras recibir ameazas e críticas da CIA e do exiliado cubano, que non compartían o contido das súas reportaxes, decidiu trasladarse a México. Posteriormente establecéronse en Cidade de México. Tres anos despois, naceu o seu segundo fillo, Gonzalo.

Fama[editar | editar a fonte]

Cien años de soledad foi publicada en xuño de 1967, e n primeira semana vendeu 8.000 exemplares, medio millón de copias en tres anos. Foi traducida a máis de vinte e catro idiomas e gañou catro premios internacionais. En 1969 gañou o Chianchiano Aprecia en Italia e foi designado «Mellor Libro Estranxeiro» en Francia. En 1970 foi publicado en inglés e foi escollido un dos mellores doce libros do ano nos Estados Unidos. Dous anos despois concedéuselle o Premio Rómulo Gallegos e o Premio Neustadt, e en 1971 Mario Vargas Llosa publicou un libro acerca da súa vida e obra.

En 1971 marchou coa súa familia a Barcelona, logo de problemas co réxime trala publicación de Relato de un náufrago. Por mor das súas ideas sobre o Imperialismo dos EUA, foi etiquetado como subversivo e durante varios anos negóuselle o visado, até a chegada de Bill Clinton á Casa Branca, proclamando o presidente que Cien años de soledad era a súa novela favorita.

En 1981, ano en que lle foi concedida a medalla de honra da Lexión francesa, regresou a Colombia dunha visita con Castro, e foi acusado polo goberno conservador de financiar o grupo liberal de guerrilleiros M-19. Pediu refuxio político e foi recibido en México.

Entre 1986 e 1988 Márquez viviu en Cidade de México, A Habana e Cartaxena de Indias. Escribiu a súa primeira obra de teatro, Diatriba de amor contra un hombre sentado, e en 1988 estreouse o filme Un señor muy viejo con unas alas enormes, dirixido por Fernando Birri.

En 1996 García Márquez publicou Noticias de un secuestro, combinando a orientación testemuñal do xornalismo co seu propio estilo narrativo. Esta historia representa a onda inmensa de violencia e secuestros que Colombia continuaba a sufrir.

En 2002 completou Vivir para contarla, as súas memorias.

Estilo[editar | editar a fonte]

Se ben hai aspectos comúns na obra de García Márquez, como o humor, non hai un estilo claro e predeterminado. Deixa fóra detalles e eventos aparentemente importantes, de xeito que o lector adopta un rol máis participativo na historia.

Temas[editar | editar a fonte]

Hai varios temas recursivos, como a soidade, relacionándoa con América Latina. A aldea de Macondo aparece reflectida como un lugar imaxinario e máxico. O concepto de Macondo transcendeu a obra literaria, estando a súa existencia condicionada á presenza da palabra escrita. A violencia aparece en varias das súas obras, situacións inxustas da desintegración social.

Na súa obra tamén se busca captar a identidade cultural latinoamericana e particularizar os trazos do mundo caribeño, deconstruíndo as normas sociais establecidas nesa rexión.

Influencias literarias[editar | editar a fonte]

Na súa mocidade García Márquez relacionouse cun círculo literario, o grupo de Barranquilla, cos que comezoua ler entre outros a Hemingway, Joyce e Faulkner. Tamén acudiu aos clásicos, encontrando enorme inspiración en Edipo Rei de Sófocles.

Obra[editar | editar a fonte]

  • La hojarasca (1955).
  • Relato de un náufrago (1955).
  • El coronel no tiene quien le escriba (1961).
  • Los funerales de la Mamá Grande (1962).
  • La mala hora (1962).
  • Cien años de soledad (1967).
  • Monólogo de Isabel viendo llover en Macondo (1968).
  • Relato de un naúfrago (1970).
  • La increíble y triste historia de la cándida Eréndira y de su abuela desalmada (1972).
  • Cuando era feliz e indocumentado (1973).
  • Ojos de perro azul (1974).
  • El otoño del patriarca (1975).
  • Todos los cuentos (1947-1972) (1976).
  • Crónica de una muerte anunciada (1981). Traducida ao galego en 2022[8]
  • Textos costeños (1981).
  • Viva Sandino (1982).
  • El olor de la guayaba (1982).
  • El secuestro (1982).
  • El amor en los tiempos del cólera (1985).
  • El general en su laberinto (1989).
  • Doce cuentos peregrinos (1992).
  • Del amor y otros demonios (1994).
  • Noticia de un secuestro (1996).
  • Obra periodística 1: Textos costeños (1948-1952).
  • Obra periodística 2: Entre cachacos (1954-1955).
  • Obra periodística 3: De Europa y América (1955-1960).
  • Obra periodística 4: Por la libre (1974-1995).
  • Obra periodística 5: Notas de prensa (1980-1984).
  • Erendira.
  • Chile, el golpe y los gringos.
  • Vivir para contarla (2002).
  • Memoria de mis putas tristes (2004).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En varias edicións das súas obras e ata en biografías dáse 1928 como ano de nacemento de García Márquez; el mesmo situouno nesa data ás veces. No entanto, estudosos do autor e o seu propio pai, Gabriel Eligio García, afirman que foi 1927, punto que queda confirmado nas súas memorias, Vivir para contarla. Véxase Ploetz, Dagmar (2004). EDAF, ed. Gabriel García Márquez (en castelán). p. 13. ISBN 9788441414488. 
    e tamén Flores, Ángel (1982). Siglo XXI, ed. Narrativa hispanoamericana 1816-1981: historia y antología. La generación de 1940-1969, Volumen 4 (en castelán). p. 429. ISBN 9789682310898. 
  2. Premios Nobel 1982 (en inglés).
  3. Estrada Villa, A.: El poder político en la novelística de García Márquez. Medellín: Universidad Pontificia Bolivariana, 2006. ISBN 978-958-696-473-6 (en castelán).
  4. Esteban, Ángel, e Panichelli, Stephani: Gaby y Fidel: El Paisaje de Una Amistad. Editorial Espasa-Calpe, Madrid, 2003. ISBN 84-670-1263-3 (en castelán).
  5. De Blas, Ceferino (19 de xullo de 2013). "La abuela gallega de Gabo". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2021. 
  6. García Márquez, Gabriel (11 de maio de 1983). "Viendo llover en Galicia". El País (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2021. 
  7. Belle-Villada, G.: García Márquez: The man and his work. 1. Chapel Hill: University of North Carolina Press, 1990. (en inglés).
  8. Rey, María; Liñares Giraut, X. Amancio. "Crónica dunha morte anunciada". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2023-10-29. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Elias Canetti
Premio Nobel de Literatura

1982
Sucesor:
William Golding