Galicia canta foi un recompilatorio musical realizado en Caracas, Venezuela e lanzado no ano 1970 polo selo Pobovox. É considerado o primeiro LP da música galega[1].
Adicado integramente á canción de intervención social, é contemporáneo ao movemento de Voces Ceibes e recolle cancións de varios dos seus membros. Nel participaron os músicos Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, Miro Casabella, Guillermo, Xoán Rubia, cada un cun tema, e tamén Xulio Formoso, cantor galego-venezolano que colabora con seis cancións e ocupa toda a cara b do mesmo. Tamén colaboran como letristas e animadores o poeta Farruco Sesto Novás, o seu irmao J.J. Sesto, e Celso Emilio Ferreiro, que ademais toca o pandeiro no tema Pandeirada ao Che. Celso Emilio aparece nos créditos do disco co seu pseudónimo Arístides Silveira.
No ano 2007 a revista galega de música Sono-Tone considerou que Galicia Canta podería ser o segundo disco galego máis valorado por coleccionistas[2], calculando que o seu prezo superaría, nunha poxa, os 240 euros que viñan de pagarse ese mesmo ano polo primeiro traballo do grupo N.H.U.. e situándoo só por baixo do primeiro disco de Suso Vaamonde. O disco foi reeditado no ano 2014 pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, cunha edición de 50 copias.