Casa das Artes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Fundación Laxeiro")

Coordenadas: 42°14′16″N 8°43′22″O / 42.23778, -8.72278

Casa das Artes
Casa das Artes rúa Policarpo Sanz Vigo.JPG
Arquitecto Romualdo Madariaga Céspedes
País Galicia, España
Cidade Vigo
Inauguración 1939 Como Banco de España
1990 Como Casa das Artes

A Casa das Artes é o centro principal de exposicións temporais programadas pola unidade de cultura do concello de Vigo. Tamén é a sede da Fundación Laxeiro, do Arquivo Fotográfico Pacheco e da colección Luís Torras. Constitúe o principal espazo destinado a albergar exposicións temporais municipais.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O actual emprazamento do museo ocupa o espazo ocupado anteriormente polo antigo Ministerio de Economía e Facenda, na rúa Policarpo Sanz 15. O edificio, deseñado na década dos trinta, albergou a sede do Banco de España en Vigo dende 1939 ata mediados da década dos oitenta, cando o Ministerio de Economía e Facenda decidiu pechar tódalas sucursais do banco emisor que non estiveran en capitais de provincia.[1]

O proxecto, asinado por Romualdo de Madariaga en setembro do 1938, e a intención da súa edificación xa partía de antes do golpe de estado do 18 de xullo do 1936. O edificio caracterízase polo seu chafrán central, que constitúe a súa principal seña de identidade, co que rompe a esquina das rúas Rúa Reconquista e Policarpo Sanz. A planta atópase aliñada coa rúa de Policarpo Sanz, dándolle unha pequena elevación sobre a rasante, que se resolve cunha curta escalinata, de xeito que o soto reciba iluminación exterior das fiestras que asoman pola rúa Reconquista.

A Casa das Artes, de senlleira arquitectura, é dende 1990 a sede principal da programación cultural da área de Cultura do concello de Vigo. Cada ano, expóñense nas súas salas exposicións de pintura, escultura, fotografía, e tamén de carácter científico e divulgativo, histórico, etnográfico e social. Destaca a exposición sobre Tamara de Lempicka que, por primeira vez en España, puido ser visitada nas salas deste centro, e que foi exposta no ano 2007.[2]

O inmoble[editar | editar a fonte]

Na planta baixa do centro atópase o arquivo fotográfico Pacheco, colección composta por 140.000 fotografías de Vigo feitas por Jaime de Sousa Guedes Pacheco e os seus fillos Jaime e Alberto dende o ano 1879 ata 1970.[3]

No segundo andar, se encontra a Colección Torras formada por 50 cadros doados e 17 cedidos en réxime de depósito,[4] polo artista vigués Luís Torras.

No terceiro andar atópase a Fundación Laxeiro, onde se pode atopar a colección do pintor lalinense Xosé Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro, un dos máis importantes expoñentes das vangardas históricas galegas. Ademais realízanse exposicións temporais de artistas contemporáneos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]