Franjo Kuharić
Franjo Kuharić | |
---|---|
![]() | |
Cardeal da Igrexa católica | |
Biografía | |
Nacemento | 15 de abril de 1919 en Krašić, Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos |
Pasamento | 11 de marzo de 2002 en Zagreb, Croacia |
Ordes | |
Ordenación sacerdotal | 15 de xullo de 1945, por Alojzije Stepinac |
Consagración episcopal | 3 de maio de 1964, por Franjo Šeper |
Creado cardeal | 2 de febreiro de 1983, por Xoán Paulo II |
Arcebispo metropolitano de Zagreb Cardeal-Presbítero de San Girolamo dei Croati | |
1970 - 1997 | |
Predecesor | Franjo Šeper |
Sucesor | Josip Bozanić |
Outros | |
Deus caritas est | |
Ficha en catholic-hierarchy.org |
Franjo Kuharić, nado o 15 de abril de 1919 en Krašić (Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos) e finado o 11 de marzo de 2002 en Zagreb (Croacia) foi un eclesiástico católico latino croata, arcebispo de Zagreb e cardeal.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Primeiros anos[editar | editar a fonte]
Franjo Kuharić naceu o 15 de abril de 1919 en Pribić, unha localidade do concello de Krašić, no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (hoxe en Croacia).[1] Foi o décimo terceiro fillo de Ivan e Ana, de apelido de solteira Blažić, un matrimonio de granxeiros de profunda fe cristiá.[2] Estudou no Liceu Clásico de Zagreb, e entre 1931 e 1939 no seminario arquidiocesano. Posteriormente entrou na Facultade de Teoloxía da Universidade de Zagreb, graduándose en 1945.[2]
Foi ordenado sacerdote o 15 de xullo de 1945 polo cardeal Alojzije Stepinac,[2] e exerceu o seu ministerio pastoral na arquidiocese de Zagreb até 1964.[1] Inicialmente, a partir de novembro, estivo na parroquia de Radoboj durante dez meses, e posteriormente pasou a atender as parroquias de Pavučnjak e Rakov Potok.[2] Cando o 12 de setembro de 1946 foi asasinado o párroco de Okić, Kuharić pasou a administrar tamén dita parroquia, e el mesmo escapou dunha tentativa de asasinato o 22 de febreiro de 1947.[2]
Episcopado[editar | editar a fonte]
Foi nomeado bispo auxiliar de Zagreb e bispo titular de Meta o 15 de febreiro de 1964 polo papa Paulo VI, recibindo a consagración episcopal o 3 de maio de 1964 de mans de Franjo Šeper.[1] O 16 de xuño de 1970 foi nomeado arcebispo metropolitano de Zagreb.[1]
No consistorio do 2 de febreiro de 1983 foi creado cardeal polo papa Xoán Paulo II.[1] Permaneceu no cargo até o 5 de xuño de 1997, cando foi sucedido por Josip Bozanić.
Finou o 11 de marzo de 2002 en Zagreb,[1] e está enterrado na catedral metropolitana.
Veneración[editar | editar a fonte]
Dez anos logo do seu pasamento, o 11 de marzo de 2012, o cardeal Josip Bozanić anunciou a apertura da causa de beatificación de Kuharić, pasando a ter o título de Servo de Deus.[3]
Obra[editar | editar a fonte]
- Hodajmo u istini: razmišljanja, poslanice, propovijedi. Zagreb: Nadbiskupsko bogoslovno sjemenište. 1974.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Bräuer, Martin (2014). Handbuch der Kardinäle: 1846-2012 (en alemán). Walter de Gruyter. pp. 489–490. ISBN 9783110269475.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Batelja, Juraj (1995). Zagrebački biskupi i nadbiskupi (en croata). Zagreb: Školska knjiga. p. 512. ISBN 9530605978.
- ↑ Pavičić, Darko (10/03/2012). "Na 10. obljetnicu smrti počinje beatifikacija Franje Kuharića" (en croata). Consultado o 22/03/2017.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Stanković, Vladimir (2003). Kardinal Kuharić u hrvatskom iseljeništvu - Australija i Novi Zeland (en croata). ISBN 9789531519762.
- Stanković, Vladimir (2007). Kardinal Kuharić u hrvatskom iseljeništvu - zapadna Europa (en croata). ISBN 9789531103077.