Gabriel Pita da Veiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gabriel Pita da Veiga e Sanz»)
Gabriel Pita da Veiga
Nacemento31 de xaneiro de 1909
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento8 de maio de 1993
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónoficial da armada e político
PremiosGran Cruz da Orden de Carlos lll, Gran Cruz da Orde do Mérito Civil, Gran Cruz del Mérito Naval con distintivo blanco e Gran Cruz del Mérito Militar con distintivo blanco
editar datos en Wikidata ]

Gabriel Pita da Veiga y Sanz, nado en Ferrol o 31 de xaneiro de 1909 e finado en Madrid o 8 de maio de 1993, foi un mariño español e ministro de Mariña no período 1973-1977.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Gabriel Pita da Veiga ingresou na Escola Naval Militar en 1924 e obtivo o emprego de alférez de navío en 1929, co que en marzo de 1930, foi destinado ó cruceiro Victoria Eugenia.[1] Unha vez rematada a guerra civil, na que combateu no bando sublevado, tivo o mando de varios buques de guerra e en 1967 foi nomeado contraalmirante, e con esa gradación foi xefe da División Orgánica do Estado Maior da Armada e segundo xefe de devandito Estado Maior (1969). Vicealmirante en 1970, tomou o mando da Comandancia Xeral da Frota ó ano seguinte. É nomeado almirante en xuño de 1972 e, o 8 de xullo dese mesmo ano, xefe do Estado Maior da Armada, o que supuña a culminación da súa carreira profesional. Porén, en xuño de 1973, o presidente do Goberno, Luis Carrero Blanco, propúxollo ó xeneral Francisco Franco como ministro de Mariña, cargo que asumiu inmediatamente.[2]

Tralo atentado que provocou a morte de Carrero Branco en decembro de 1973, Pita da Veiga foi confirmado no seu cargo ministerial co novo xefe de Goberno, Carlos Arias Navarro, e logo con Adolfo Suárez, unha vez finado Franco.

En marzo de 1974, acudiu a Brasilia á toma de posesión de Ernesto Geisel como presidente do Brasil en calidade de embaixador extraordinario. Por designación directa de Franco, foi designado o 1 de setembro de 1974 conselleiro nacional do movemento.

Mantívose no seu cargo de ministro de mariña durante os primeiros anos da chamada Transición Democrática como representante da liña franquista máis ortodoxa, fronte ós esforzos do tenente xeneral Manuel Gutiérrez Mellado para convencer as xerarquías castrenses da necesidade de introducir cambios democratizadores na vida nacional.

Cando o 9 de abril de 1977 o presidente do Goberno, Adolfo Suárez, legalizou sorpresivamente o Partido Comunista de España, o almirante Pita da Veiga presentou a súa dimisión, evidenciando así a súa total discrepancia coa medida. Pasou á reserva o 2 de febreiro de 1979.[3]

Tras a súa renuncia, mantívose totalmente afastado da política até a súa morte, que tivo lugar o 8 de maio de 1993.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ""Se dispone que los alféreces de navio don Gabriel Pita da Veiga y Sanz, D. Antonio Rodríguez Toubes Vázquez y D. Federico Sánchez Barcáiztegui pasen destinados aS crucero Reina Victoria Eugenia"". ABC. 7 de marzo de 1930. Consultado o 24 de febreiro de 2022. 
  2. "Ministro del Ejército El Ferrol del 1 Gabriel Pita da Veiga". ABC. 13 de xuño de 1973. Consultado o 24 de febreiro de 2022. 
  3. "El almirante Pita da Veiga pasa a la reserva". ABC. 2 de febreiro de 1979. Consultado o 24 de febreiro de 2022. 
  4. "Fallece en Madrid el almirante Gabriel Pita da Veiga, ex-ministro de marina". ABC. 9 de maio de 1993. Consultado o 24 de febreiro de 2022.