Galician Programme (BBC)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Galician Programme foi un programa radiofónico emitido pola emisora inglesa BBC desde Londres entre os anos 1947 e 1956. Atinxiuse unha continuidade periódica e realizáronse 83 programas que, a excepción de 3, se transmitían en lingua galega.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Este programa xurdiu durante o franquismo, etapa en que a produción cultural en galego era mínima por causa da represión e que motivou que a maior parte da actividade intelectual se desenvolvese no exilio (en Francia, Inglaterra ou nos países hispanoamericanos). Nesta situación, xorde desde a BBC de Londres unha serie de programas sobre as rexións históricas de España: Cataluña, País Vasco e Galiza. O Galician Programme e xorde entón en 1947 como resposta á demanda da audiencia española desta emisora de noticias e información acerca da situación política en España e coa intención de rehabilitar os valores autóctonos.

O impacto que ocasionaron estas emisións débese á importancia do papel da radio nestes anos, pois constituía o principal medio de comunicación da época. Esta cumpría fins propagandísticos para o réxime de Franco e, por mor do bloqueo internacional que sufría España, este tipo de emisións desde o estranxeiro considerábanse como unha intromisión contraria aos intereses do réxime autárquico do país. A pesar da ausencia de contido político da programación, o uso do galego como manifestación cultural implicaba unha oposición á vontade de castelanización e de uniformación do Estado e, para alén diso, os colaboradores tiñan un pasado vinculado ao nacionalismo galego.

Historia de creación do programa[editar | editar a fonte]

A sección española da BBC, con George Hills como director de programas para España, concibe a idea da realización do Spanish Programme, un programa con carácter de exaltación rexional e de difusión da cultura diferenciada das comunidades históricas de Galiza, País Vasco e Cataluña.

Os principais artífices que contribuíron na creación do programa foron Alejandro Raimúndez e Francisco Fernández del Riego:

Alejandro Raimúndez, forzado a exiliarse en Londres durante a Guerra Civil, entra en contacto con Fernández del Riego, a quen lle encarga o labor de procurar colaboracións para o programa por parte de intelectuais galegos, os cales accederon e cooperaron activamente. Alejandro Raimúndez, que operaba baixo o pseudónimo de “Xavier Fernández”, desempeñou o papel de presentador, foi autor de tres programas e encargábase frecuentemente da lectura dos textos que se enviaban desde Galiza.

Francisco Fernández del Riego, ademais de ser o colaborador que máis guións remitiu, foi, de forma invisíbel para o ouvinte, o principal impulsor do programa: como coordenador, conseguía un contacto óptimo cos autores galegos que participaron no programa; alén diso, mecanografaba os textos que recibía e, finalmente, encargábase de asegurar a dispoñibilidade e o envío de material a Londres para o programa.

Estrutura do programa[editar | editar a fonte]

O Spanish Programme, no cal se enmarca o programa do que estamos a tratar, comeza en 1947 e perdura até 1956. Emitíase os luns e tiña unha duración de aproximadamente 45 minutos. Dentro deste, o espazo dedicado ao Galician Programme oscilaba entre dez e quince minutos —do mesmo xeito que o programa catalán e o éuscaro— e emitíase cada tres semanas, pois alternábase na emisión con estoutros programas rexionais. O horario era variábel: no seu comezo, emitíase desde as 23:45 h até as 00:15 h (o que máis permaneceu); despois, desde as 22:00 h até as 22:45 h e, finalmente, desde as 21:00 h até as 21:45 h.[1]

Temática[editar | editar a fonte]

Os temas tratados no Galician Programme eran moi diversos, abranguendo desde etnografía, historia, arte e literatura até agricultura, xeografía ou música. Alén diso, nun mesmo programa, podían ser tratados diversos temas.[2]

Segundo a clasificación temática proposta no libro Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956, o cal recolle unha gran parte da información relativa a este programa, a maioría dos programas refírense «ás afinidades e relacións de todo tipo entre a cultura galega e a inglesa e irlandesa»[3]. Deste xeito, moitos programas tratan asuntos como o celtismo, traducións poéticas entre o inglés e o galego, análises comparativas, a recepción e a relevancia de Galiza na literatura inglesa, a emigración ou a celebración de tradicións populares galegas en Gran Bretaña.

Nun marco máis xeral, existe un predominio da etnografía e historia (35 programas) e da literatura (63 programas). En menor medida, dedicáronse programas a biografías de autores (10 programas), á arte (4), á economía (1) e a unha recompilación de viaxes.

Colaboracións[editar | editar a fonte]

Unha gran cantidade de persoeiros do ámbito intelectual galego e vencellados ao nacionalismo tomaron parte neste programa radiofónico. Estes realizaban colaboracións esporádicas na gran maioría dos casos; porén, destaca especialmente a participación de Fernández del Riego e Plácido Ramón Castro, os cales contribuíron nun total de 12 e 11 sesións respectivamente.[4]

Colaborador/a N.º de
colaboracións
Emilio Álvarez Blázquez 1
Xosé María Álvarez Blázquez 5
Fermín Bouza-Brey 5
Ricardo Carballo Calero 2
Leandro Carré Alvarellos 7
Xesús Carro García 4
Plácido Ramón Castro 11
Xosé Crecente Vega 1
Álvaro Cunqueiro 1
Manuel Chamoso Lamas 1
Xosé Díaz Jácome 1
Rafael Dieste 1
Nina Epton 1
Felipe Fernández Armesto 2
Celestino Fernández de la Vega 1
Francisco Fernández del Riego (“Salvador Lorenzana”) 12
Celso Emilio Ferreiro 2
Ánxel Fole 3
Frederick Fuller 1
Ramón González Alegre 1
Eleuterio González Salgado 3
George Hills 1
Aquilino Iglesia Alvariño 4
Florentino López Cuevillas 5
Teodoro López Sanmartín (“San Martiño”) 1
Manuel María 1
Sebastián Martínez Risco 1
Eduardo Martínez Torner 2
Ramón Otero Pedrayo 4
Ramón Piñeiro 1
Alejandro Raimúndez (“Xavier Fernández”) 3
Xosé Ramón Fernández-Oxea (“Ben-Cho-Shey”) 4
Stephen Reckert 3
Faustino Santalices 1
Benito Varela Jácome 1
Pura Vázquez 1
Alfonso Vázquez Martínez 1
Ramón Vilar Ponte 3

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De Toro Santos, Antonio Raúl (ed.): Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956. Oleiros, Editorial Tambre, 1994, p.31.
  2. Índice temático do libro: De Toro Santos, Antonio Raúl (ed.): Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956. Oleiros, Editorial Tambre, 1994, p.19-24.
  3. De Toro Santos, Antonio Raúl (ed.): Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956. Oleiros, Editorial Tambre, 1994, p.38.
  4. Índice de colaboracións do libro: De Toro Santos, Antonio Raúl (ed.): Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956. Oleiros, Editorial Tambre, 1994, p.25-29.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • De Toro Santos, Antonio Raúl (ed.): Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956. Oleiros, Editorial Tambre, 1994.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]