Gaita marcial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaita marcial
Gaita marcial na liga de gaitas.jpg
Información
Clasificaciónvento madeira
Instrumentos relacionados
  • Gaita galega
  • A gaita marcial é unha gaita galega ideada polo gaiteiro Xosé Lois Foxo a imitación da gaita das Highlands.[1]

    Orixe[editar | editar a fonte]

    A gaita marcial foi unha creación de Xosé Lois Foxo, director da banda de gaitas da Deputación de Ourense, a comezos da década de 1990. Esta gaita, de inspiración escocesa, foi inventada por Foxo após unha estadía no Festival Intercéltico de Lorient, pois o gaiteiro volveu do evento avergoñado pola comparanza da súa formación coas bandas militares escocesas.[2][3] Alén de mudar o instrumento principal, Foxo substituíu a percusión tradicional do seu grupo por percusión moderna, e introduciu vestimentas e xeitos de tocar e desfilar similares aos das bandas de Escocia.[4]

    A extensión por todo o país, con financiamento público, deste modelo alleo de bandas de gaitas provocou unha agre polémica no sector cultural da música tradicional galega. Este conflito, coñecido como guerra das gaitas, tivo un dos seus puntos álxidos no concurso vai de gaita do programa Luar da TVG no ano 2013. A asistencia ao certame dun participante coa gaita marcial motivou a reprimenda televisada por parte do xurado, en especial da gaiteira Susana Seivane.[5][6]

    Características[editar | editar a fonte]

    Gaiteiros coa gaita marcial.

    A gaita marcial diferénciase da gaita galega na disposición sobre o ombro do gaiteiro da ronqueta e do chión, e no alongamento do fol.[7] As súas características principais son as seguintes:[8]

    • Punteiro afinado en Si bemol.
    • Fol rectangular de "pescozo de cisne", horizontal ao chan, para facilitar a marcha do gaiteiro tocando o instrumento.
    • Tres bordóns sonoros sobre o ombreiro esquerdo do gaiteiro, unidos por un cordón: roncón (Si bemol, dúas oitavas por debaixo da nota do punteiro), ronqueta (Si bemol, unha oitava por debaixo) e chión (Si bemol, ao unísono coa tónica do punteiro)
    • Soprete máis longo para manter a posición do fol horizontal e os roncóns máis erguidos.

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. A gaita galega III. Naqueles tempos (Youtube) (TVG). 2016. p. 55m.11s. 
    2. Caneiro, Santiago (12/1995). "A Asociación de Gaiteiros Galegos e as memorias dun conflito" (PDF). Cadernos A Nosa Terra (20). 
    3. A gaita galega III. Naqueles tempos 13 - TVG (TVG). 2016. p. 57m.15s. 
    4. "Análise 1". Colectivo en defensa da gaita (CDG). Consultado o 2021-07-08. 
    5. "Susana Seivane: «Non deberiamos confundir a evolución dun instrumento cun invento subvencionado»". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-12-19. Consultado o 2019-05-16. 
    6. Valoración do xurado da actuación de Denis Rodríguez no concurso "Vai de gaita" de Luar. Youtube (Luar (TVG)). 2013. 
    7. López García, Luis Fernando; Fernández Castaño, Felix (2013). "La gaita "marcial" o de banda: Reflexiones críticas desde una postura universalista" (PDF). Anuario da Gaita (28): 24. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xullo de 2021. Consultado o 08 de xullo de 2021. 
    8. Castro Vicente (2016). p.13

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    • Castro Vicente, Cástor e Felix (2016). Transformacións na organoloxía da gaita en Galicia : o caso da gaita marcial. Arquivo Castro Vicente. 

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]