Frederico II de Suabia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Frederico II o Torto
Duque de Suabia
Frederico II, duque de Suabia

Reinado1105-1147
Nacemento1090
Falecemento6 de abril de 1147
Alzey
(cidade situada hoxe no Land de Renania-Palatinado)
PredecesorFrederico I de Suabia
SucesorFrederico III
Consorte
  • Xudite de Baviera
  • Inés de Saarbrücken
DescendenciaVéxase Descendencia
ProxenitoresFrederico I de Suabia
Inés de Babenberg

Escudo de Frederico II de Suabia
Escudo da familia Hohenstaufen
Na rede
WikiTree: Staufer-34

Frederico II, chamado o Torto, nado en 1090 e finado en Alzey o 6 de abril de 1147, foi un nobre alemán, o segundo Hohenstaufen que ostentou o título de duque de Suabia desde 1105, en que sucedeu ao seu pai, até 1147, ano no que morreu.

Era o fillo máis vello do duque Frederico I de Suabia e da súa esposa Inés de Babenberg. Foi o pai de Frederico I Barbarroxa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Á morte de seu pai, en 1105, sucedeuno como duque de Suabia. En 1108 participou na campaña contra Colomán de Hungría. En 1110-1111, acompañou o emperador Henrique V, seu tío, a Roma para entrevistarse co papa Pascual II.

Despois de probar a súa lealdade ao emperador durante as revoltas da oposición en Alemaña en 1116, Henrique V declarouno o seu representante.

En 1120 (ou en 1121, segundo os autores) Frederico casou con Xudite de Baviera, filla de Henrique o Negro, membro da poderosa (e inimiga) casa de Welf.

Despois da morte de Henrique V, o 24 de setembro de 1125, reuníronse os grandes do Reino para elixir sucesor do Rei de romanos (título oficial dos reis de Alemaña). O duque Frederico II de Suabia foi o primeiro pretendente á coroa, para o que contaba co apoio do seu irmán máis novo Conrado, duque de Franconia e outras casas nobres. Pero, por razóns políticas, os electores, liderados polos saxóns, elixiron o duque Lotario de Suplinburgo, que foi coroado anos despois, en 1133, como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, reinando como Lotario II.[1][2] [3]

Frederico recoñeceu, nun principio, ao novo Rei de romanos, pero no outono de 1125 rebelouse contra el. Durante unha batalla, Frederico perdeu un ollo e, consecuentemente, perdeu tamén os dereitos ao trono, porque carecía da necesaria integridade corporal. En 1135 compareceu ante o rei Lotario como penitente, e foi indultado.

Despois da morte de Xudite, en 1132 casou con Inés de Saarbrücken, filla do conde Frederico de Saarbrücken.

Segundo Otón de Frisinga (Otto von Frising) Frederico era un apaixonado dos cabalos. Fundou varias cidades e mandou construír moitos castelos. E que «era un cabaleiro tan fiel ao seu soberano e un amigo tan útil ao seu tío que, co seu valor, foi quen de soster o honor vacilante de todo o Reino».

O duque Frederico II encontrou o seu lugar final de descanso no mosteiro de Santa Valpurga, na Baixa Alsacia. Faleceu o 6 de abril de 1147.

Sucedeuno o seu fillo Frederico como Frederico III, duque de Suabia, que asumiu o trono do Sacro Imperio en 1152 como o emperador Frederico I Barbarroxa.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Antepasados[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Frederico I
Duque de Suabia
1105-1147
Sucesor:
Frederico III

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nalgunha historiogafía menciónase como Lotario III.
  2. Bryce 1913, p. xxxix.
  3. Comyn 1851, p. 191.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bryce, James (1913): The Holy Roman Empire. Londres: MacMillan.
  • Calmette, Joseph (1951): ‎Le Reich allemand au Moyen-Age.‎ ‎París: Payot.
  • Canduci, Alexander (2010): Triumph and Tragedy: The Rise and Fall of Rome's Immortal Emperors. Sydney: Pier 9. ISBN 978-1-7419-6598-8.
  • Comyn, Robert (1851): History of the Western Empire from its Restoration by Charlemagne to the Accession of Charles V. Volume 1.
  • Hampe, Karl (1973): Germany under the Salian and Hohenstaufen Emperors. Oxford (UK): Basil Blackwell Publishers. ISBN 0-6311-4180-4.
  • Rizzi, Ruggiero (2009): Federico I e Federico II Hohenstaufen. Genesi di due personalità alla luce della storia, della medicina e della psicologia. Manduria: Barbieri Editore. ISBN 978-88-7533-045-3.

Outros artigos[editar | editar a fonte]