Galeatro é unha compañía galega de teatro creada en Carballo en 2015, especializada en espectáculos dirixidos ao público familiar e adulto. Fundada por Tone Martínez e Alba Bermúdez, a compañía ten como obxectivo achegar as artes escénicas aos máis pequenos e pequenas mediante propostas orixinais promovendo valores como a igualdade, o respecto pola tradición e a oralidade como ferramenta de comunicación e transmisión cultural.
Ao longo da súa traxectoria, Galeatro consolidouse como unha das compañías máis recoñecidas no ámbito do teatro familiar en Galicia, participando en numerosos festivais, programas culturais e campañas escolares por todo o territorio galego. Entre os seus espectáculos máis destacados atópanse Carabela, un espectáculo sobre o medio ambiente, Wombo Combo, unha proposta sobre os videoxogos ou Arte sen guión, un espectáculo para adultos coproducido co Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura sobre a historia do teatro medieval galego, onde combinan a improvisación, a música con grandes doses de humor.
No campo da narración oral, Galeatro desenvolve espectáculos que poñen en valor a tradición oral e a literatura infantil. Estas propostas adoitan realizarse en formatos máis íntimos, adaptados a espazos como bibliotecas ou escolas, con grande éxito entre o público infantil.
Galeatro caracteriza os seus espectáculos por empregar unha linguaxe escénica accesible e innovadora, adaptada ás diferentes idades do público infantil, sempre con coidado escenográfico e unha forte aposta pola creación propia.
A compañía tamén desenvolve obradoiros e actividades paralelas que fomentan a creatividade e a participación activa do público máis novo, contribuíndo así á formación de novos públicos e á dinamización cultural. Participaron no Metro Cadrado, o FIOT e a Mostra de Teatro do Mosteiro en Bergondo.
Premio Manuel María de Proxectos Teatrais (2024). A obra Berenguela na gaiola, con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira, presentada conxuntamente por Galeatro e Xarope Tulú, foi galardoada con este premio na súa cuarta edición. O xurado destacou a solidez da proposta e a súa capacidade para tender pontes entre a nenez e a vellez, abordando temas como o protagonismo feminino e a desatención da infancia e da terceira idade.