Gaitana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaitana
AlcumeLa Cacica e Guaitipán
Nacementovalor descoñecido
Lugar de nacementoTimana
Falecementoséculo XVI
Lugar de falecementoNovo Reino de Granada
NacionalidadeTimanaes
OcupaciónCacique e líder religioso
editar datos en Wikidata ]

Gaitana foi unha heroína indíxena do século XVI, cacique de Timaná nos Andes colombianos. Tamén coñecida como Guaitipán, liderou os seus contra os conquistadores españois entre 1539 e 1540.

Os indíxenas[editar | editar a fonte]

Segundo as crónicas da época, na conca oriental da cordilleira central, ao oeste do que hoxe é o departamento do Huila, vivían os indíxenas yalcón, que contaba cinco mil guerreiros, e ademais os timanaes, avirama, pinao, guanaca e paez. Ao leste e sur desta rexión vivían os andaquí e ao nororiente os pijaos.

Pedro de Añazco[editar | editar a fonte]

En 1538 Pedro de Añazco foi designado polo conquistador español Sebastián de Belalcázar para que fundase unha vila en Timaná para facilitar as comunicacións entre Popayán e o río Magdalena.

Añazco comezou a citar os xefes indíxenas da rexión para imporlles tributos, encomendas e outras obrigacións. Por entón, unha muller era unha das caciques, coñecida polos colonizadores como "Gaitana". Cando o conquistador chegou, negouse a falar con ela por ser muller e convocou o cacique que a seguía no mando. O home era un dos seus novos fillos. Por medo e por orgullo para coa súa nai, este home negouse a ir falar onde convocaban a todos os caciques. Durante a noite despois desa reunión, viñeron buscar a este raparigo. Fronte a ela, á súa muller e aos seus fillos matárono para que o devandito castigo servise de escarmento a todos os demais, e así lograr o sometemento de todos os pobos orixinarios da rexión. Posteriormente Gaitana organizou a todos os pobos que puido e ela mesma liderou a batalla contra os españois na zona de Colombia.

A vinganza[editar | editar a fonte]

A execución en lugar de dobregar os indíxenas produciu un alzamento xeral en todo o territorio. Gaitana (que así chamaron os españois a esta cacique) logrou congregar máis de seis mil indíxenas, que atacaron de madrugada a Pedro Añazco. Este, tranquilamente, con 20 homes, andaba percorrendo os arredores; 16 foron mortos, 3 fuxiron até Timaná coa noticia do desastre, e Añazco caeu vivo en mans dos seus inimigos. Entregado a Gaitana, esta fíxolle sacar os ollos coa punta dunha frecha e paseouno cunha soga ao pescozo de lugar en lugar, ata que morreu.

A resistencia indíxena[editar | editar a fonte]

Non era soamente o desexo de vingar a morte do seu fillo o que impulsaba a célebre cacique, polo que seguiu aínda despois da derrota de Añazco a súa loita, convidando a todos os caciques, e sobre todo a Pigoanza, xefe principal dos Yalcones, a facer o último esforzo por exterminar os seus opresores. Lograron aqueles, en efecto, interceptar toda comunicación con Popayán e sorprender e matar unha partida de vinte españois que se dirixían con gandos de cría a Timaná; mais, a pesar dos repetidos e formidables ataques, non puideron romper nin vencer os oitenta españois que compuñan aquela pequena colonia.

Entre tanto, chegara a Popayán a noticia do alzamento dos paeces, e resolveu Juan de Ampudia, que mandaba aquela colonia, saír ao que chamaban o castigo das insolencias dos indíxenas. Reuniu para iso preto de cen homes sacando cantos atoparon capaces de tomar parte na expedición en Cali e en Popayán. Mais o que ocorreu foi totalmente diferente do que esperaba: os indíxenas fixeron valente resistencia aproveitando a aspereza do seu país; Ampudia morreu dun lanzazo no pescozo no último combate, e Francisco Tovar, o seu segundo, houbo de retirarse a Popayán desengañado. Así acabaron os capitáns Ampudia e Añazco, compañeiros de Belalcázar, pagando con tan tráxico fin as innumerables crueldades que cometeran na última xornada de Belalcázar ao Cauca. Non foron inútiles os novos esforzos de Gaitana, pois logrou reunir unha confederación de todos os pobos indíxenas da rexión, máis de dez mil guerreiros, para facer a última tentativa co fin de expulsar os españois de Timaná.

Traizón[editar | editar a fonte]

O seu plan frustrouse pola traizón do cacique indíxena Matambo, quen avisou os españois sobre os plans da súa xente e detallou como os homes por vao e as mulleres en canoas, pasaban o Magdalena con todos os utensilios necesarios para celebrar a vitoria que crían xa segura.

Previdos, pois, os conquistadores e fortificados, esperaron o ataque, que se verificou ao amencer. Nesta ocasión viñan armados de cantos obxectos metálicos cortopunzantes puideran adquirir dos españois: cravos, tesoiras, regatóns de lanza, e até as guarnicións das espadas afiadas aparecían engastadas a guisa de armas, que os igualasen coas dos seus opresores. Os escuadróns dos indios estaban tan disciplinados, que apenas morría un home, era substituído ao instante por outro, de maneira que os dacabalo non podían penetrar, e sen algúns proxectís acesos que abriron campo a Juan del Río e aos demais xinetes, o éxito dos españois sería dubidoso. Unha vez, con todo, que comezou a matanza no interior dos escuadróns, xa os indios cesaron de resistir con vigor, e foron atropelados e rotos, quedando o campo cuberto de milleiros de cadáveres.

Mais a derrota non acabou cos ánimos de loita e os desexos de liberdade. Uníronse a Gaitana máis tribos como os pijaos, panaes ou pamaos. Como na anterior batalla non lograron descubrir o traidor, este continuou o seu labor delator. Nun novo intento por copar as tropas españolas, estes novamente os esperaban, o que desvaneceu a vitoria. Conseguiron, iso si, que os españois abandonasen a rexión.

Continuidade da resistencia[editar | editar a fonte]

Retiráronse os indíxenas das proximidades de Timaná a lugares apartados e fortes, onde saíndo a buscalos Tobar créndoos definitivamete debilitados, quedou vencido, de modo que non se atrevían xa os indios a volver a atacar os españois na chaira, nin estes aos indíxenas nas súas montañas, houbo de feito unha tregua que durou algún tempo.

A tranquilidade non durou moito. Regresaron os españois con reforzos que puxeron os indíxenas en gran desvantaxe, ao punto da extinción. A historia rexistra, segundo frei Pedro Simón -que escribe en 1626- que de catorce ou quince mil indíxenas que había na vila de Timaná quedaron só uns 600. As epidemias de vexigas, as guerras e os traballos forzados impostos polos españois non permitían sobrevivir os nativos.

Vencido, o que quedou do pobo nativo repregouse e colocou como defensa a fragosidade no terreo, desde onde seguiu no seu empeño de resistir.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]