Freo do prepucio
O freo do prepucio, freo prepucial ou freo do pene[1][2] é un pregamento cutáneo que une a cara inferior da glande coa superficie interior do prepucio, e axuda a contraer o prepucio sobre a glande.
Anatomía
[editar | editar a fonte]Xeralmente, cando o pene está fláccido o freo agóchase tras o prepucio. Ao retraer o prepucio, o freo obsérvase como unha porción de pel triangular que se estende desde a parte inferior do meato urinario, na cara ventral da glande, e que se une á mucosa do prepucio interno. Debido a esa forma triangular e á proximidade co freo, a mucosa prepucial baixo o freo recibe o nome de delta frenular. O delta e o freo están altamente innervados (conteñen un gran número de receptores nerviosos) polo que son considerados unha zona eróxena específica. O freo contén tamén unha pequena arteria. Malia adoitar estirparse durante a circuncisión, pode estar presente en individuos circuncidados dependendo do método empregado.
Funcións
[editar | editar a fonte]O freo mantén o prepucio no seu lugar sobre a glande e axuda a devolver o prepucio retraído á súa posición normal sobre a glande cando o pene está fláccido. Ademais desta función, o freo contribúe a intensificar as sensacións durante a actividade sexual, xa que constitúe unha área particularmente sensible do pene.[3] A estimulación repetida desta zona contribúe ao reflexo exaculatorio, tal como se puido observar en individuos con lesión da medula espiñal, que padecen incapacidade para exacular. Este feito permitiu a obtención de esperma das devanditas persoas con fins reprodutivos mediante estimulación vibratoria do pene.[4][5]
Condicións
[editar | editar a fonte]O freo breve ou frenulum breve é a condición caracterizada por un freo demasiado curto que restrinxe o movemento do prepucio, o que pode conducir a molestias durante a actividade sexual. É probable que un freo con esta condición esgace e cause unha leve dor e un sangrado mínimo. Polo xeral, isto non supón unha emerxencia médica e o freo adoita curar cando a hemorraxia remate. Con todo, a formación de tecido cicatricial fibroso acúrtao aínda máis. A condición pode ser tratada por frenuloplastia (cirurxía plástica reparadora), frenectomía (eliminación), ou circuncisión.[6][7][8] Esta condición tamén poden ser tratada por outros métodos, como o uso de cremas con corticosteroides e a extensión manual do freo. O freo tamén pode ser eliminado ou estar completamente ausente en casos de hipospadias.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O Dicionario da Real Academia Galega define freo (4) como "Pregadura membranosa que limita os movementos dun órgano".
- ↑ O Dicionario de Termos Médicos da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, fala do "freo do prepucio" nas entradas "freo" e "plexo de panizza".
- ↑ Crooks, R.; Baur, K. Our Sexuality (5ª edición). Redwood City: Benjamin/Cummings, 1993. Páxina 129. [ISBN 0534595677]
- ↑ Saulino, Michael F. (2006). Rehabilitation of Persons With Spinal Cord Injuries. WebMD.
- ↑ Pryor, JL; Leroy; Nagel; Hensleigh (1995). Vibratory stimulation for treatment of anejaculation in quadriplegic men. En Archives of physical medicine and rehabilitation 76 (1): 59-64.
- ↑ Griffin, AS; Kroovand (1990). Frenular chordee: implications and treatment». Urology 35 (2): 133-4.
- ↑ "Circumcision--the debates goes on." (3 Pt 1). PMID 10733391. doi:10.1542/peds.105.3.681.
- ↑ "Neonatal Circumcision: An Audiovisual Primer". Stanford School of Medicine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Freo do prepucio |