Saltar ao contido

Game & Watch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Game & Watch
Logotipo
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Parte de
 Título
ゲーム&ウオッチ (ja) Editar o valor en Wikidata
Características
 Obra derivada
 Lingua
Implicados
 Desenvolvedor/a
 Mascota
 Fabricante
Datas
 Fundación / creación
28 de abril de 1980 Editar o valor en Wikidata
 Descontinuación
14 de outubro de 1991 Editar o valor en Wikidata
 Data de publicación
28 de abril de 1980 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Sucedido por
Localización
 País de orixe
Cifras e dimensións
Unidades vendidas43400000 Editar o valor en Wikidata
Códigos e identificadores
Freebase/m/01kdlb Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
Wikidata C:Commons

A serie Game & Watch (en xaponés ゲーム&ウオッチ, Gēmu & Uotchi; coñecidas en Alemaña como tricOtronic[1][2] e popularmente en España como «maquinitas»)[3] é unha liña de 59 consolas portátiles de videoxogos que foron fabricadas por Nintendo dende 1980 a 1991 e creadas por Gunpei Yokoi. Cada unha delas posúe un único xogo de pantalla LCD e ten ademais reloxo e alarma.[4][5] Algúns dos títulos do formato Game & Watch foron Pinball, Donkey Kong, The Legend of Zelda, Mario Bros. e Balloon Fight. Desta serie vendeuse un total combinado de 43,4 millóns de unidades en todo o mundo,[6] e foi o primeiro produto de Nintendo sobre videoxogos en obter un grande éxito.[7] Estas consolas portátiles actualmente son difíciles de conseguir, e considéranse pezas históricas e artigos de coleccionista.

O formato Game & Watch de Nintendo fixo historia e axiña, moitas marcas maiores o intentaron recrear. A compañía Tiger Electronics produciu unha liña de videoxogos con temas propios ou de diversas licenzas como películas, series e videoxogos. Na posterior plataforma Game Boy, apareceron unha serie de recompilacións destes xogos Game & Watch, con versións modernizadas aparte da versión orixinal.

Historia e deseño

[editar | editar a fonte]
Deseño e estrutura básica dun Game & Watch.

O deseñador de xogos Gunpei Yokoi fora xefe da división de Investigación e Desenvolvemento de Nintendo na década de 1970, deseñando xoguetes físicos até a crise do petróleo de 1973, despois da cal o mercado decaeu para estes produtos. Ao mesmo tempo, as primeiras consolas de videoxogos para o fogar e as salas de xogos desenvolvéronse nos Estados Unidos, e Nintendo rapidamente adheriuse a esta onda no Xapón.[8]

En 1979, mentres viaxaba nun Shinkansen (tren bala), Yokoi viu a un home de negocios aburrido xogando cunha calculadora LCD premendo os botóns. Tras isto, Yokoi pensou nunha idea para un reloxo dixital que funcionase como unha máquina de xogos en miniatura para matar o tempo.[9][10][11][12] Máis tarde, puido presentarlle a idea ao presidente de Nintendo, Hiroshi Yamauchi, cando Yamauchi lle pediu que o levase a unha reunión de negocios. Aínda que Yamauchi non dixera nada durante a viaxe, a reunión na que estaba incluía ao director executivo de Sharp Corporation, e os dous discutiron a idea de Yokoi. Nunha semana, Yokoi foi convidado a unha reunión entre Nintendo e Sharp, dándolle o visto e prace para desenvolver o seu concepto.

O Game & Watch utiliza a tecnoloxía dunha calculadora portátil que, en lugar de amosar números, executa accións sobre imaxes xa debuxadas na súa pantalla.[13] As unidades baséanse nunha CPU de 4 bits, da familia Sharp SM5xx, que inclúe unha pequena área de ROM e RAM e un circuíto de controlador de pantalla LCD.[14] Os seus controis fan que o personaxe ou a ferramenta que se ve na pantalla LCD cambie e fagan a ilusión de que se mova. A imaxe é conectada xunto á outra, dando orixe a un control, coma se fose un botón novo, que enumera a puntuación ou o número das vidas que se van perdendo.

Fabricáronse diferentes modelos, algúns con dúas pantallas (serie Multi Screen). Nas consolas Game Boy Advance SP, Nintendo DS e Nintendo 3DS reutilizouse este deseño.[15]

O moderno deseño do "botón direccional" (D-pad) foi desenvolvido en 1982 por Yokoi para o xogo portátil Donkey Kong. O deseño demostrou ser popular para os seguintes títulos de Game & Watch. Este deseño en particular foi patentado e logo obtivo un Premio Emmy de Tecnoloxía e Enxeñaría.[16][17] A serie Game & Watch suspendeuse finalmente en 1991 coa consola Mario the Juggler.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

Para que funcione, requírese dunhas pilas pequenas, xeralmente pilas de botón (aínda que de tipo C na versión Tabletop).

Hora e alarma

[editar | editar a fonte]

Nada máis acenderse tense que axustar a hora. Unha vez axustada a hora e despois de acabar unha partida, premendo o botón Time, amósase a hora. Para reconfigurala, tense que premer o botón Reset (premendoo coa punta dun lapis). A hora funciona xunto a unha alarma, a cal é configurábel co botón de alarma (tamén pulsándoa coa punta dun lapis) e premendo os botóns Left (esquerda) e Right (dereita) para cambialas. A alarma soa á hora dada. O timbre da alarma ás veces é insuficiente para algúns oídos. Durante o xogo, a alarma no canto de soar, adoita amosar unha pequena animación (como unha campá).

Xogo (Game A e Game B)

[editar | editar a fonte]

A maioría dos títulos teñen un botón Game A (Xogo A, normalmente para a dificultade normal) e Game B (Xogo B, normalmente para a dificultade alta) aínda que existen excepcións:

  • En Squish, o Game B é radicalmente diferente do Game A: o xogador debe tocar alieníxenas para eliminalos en lugar de evitar as paredes móbiles.
  • En Flagman, o Game B é un modo onde o xogador ten que premer o botón dereito dentro dunha certa cantidade de tempo, sen memorizar patróns.
  • En Judge, Boxing, Donkey Kong 3 e Donkey Kong Hockey, o botón Game B é unha versión para dous xogadores do Game A.
  • En Climber, Balloon Fight, Super Mario Bros., Gold Cliff e Zelda non hai botón de Game B.

Na maioría dos casos, tanto o Xogo A como o Xogo B aumentaban en velocidade ou dificultade a medida que o xogador progresaba, e o Xogo B comezaba no intre que se acadaban os 200 puntos no Xogo A.

Modelos de Game & Watch

[editar | editar a fonte]
Primeira Game & Watch, Ball, serie Silver (1980).

Estes xogos recibiron o nome de Silver (Prata) por mor de que a súa placa frontal é prateada. Foron os primeiros xogos de Game & Watch e son difíciles de atopar, especialmente en caixa. Os prezos destes xogos son altos ou moi altos.[18]

  • Ball (AC-01, 28 de abril de 1980)
  • Flagman (FL-02, 5 de xuño de 1980)
  • Vermin (MT-03, 10 de xullo de 1980)
  • Fire (RC-04, 31 de xullo de 1980)
  • Judge (en versións verde e púrpura) (IP-05, 4 de outubro de 1980)
Serie Gold Screen, Game & Watch Manhole (1981).

Estes xogos teñen unha placa frontal de cor dourada, é por iso que esta serie recibiu o nome de Gold (Ouro). Comezando con esta serie, o nome da mesma foi impreso no paquete. A diferenza da serie anterior, a consola posúe unha alarma programábel e un fondo coloreado. Estes xogos, coma os da serie Silver, son difíciles de atopar.[18]

  • Manhole (MH-06, 29 de xaneiro de 1981)
  • Helmet (CN-07, 21 de febreiro de 1981)
  • Lion (LN-08, 29 de abril de 1981)

Wide Screen

[editar | editar a fonte]
O Parachute de 1981 foi o primeiro xogo da serie Wide Screen.

A pantalla dos xogos Wide Screen é máis grande ca a da serie anterior, é por iso que se chaman Wide Screen (Pantalla ancha). Agás o xogo Egg, os demais son máis comúns.[18]

Multi Screen

[editar | editar a fonte]
Game & Watch Oil Panic (1982), a primeira consola da serie Multi Screen.

Esta serie é unha das máis famosas. O especial destes xogos é que teñen dúas pantallas. Fóra de tres xogos (Squish, Bombsweeper e Safebuster), o xogo vai dunha pantalla a outra. As pantallas pódense abrir verticalmente de abaixo cara a arriba.[18]

Game & Watch Mario Bros., a primeira Multi Screen en versión horizontal (1984).

Tres xogos da serie abrense horizontalmente, ao estilo dun libro xaponés (de dereita a esquerda). Nestes tres xogos, a acción destes amósase en ambas pantallas asemade.[18]

New Wide Screen

[editar | editar a fonte]
Primeiro xogo da serie New Wide Screen, Donkey Kong Jr. (1982).

Versión mellorada da serie Wide Screen. Algúns destes xogos son aínda máis difíciles de atopar cá outros. En xeral os últimos tres títulos: Mario The Juggler, Climber e Balloon Fight.[18]

Xogos Mario's cement factory e Snoopy da serie Tabletop.

O nome Tabletop débese a que se coloca nunha superficie para xogar, no canto de sosterse nas mans. O deseño destes xogos (que son os xogos máis grandes de Game & Watch) lembra ás máquinas recreativas. O novo nesta serie é a pantalla, que ten cor e pasa luz por detrás para poder xogar.[18]

Mickey Mouse, serie Panorama.

Ao igual que os xogos da serie Tabletop, estes xogos teñen unha pantalla en cor con luz tamén. O especial nestes xogos é que se abren para xogar e teñen un espello no interior onde se reflicte o xogo.[18]

SuperColor

[editar | editar a fonte]
Game & Watch SpitballSparky (1983), primeiro da serie Super Color.

Estes xogos teñen unha pantalla con cores e unha carcasa prateada. O xogo Spitball Sparky existe tamén cunha carcasa branca. Descoñécese o porqué, cantos deles existen e se as hai nalgún xogo de Crabgrab. Os dous xogos da serie teñen unha forma vertical alongada. A xogabilidade vai principalmente de abaixo cara a arriba.[18]

Micro VS.

[editar | editar a fonte]
Punch Out Game & Watch (1984), primeira da serie Micro VS.

A pantalla era alongada horizontalmente e o novidoso destes xogos é que teñen dous "joy pads" que se gardaban no seu interior. Con estes, un xogador pode xogar contra a computadora ou dous xogadores poden xogar un contra o outro.[18]

Crystal Screen

[editar | editar a fonte]
Super Mario Bros. versión Crystal Screen (1986).
Super Mario Bros. versión Crystal Screen (1986).

A pantalla desta serie é transparente e moi fina, sendo posíbel mirar a través da pantalla e cambiar o fondo. Estes xogos son moi difíciles de atopar e os prezos son moi altos.[18]

Colour Screen

[editar | editar a fonte]

En setembro de 2020, Nintendo Direct anunciou a Game & Watch: Super Mario Bros. en homenaxe ao 35.º aniversario de Super Mario Bros., e o 40.º aniversario da Game & Watch, que se lanzou en todo o mundo o 13 de novembro do mesmo ano. Trátase dunha consola portátil co modelo dunha Game & Watch co que se pode xogar aos videoxogos Super Mario Bros. e Super Mario Bros.: The Lost Levels, ademais de contar con reloxo e unha versión de Ball de Game & Watch protagonizada por Mario.[19]

O 15 de xuño de 2021, Nintendo revelou unha Game & Watch similar, a Game & Watch: The Legend of Zelda, que se lanzaría en homenaxe ao 35.º aniversario da franquía. O sistema contén catro xogos; The Legend of Zelda, Zelda II: The Adventure of Link, The Legend of Zelda: Link's Awakening e unha variante de Vermin con Link substituíndo a cabeza do personaxe orixinal. Foi lanzado o 12 de novembro de 2021.[20]

Edicións especiais

[editar | editar a fonte]
Super Mario Bros. YM-901-S, edición especial para o torneo F-1 Grand Prix (1987).

Este Super Mario Bros. é o máis raro das 3 versións.[21] Esta versión amarela de Super Mario Bros. Game & Watch foi un dos premios para os xogadores que gañaron o Torneo F-1 Grand Prix no Xapón. Só se fixeron 10 000 unidades. Estes premios véndense por arredor de $ 350-700 no Xapón dependendo das condicións e cómo estean de completos.

  • Ball (RGW-001, 2009 no Xapón e 2011 en América, 30 Aniversario) (Club Nintendo)

En novembro de 2009, Nintendo Xapón anunciou que os membros do xa pechado Club Nintendo poderían recibir unha réplica do Game & Watch Ball como premio. A unidade víase case idéntica á orixinal, aínda que presenta o logotipo do Club Nintendo e ten un interruptor para cambiar o volume. En España, o Game & Watch estaba dispoñíbel no Catálogo de Estrelas a cambio de 7 500 estrelas.[22]

Clons de Game & Watch

[editar | editar a fonte]

Durante os anos 80, as Game & Watch tiveron tanto éxito que compañías como Gakken, Konami, RadioShack, Coleco e Namco produciron videoxogos LCD. A xogueteira xaponesa Bandai Electronics tamén lanzou moitos xogos nos Estados Unidos e noutros países. Bandai tiña dúas etiquetas diferentes nos seus xogos ás veces: LSI (refírese ao microchip da CPU) e FL (indica o uso dunha pantalla VFD).[23] Bandai incorporou paneis solares nos seus xogos (Bandai LCD Solarpower).[24] A empresa Epoch outorgou licenzas de xogos LCD a varias compañías diferentes como Grandstand, Tandy (Radio Shack) e probabelmente outras.[25] Entre os seus xogos máis populares están Epoch Game Pocket Computer e Epoch Man (un clon de Pac-Man).[24] A empresa Casio, de tecnoloxía líder en calculadoras na época, logrou realizar varios xogos LCD, algúns incluídos nos seus reloxos dixitais (Game Watch) ou calculadoras.[26][27] Outra compañía xaponesa chamada Masudaya fabricou unha serie de xogos portátiles LCD chamada Play & Time.[28][29]

Na Unión Soviética tamén se produciron xogos clons rusos de Game & Watch. Crese que por mor dos problemas da Guerra Fría, a importación de Game & Watch prohibiuse en Rusia, o que deixou a varias compañías rusas intentando sacar proveito producindo as súas propias consolas clónicas.[30] Hai bastantes variacións especialmente dos xogos de Game & Watch Mickey Mouse e Egg, debido a que só as pequenas empresas producían xogos, e non podían permitirse producir moitas placas de circuítos cunha lóxica de xogo distinta, polo que a maioría producía só unha, así que só requiría un cambio da pantalla entre os modelos para mudar de xogo. Algunhas pantallas tamén se lanzaron como un complemento, e o usuario podería mudar a pantalla para xogar a un novo xogo.

Houbo tamén algúns xogos orixinais producidos que non eran clons de Game & Watch. Poucos dos clons rusos teñen a pantalla exacta dos Game & Watch (Egg, Octopus, Chef e Mickey Mouse). Outros teñen un guión diferente pero un sistema de xogo similar.[30] Atopáronse 9 logotipos diferentes de compañías ou modelos rusos.[31] Angstrem foi a maior empresa en manufacturar xogos en Rusia, aínda que fabricaron principalmente calculadoras durante os anos 70 e 80. Da mesma forma, as súas calculadoras tamén eran clons de Casio, particularmente o modelo PB-100. Algúns xogos vendéronse tamén baixo a marca Elektronika.

Tiger Electronic, grazas a varias licenzas de videoxogos, películas e series de televisión, logrou dominar o mercado dos xogos LCD, mesmo durante os anos 90 coa Game Boy e a Game Gear en venda.[24]

  1. Luigi apareceu por primeira vez no xogo Mario Bros. de Game & Watch como axudante de Mario e retivo este papel no xogo arcade de Mario Bros.
Referencias
  1. ""tricOtronic": Nintendo bringt Retro-Handheld". pressetext (en inglés). Consultado o 2026-04-29.
  2. "gameandwatch.ch - tricOtronic". www.gameandwatch.ch. Consultado o 2026-04-29.
  3. Tones, John (2020-05-16). "Game & Watch: cómo fueron las primeras “maquinitas” de Nintendo que arrancaron el imperio de las consolas portátiles". Xataka (en castelán). Consultado o 2026-04-29.
  4. cary (2013-05-16). "Digital game + digital clock = Game & Watch!". Recollections of Play (en inglés). Consultado o 2026-04-29.
  5. "Game & Watch (Franchise)". Giant Bomb (en inglés). Consultado o 2026-04-29.
  6. "Iwata Asks: Game & Watch". Nintendo of America. Consultado o 2026-04-29.
  7. "Wii.com - Iwata Asks: Super Mario Bros. 25th Anniversary". Us.wii.com. Arquivado dende o orixinal o 2011-12-31. Consultado o 2026-04-29.
  8. Alt, Matt (2020-11-12). "How Gunpei Yokoi Reinvented Nintendo". Vice. Consultado o 01-05-2026.
  9. "Searching for Gunpei Yokoi". The Escapist (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 3 de febreiro de 2020. Consultado o 30 de abril de 2026.
  10. History Channel publicou no Xapón un docudrama sobre a vida e o legado de Gunpei Yokoi. "“ゲーム&ウォッチ”の生みの親・横井軍平氏の熱き想いが語られるドキュメンタリードラマが、2月20日にCSで放送". - Documental completo - Escena do documental deste evento.
  11. Gorges 2016, p. 21.
  12. Life, Nintendo (2021-01-01). "Feature: How Nintendo's Game & Watch Took "Withered Technology" And Turned It Into A Million-Seller". Nintendo Life (en inglés). Consultado o 2026-04-30..
  13. "Este vídeo repasa la historia de la mítica Game & Watch". Nintenderos - Nintendo Switch, Switch Lite (en castelán). 2020-10-29. Consultado o 2026-05-01.
  14. "MAME emulator source code". GitHub (en inglés). Consultado o 2026-05-01.
  15. Life, Nintendo (2021-01-01). "Feature: How Nintendo's Game & Watch Took "Withered Technology" And Turned It Into A Million-Seller". Nintendo Life (en inglés). Consultado o 2026-04-30.
  16. "Nintendo Wins Emmy For DS And Wii Engineering". Archive.is. 11 de xullo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2012. Consultado o 27 de agosto de 2018.
  17. "CES '08: Nintendo wins second Emmy - GameSpot.com". Archive.is. 2 de enero de 2013. Arquivado dende o orixinal o 2 de xaneiro de 2013. Consultado o 30 de abril de 2026.
  18. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 Gawaleus. "gameandwatch.ch - All 10 Series". www.gameandwatch.ch (en inglés).
  19. Alonso, Álvaro (3 de setembro de 2020). "Así es la nueva Game & Watch: Super Mario Bros. de Nintendo". HobbyConsolas (en castelán). Consultado o 30 de abril de 2026.
  20. Life, Nintendo (2021-06-15). "There's A Zelda Game & Watch Coming This Christmas". Nintendo Life (en inglés). Consultado o 2026-04-30.
  21. "Special". www.intheattic.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2021. Consultado o 30 de abril de 2026.
  22. "Iwata Pregunta: Game & Watch". Nintendo of Europe GmbH (en castelán). Consultado o 30 de abril de 2026.
  23. "Bandai Handheld Games". www.handheldmuseum.com. Consultado o 1 de xuño de 2026.
  24. 1 2 3 Gorges 2016, p. 193.
  25. "Epoch Handheld Games". www.handheldmuseum.com. Consultado o 1 de xuño de 2026.
  26. "Casio Handheld Games". www.handheldmuseum.com. Consultado o 1 de xuño de 2026.
  27. Gorges 2016, p. 194.
  28. "Masudaya: Tomahawk - トマホーク (vintage hand-held game)". HandheldEmpire. Consultado o 1 de xuño de 2026.
  29. "Masudaya Handheld Games". www.handheldmuseum.com. Consultado o 1 de xuño de 2026.
  30. 1 2 "New Page 1". www.gameandweb.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2004. Consultado o 1 de xuño de 2026.
  31. Gawaleus. "gameandwatch.ch - Game&Watch Clones". www.gameandwatch.ch (en inglés). Consultado o 1 de xuño de 2026.
  32. "Soviet Videogames Copied from American and Japanese Ones | English Russia". englishrussia.com. Consultado o 1 de xuño de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]