Fulmar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Fulmarus glacialis»)
Fulmarus glacialis


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Procellariiformes
Familia: Procellariidae
Xénero: Fulmarus
Especie: Fulmarus glacialis
(Linnaeus, 1761)[2]
Distribución de F. glacialis
Distribución de F. glacialis

Distribución de F. glacialis
Subespecies

Fulmarus glacialis glacialis
(Linnaeus, 1761)[3]
Fulmarus glacialis auduboni
Fulmarus glacialis rodgersii

Son da ave

O fulmar,[4] fulmar boreal[5] ou pardela glacial[6][7][8] (Fulmarus glacialis) é unha ave mariña moi abundante que se encontra principalmente en rexións subárticas do Atlántico norte e Pacífico norte. Foi confirmado o seu avistamento no hemisferio sur, por un só paxaro observado en Nova Zelandia,[9] pero existe tamén outra especie de fulmar distinta propia da rexión antártica. Os fulmares do norte poden presentarse nun ou dous morfos de cor: un claro, con cabeza e corpo brancos e ás e cola grises, e outro escuro, que é uniformemente gris. Aínda que é similar en aparencia ás gaivotas, o fulmar é de feito un membro da familia das pardelas, Procellariidae.

O fulmar boreal (Fulmarus glacialis) e a súa especie fraterna do sur, o Fulmarus glacialoides, son os únicos membros existentes do xénero Fulmarus. Os fulmares pertencen á orde Procellariiformes, polo que presentan as características identificativas da orde. Teñen tubos nasais na parte superior do bico chamados naricornos, cos orificios nasais na parte superior do bico (os albatros son os únicos procelariformes que os teñen nos lados do bico). Os bicos dos Procellariiformes están divididos en dous por medio de entre sete e nove placas córneas. Unha destas placas forma a porción ganchuda do bico superior, chamada unguis maxilar. O fulmar produce un aceite estomacal composto de ésteres céreos e triglicéridos que se almacena no proventrículo. Este aceite pódeno asperxer lanzándoo pola boca como defensa contra os depredadores xa desde unha idade temperá, e serve como rica fonte de enerxía para os pitos en desenvolvemento e para os adultos durante os seus longos voos.[10] Este aceite enreda a plumaxe das aves predadoras, o que pode causar a súa morte.[11] Finalmente, teñen tamén unha glándula do sal que está situada por riba do tubo nasal, que axuda a desalinizar os seus corpos, xa que tragan gran cantidade de auga mariña. Esta glándula excreta unha solución altamente salina polo orificio nasal.[11]

O fulmar boreal foi descrito inicialmente como Fulmarus glacialis por Carl Linnaeus en 1761, baseándose nun espécime do círculo polar ártico de Spitsbergen.[12]

Subespecies[editar | editar a fonte]

O fulmar boreal consta de tres subespecies:[13]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Fulmarus glacialis procede das palabras do nórdico antigo full, que significa 'fedorento', e mar, que significa 'gaivota'. Este nome de "gaivota fedorenta" fai referencia ao cheirento aceite do seu estómago e tamén á súa semellanza superficial coas gaivotas. Finalmente, glacialis é unha palabra latina que indica a súa área vital no xélido extremo norte.[14]

Descrición[editar | editar a fonte]

Son da ave

O fulmar boreal ten unha envergadura de ás de 102 a 112 cm[12] e unha lonxitude de 46 cm.[15][16][17] A masa corporal pode oscilar entre 450 e 1 000 g.[18] Esta especie é gris e branca cun bico amarelo claro delgado e patas azuladas;[19] porén, existe un morfo claro e outro escuro ou 'azul'. No océano Pacífico hai ademais un morfo intermedio. Todos os morfos teñen certas semellanzas, pero só o morfo escuro ten máis que bordos escuros na parte inferior, e todos teñen plumas primarias interiores claras na parte superior das ás. O morfo do Pacífico ten unha cola máis escura que o morfo do Atlántico.[12][15][16][19][20][21][22]

Igual que outros proceláridos, a súa capacidade de camiñar é limitada, pero teñen un voo potente, e a súa acción para poñer ríxida a á bastante distinta da que realizan as gaivotas. O seu pescozo ten un aspecto máis forte que o das gaivotas, e ten bicos curtos e gordechos.[19] Teñen unha vida longa, e non é raro que cheguen aos 31 anos.[23]

Poboación e tendencias[24]
Lugar Poboación reprodutora Poboación de inverno Tendencia reprodutora
Illas Feroe 600 000 parellas 500 000–3 000 000 individuos estable
Groenlandia 120 000–200 000 parellas 10 000–100 000 individuos estable
Francia 1 300–1 350 parellas 100–500 individuos incrementándose
Alemaña 102 parellas incrementándose
Islandia 1 000 000–2 000 000 parellas 1 000 000—5 000 000 individuos diminuíndo
Irlanda 33 000 parellas incrementándose
Dinamarca 2 parellas 200–300 individuos incrementándose
Noruega 7 000–8 000 parellas incrementándose
Svalbard 500 000–1 000 000 parellas incrementándose
Rusia (Europa) 1 000–2 500 parellas
Reino Unido 506 000 parellas
Canadá, Rusia (Asia) e EUA 2 600 000–4 200 000 parellas
Total (individuos adultos) 15 000 000–30 000 000 incrementándose

Comportamento[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Este fulmar aliméntase de gambas, peixes, luras, plancto, medusas e prea (e refugallos).[11][12][20][21] Cando comen peixes, mergúllanse a varios metros de profundidade para conseguir as presas.[17]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Ovo do animal, (colección do MHNT)
Nidificando nas Shetland, Escocia
Nidificando no condado de Mayo, Irlanda
Fulmar voando en Kongsfjord, Ny Alesund, Svalbard

O fulmar boreal empeza a reproducirse cando ten entre seis e doce anos de vida. É monógamo e establece lazos de parella a longo prazo. Volve ao mesmo sitio de nidación ano tras ano.[11] A tempada reprodutora empeza en maio;[12] non obstante, a femia pode almacenar o esperma, de tal xeito que pode deixar pasar varias semanas entre a copulación e a fertilización e posta dos ovos.[11] O seu niño é unha escavación no chan nun saínte rochoso con herba ou nunha mancha de vexetación no chan, que forra con algún material brando. Esta ave aniña en grandes colonias.[11][12][17][20][21] Recentemente, empezaron a aniñar en tellados de casas e edificios nalgunhas zonas.[12] Ambos os sexos interveñen na construción do niño.[11] Poñen un só ovo branco de 74x51 mm,[11] que é incubado durante un período de 50 a 54 días por ambos os sexos. As crías son altriciais e son coidadas durante dúas semanas[25] e están completamente emplumadas aos 70 a 75 días. De novo, ambos os sexos contribúen aos coidados da proxenie.[11][12] Durante este período, os proxenitores son nocturnos e non son activos de día e nin sequera en noites ben iluminadas.[11]

Comportamento social[editar | editar a fonte]

O ritual de cortexo deste fulmar consiste en que a femia repousa sobre un saínte e o macho aterra onda ela e permanece co bico aberto e a cabeza cara a atrás e seguidamente comeza a mover a cabeza de lado a lado e de arriba a abaixo mentres emite chamadas.[11]

Poden facer sons similares a gruñidos e risos mentres comen e chamadas guturais durante a estación de apareamento.[20][21]

Conservación[editar | editar a fonte]

Estímase que o fulmar boreal ten unha poboación global de entre 15 e 30 millóns de individuos maduros, que se espallan por unha área de distribución duns 28 400 000 km2 e nalgunhas zonas, como Norteamérica e illas Británicas[20] e zonas de Escandinavia, a súa poboación vai en aumento, polo que na lista da IUCN considérase como en estado "pouco preocupante".[24] A área de distribución desta especie estivo incrementándose notablemente no último século debido á dispoñibilidade de refugallos de peixe procedente das frotas pesqueiras comerciais, pero podería contraerse debido á diminución do seu alimento e ao cambio climático.[12]

Explotación histórica[editar | editar a fonte]

Un gravado en madeira de A History of British Birds de Thomas Bewick, Volume 2: Water Birds, 1804

Os fulmares foron explotados polos humanos durante séculos para obter aimento. Un exemplo foi o seu aproveitamento na illa escocesa de San Kilda. O gravador Thomas Bewick escribiu en 1804 que «Pennant, falando daqueles [paxaros] que se reproducen ou habitan na illa de San Kilda, di: "Ningunha ave é tan útil para os habitantes da illa coma esta: O Fulmar fornéceos de aceite para as súas lámpadas, penuxe para as súas camas, un manxar para as súas mesas, un bálsamo para as súas feridas, e unha medicina para os seus trastornos."»[26] Unha fotografía de George Washington Wilson tomada en 1886 mostra unha "vista dos homes e mulleres de San Kilda na praia repartindo a súa captura de fulmares".[27] James Fisher, autor de The Fulmar (1952)[28] calculou que cada persoa de San Kilda consumía uns 100 fulmares cada ano; a súa carne era unha comida habitual, e capturaban unhas 12 000 destas aves anualmente. Porén, cando a poboación humana deixou San Kilda en 1930, a poboación de fulmares non aumentou rapidamente.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fulmaris glacialis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 12 March 2014. 
  2. BirdLife International 2009b
  3. Brands 2008
  4. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada". Chioglossa (A Coruña) 1: 122. Consultado o 16 de agosto de 2018. 
  5. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  6. Definición de pardela no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  7. Definición de fulmar no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  8. Enciclopedia Galega Universal. Tomo 13. Ir Indo Edicións. Vigo. Páxina 244. ISBN 84-7680-301-X (do tomo).
  9. http://blog.tepapa.govt.nz/2016/03/15/a-new-bird-for-new-zealand-northern-fulmar/
  10. Double 2003
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 Ehrlich 1988
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 12,8 Maynard 2003
  13. Clements 2007
  14. Gotch 1995
  15. 15,0 15,1 Sibley 2000
  16. 16,0 16,1 Floyd 2008
  17. 17,0 17,1 17,2 Harrison & Greensmith 1993
  18. Strøm 2011
  19. 19,0 19,1 19,2 Peterson 1961
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Bull & Farrand 1993
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Udvarty & Farrand 1994
  22. Dunn & Alderfer 2006
  23. BirdLife International 2004
  24. 24,0 24,1 BirdLife International 2009a
  25. Hauber, Mark E. (1 August 2014). The Book of Eggs: A Life-Size Guide to the Eggs of Six Hundred of the World's Bird Species. Chicago: University of Chicago Press. p. 42. ISBN 978-0-226-05781-1. 
  26. Bewick, Thomas (1847). A History of British Birds, volume II, Water Birds (revised ed.). p. 226. 
  27. Co, George Washington Wilson & (1901-12-02). "Dividing the Catch of Fulmar, St Kilda". Photograph. Consultado o 2022-04-11. 
  28. Fisher, J. (1952). The Fulmar. Collins. 
  29. Cocker, 2005. pp. 12–18

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aberdeen (2005). Fowlsheugh Ecology. Lumina Press. 
  • BirdLife International (2004). "Fulmarus glacialis Northern Fulmar" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 January 2009. Consultado o 17 July 2009. 
  • BirdLife International (2009a). "Northern Fulmar". BirdLife Species Factsheet. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2009. Consultado o 17 July 2009. 
  • BirdLife International (2009b). The BirdLife checklist of the birds of the world, with conservation status and taxonomic sources. 
  • Brands, Sheila (14 August 2008). "Systema Naturae 2000 / Classification - Fulmarus glacialis". Project: The Taxonomicon. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2015. Consultado o 18 July 2009. 
  • Bull, John; Farrand, John Jr. (June 1993) [1977]. "Open Ocean". En Opper, Jane. The Audubon Society Field Guide to North American Birds. The Audubon Society Field Guide Series. Birds (Eastern Region) (1st ed.). New York, NY: Alfred A. Knopf. p. 314. ISBN 0-394-41405-5. 
  • Clements, James (2007). The Clements Checklist of the Birds of the World (6th ed.). Ithaca, NY: Cornell University Press. ISBN 978-0-8014-4501-9. 
  • del Hoyo, Joseph (ed.). Handbook of the Birds of the World 1. ISBN 84-87334-10-5. 
  • Double, M.C. (2003). "Procellariiformes (Tubenosed Seabirds)". En Hutchins, Michael; Jackson, Jerome A.; Bock, Walter J.; Olendorf, Donna. Grzimek's Animal Life Encyclopedia. 8 Birds I Tinamous and Ratites to Hoatzins (2nd ed.). Farmington Hills, MI: Gale Group. pp. 107–111. ISBN 0-7876-5784-0. 
  • Dunn, Jon L.; Alderfer, Jonathan (2006). "Shearwaters, Petrels (Family Procellariidae)". En Levitt, Barbara. National Geographic Field Guide to the Birds of North America (fifth ed.). Washington D.C.: National Geographic Society. p. 82. ISBN 978-1426208287. 
  • Ehrlich, Paul R.; Dobkin, David, S.; Wheye, Darryl (1988). The Birders Handbook (First ed.). New York, NY: Simon & Schuster. pp. 14, 29–31. ISBN 0-671-65989-8. 
  • Floyd, Ted (2008). "Tubenoses: Albatrosses, Shearwaters & Petrels, and Storm-petrels". En Hess, Paul; Scott, George. Smithsonian Field Guide to the Birds of North America (First ed.). New York, NY: HarperCollins Publishers. p. 82. ISBN 978-0-06-112040-4. 
  • Gotch, A.F. (1995) [1979]. "Albatrosses, Fulmars, Shearwaters, and Petrels". Latin Names Explained A Guide to the Scientific Classifications of Reptiles, Birds & Mammals. New York, NY: Facts on File. pp. 191–192. ISBN 0-8160-3377-3. 
  • Harrison, P. (1983). Seabirds: an Identification Guide. Beckenham, U.K.: Croom Helm. ISBN 0-7470-1410-8. 
  • Harrison, C.; Greensmith, A. (1993). "Non-passerines". En Bunting, E. Birds of the World. New York, NY: Dorling Kindersley. p. 50. ISBN 1-56458-295-7. 
  • Maynard, B.J. (2003). "Shearwaters, petrels, and fulmars (Procellariidae)". En Hutchins, Michael; Jackson, Jerome A.; Bock, Walter J.; Olendorf, Donna. Grzimek's Animal Life Encyclopedia. 8 Birds I Tinamous and Ratites to Hoatzins (2nd ed.). Farmington Hills, MI: Gale Group. pp. 123–133. ISBN 0-7876-5784-0. 
  • Peterson, Roger T. (1961) [1941]. "Shearwaters, Fulmars, Large Petrels: Procellariidae". A Field Guide to Western Birds. Peterson Field Guide 2 (Second ed.). Boston, MA: Houghton Mifflin. ISBN 0-395-13692-X. 
  • Sibley, David A. (2000). "Albatrosses, Petrels and Shearwaters Families: Diomedeidae, Procellariidae". The Sibley Guide to Birds (First ed.). New York, NY: Alfred A. Knopf. p. 32. ISBN 0-679-45122-6. 
  • Strøm, Hallvard (2011). "Northern Fulmar". Norwegian Polar Institute. Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2012. Consultado o 15 de agosto de 2018. 
  • Udvarty, Miklos D.F.; Farrand, John Jr. (1994) [1977]. Locke, Edie, ed. National Audubon Society Field Guide to North American Birds. National Audubon Field Guide Series. Birds (Western Region) (First ed.). New York, NY: Alfred A. Knopf. pp. 358–359. ISBN 0-679-42851-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]