Gangolfo de Avallon
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de maio de 760 Varennes-sur-Amance |
Morte | 760 (Gregoriano) (57/58 anos) Avallon |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 11 de maio |
San Gangolfo, tamén chamado Gangolfo de Varennes, Gangolfo de Borgoña e Gangolfo de Avallon, finado o 11 de maio de 760 é venerado como mártir pola Igrexa católica. É padroeiro dos maridos enganados, dos fabricantes de luvas e da industria da lan, porque se lle atribuía o don de evitar que as ovellas caesen en trampas e arames.[1][2]
Nome
[editar | editar a fonte]Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O seu nome, do xermánico Gangulf, "lobo agresivo", en latín Gangulphus, é unha inversión de Wolfgang, "o atacado polo lobo", da raíz xermánica *vulfa, "[que ten a coraxe do] lobo", e *ganc, "loitar".[3]
Variantes e derivacións
[editar | editar a fonte]O seu nome máis común en francés é Saint Gangolf d'Avallon ou Gengoul d'Avallon, en: Gangulphus, tamén coñecido como Gengoul, Gangulf, Gangolf, Gangolfo, Gengou, Gangloff, Gengoux, Gigou, Genf, Gandoul, Gingolph, Gangulfus ou Golf )[4][5]
En Portugal a historia da súa vida foi mesturada: a vida de San Goldofre resulta dunha fusión de elementos do culto ao primeiro prior (s. XI) do mosteiro de S. Pedro de Folques (Arganil), en Santa Cruz de Coímbra, coa passio de San Gangolfo refundida.[6]
Unhas variacións do seu nome, Gengou / Gingolph / Jingo deron lugar a unha expresión eufemística moi popular en lingua inglesa "By Jingo" (meance oath ou 'xuramento picado' de "By Jesus"). A expresión completa é "by the living Jingo" (Polo Jingo vivo), substituíndo a frase "By the living Jesus" ou "By the living God" ("Polo Deus vivo", referíndose á crenza cristiá de que Xesús resucitou de entre os mortos). "Living Jingo" refírese a unha lenda vinculada a San Gangolfo (ou Jingo) que despois do seu martirio ao ser cortado en anacos (hoxe reliquias en diversos lugares do antigo Sacro Imperio), as partes do corpo saltaron para acusar ao seu asasino. Unha versión da historia aparece nas Ingoldsby Legends (Lendas de Ingoldsby).[7] Esa expresión é incluída en numerosas obras literarias e cancións, entre elas unha de 1878 cantada habitualmente nos pubs época vitoriana.[8] A canción foi escrita en resposta á rendición de Pleven a Rusia durante a guerra ruso-turca, pola que se abriu o camiño a Constantinopla. O ano anterior, o vizconde Sherbrooke aplicara a expresión á emoción bélica.[9] A letra da canción tiña o coro:
We don't want to fight but by Jingo if we do,
We've got the ships, we've got the men, we've got the money too,
We've fought the Bear before, and while we're Britons true,
The Russians shall not have Constantinople.
Esa canción deu a luz ao termo "jingoísmo" (jingoism), referido a un nacionalismo expansivo agresivo, e en particular aos que na Inglaterra do século XIX, defendían unha actitude exaxeradamente patriota e hostil cara a Rusia.[10]
Lenda
[editar | editar a fonte]Os datos que coñecemos do santo proceden dunha escritura da corte de Pipino o Breve do ano 762. Nacido nunha das familias máis ilustres de Borgoña, a súa educación foi proporcionada polos seus pais, querían facelo soldado e, ademais, casar con el.[11]
Na súa mocidade, Gangolfo era coñecido pola súa honestidade e decencia, visitaba igrexas e lía textos relixiosos. Cando os seus pais morreron, converteuse nun propietario excepcional, coidando con soltura as finanzas da casa e os campos e doando parte do seu capital ás igrexas e aos pobres.[11] Cando chegou o momento de casar, escolleu unha muller que non compartía as súas virtudes. Como membro da nobreza, Gangolfo participou nas guerras da época, mais tamén predicou o Evanxeo en Frisia.
Nunha viaxe a Borgoña, atopouse cunha propiedade en Bassigny na que había un manancial de auga boa e doce. Gangulfo comprou a propiedade, pero os seus amigos burláronse del porque non podía levar a fonte para a casa. Porén, cando Gangolfo volveu a casa, golpeou o chan cun pau e ao día seguinte, unha nova fonte de auga brotou da terra.
Na súa ausencia, a súa muller cometera adulterio cun cura. Ela proclamou a súa inocencia, pero Gangolfo quería que demostrase a súa inocencia ante Deus. Por iso, mergullou a man da súa muller na mesma fonte de auga que el creara e a man da súa muller foi escaldada pola auga e caíulle a pel. Interpretando que era unha milagre divina, Gangolfo prohibíulle á muller compartir o seu leito, expatriou ao cura cara ao estranxeiro e decidiu renunciar á súa fortuna e facerse eremita. Retirouse ao seu castelo de Avallon, preto de Vézelay, e realizou obras de penitencia e caridade.[11]
Con todo, o sacerdote non marchou e a súa muller volveu ao seu antigo amante. O cura, que quería decapitar a Gangolfo, atacou o santo mentres durmía, pero só o puido ferir unha coxa. A ferida, porén, resultou mortal e Gangulf recibiu a unción dos enfermos o 11 de maio de 760; no mesmo día celébrase o seu santoral.[12]
O cura fuxiu do país coa muller de Gangulfo. Segundo a tradición, na tumba do santo facíanse varios milagres, e tanto a súa muller como a súa amante padeceron doenzas até atopar a morte.
Veneración
[editar | editar a fonte]As reliquias de Gangolfo foron levadas a Varennes-sur-Amance, na diocese de Langres, onde foi adorado, e despois distribuíronse a varios lugares de Francia, Alemaña, Holanda e Suíza. O seu nome de Gangulf atópase en numerosas martiroloxías dos séculos X e XI, en Francia, así como en Alemaña, e máis tarde en Inglaterra e Italia. A súa vida probabelmente foi escrita en Varennes. Hrosvit de Gandersheim escribiu unha versión da súa vida arredor do ano 960.
En francés existe o dito S'il pleut le jour de Saint-Gengoul, Les porcs auront de glands leur soûl ("Se chover no día de San Gangolfo, os porcos vanse fartar de landras").[13]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Imaxe de San Gangolfo na igrexa de Wolpertswende.
-
Altar de San Gangolf, Wolpertswende.
-
Busto de Gangulfo en Milseburg.
-
Mapa histórico de Bamberg. Igrexa de San Gangolfo en Bamberg.
-
Estatua no Portal de St. Gangolf, en Trier.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gueneau, Lucien (1832-18 ?) Auteur du texte (1903). Nos bons saints miracleurs & guérisseurs : monsieur saint Martin, le bon saint Gengoux / par Lucien Gueneau (en francés).
- ↑ "San Gengulfus de Borgoña". Santos de Hoy (en castelán). 2022-05-11. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2023. Consultado o 2023-03-08.
- ↑ "Noms de lieux de Suisse romande, Savoie et environs". henrysuter.ch (en francés). Consultado o 2023-03-08.
- ↑ O nome latino deste cabaleiro lendario tamén foi escrito Gengulfus, Gangolfus. As variacións do seu nome en francés antigo son numerosas. Chámase Gingolf no Valais, Gengoul na diocese de Langres, Gengoult na diocese de Toul, Gengoux en Saône-et-Loire, Guengoux, Gengoulph, Guengoulph, Gangulphe, Gengon, Gegnoux, Gigoult, Gégoult, Gégoux etc. Este primeiro nome con múltiples grafías e pronuncias deu lugar a moitos apelidos.
- ↑ "San Gangulfo De Varennes". es-la.dbpedia.org. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2023. Consultado o 2023-03-08.
- ↑ Religiosa, Universidade Católica Portuguesa Centro de Estudos de História (2002). A historiografia religiosa medieval hoje: temas e problemas (en portugués). CEHR-UCP. ISBN 978-972-8361-17-4.
- ↑ "The Ingoldsby Legends - A LAY OF ST. GENGULPHUS.". www.exclassics.com (en inglés). Consultado o 2023-03-08.
- ↑ War Song (1878)
- ↑ "trove.nla.gov.au; Vanity fair". Argus. 1901-06-15. Consultado o 2023-03-08.
- ↑ S.A, Priberam Informática. "jingoísmo". Dicionário Priberam (en portugués). Consultado o 2023-03-08.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 "Alessandro Barbero". digilander.libero.it. Consultado o 2023-03-08.
- ↑ "Gangulfo en el santoral 2023: ¿cuándo se celebra su santo?". www.santoral.com.es (en castelán). Consultado o 2023-03-08.
- ↑ Otto Von Reinsberg-Düringsfeld, Traditions et légendes de la Belgique: descriptions des fêtes, t. 2, p.327, Ed. Claessen, Bruxelas, 1870
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gangolfo de Avallon |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Saints of May 11: Gangulphus of Burgundy
- Alessandro Barbero, “Santi laici e guerrieri. Le trasformazioni di un modello nell'agiografia altomedievale”
- Gangolf
- San Gengolfo
- Sancte Gengulphe = Saint-Gingolph
- Gengulphus Arquivado 02 de abril de 2012 en Wayback Machine.
- Copia arquivada en Wayback Machine