Franco do principado de Lucca e Piombino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie dos catro valores emitidos do franco do Principado de Lucca e Piombino.[1]

O franco do principado de Lucca e Piombino foi a unidade monetaria deste Estado satélite do Primeiro Imperio Francés no norte de Italia entre 1810 e 1814.

Esta moeda estaba baseada no sistema decimal e subdividíase en 100 céntimos (centesimi). Circulaba polo territorio do principado de Lucca e Piombino paralelamente ao franco francés, co que mantiña paridade, e de feito, as moedas de prata de 5 francos e dun franco de ambos os sistemas presentaban idénticas características métricas.

A serie en circulación estaba composta polas devanditas pezas de prata de 5 francos e dun franco, así como as moedas de 5 e de 3 céntimos de cobre. Aínda que a súa emisión non se iniciou ata 1810, todas estas moedas amosan datas retrospectivas, entre 1805 e 1808.

Cada un destes valores amosa nos seus anversos os bustos unidos dos gobernantes do principado: a princesa Elisa Bonaparte, irmá de Napoleón I, en primeiro plano, e o seu home, o príncipe Félix Baciocchi, en segundo plano, rodeados por lendas alusivas á súa condición de soberanos do principado.

Todas as moedas do franco de Lucca e Piombino foron deseñadas polo medallista italiano Giovanni Antonio Santarelli e cuñáronse no obradoiro monetario de Florencia, nunha cantidade total aproximada de 707.125 pezas. No caso das moedas de cobre, todos os exemplares son idénticos, en tanto que das moedas dun franco se coñecen seis pequenas variantes e das de 5 francos hai 11 variantes coñecidas.

Coa caída do Primeiro Imperio Francés en 1814, o exército austríaco ocupou o principado de Lucca e Piombino. No ducado de Lucca, creado o ano seguinte baixo o mandato de María Luísa de Borbón, o franco de Lucca e Piombino mantivo a súa circulación xunto co franco francés, a antiga lira luquesa, a lira do Reino de Etruria e o florín toscano. Todo este conxunto de moedas foi retirado da circulación en 1827 cando o duque de Lucca Carlos Luís as substituíu pola nova lira luquesa, en cuxo anverso colocou o seu retrato.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

As vitorias do xeneral Bonaparte na primeira Campaña de Italia (1796-1797), repetidas en 1800 na batalla de Marengo, estableceron o dominio francés no norte de Italia ata 1814.

Durante a guerra da Primeira Coalición, o exército francés revolucionario ocupou o norte de Italia respectando a neutralidade da República de Lucca.[2] Entre 1796 e 1799 establecéronse cinco "repúblicas irmás" favorables aos intereses de Francia na península italiana: a República Cisalpina en Milán (xuño de 1797), a República Lígur en Xénova (xuño de 1797), a República Romana en Roma (febreiro de 1798), a República Piemontesa en Turín (decembro de 1798) e a República Partenopea en Nápoles (xaneiro de 1799).[3]

O 2 de xaneiro de 1799, as tropas francesas do xeneral Sérurier entraron en Lucca.[4] O 4 de febreiro, Sérurier decretou a fin do réxime aristocrático e a instalación dun goberno provisional de carácter democrático,[5] que axiña foi substituído por unha constitución inspirada no modelo directorial francés.[6] Coa formación da Segunda Coalición no inicio de 1799, a cidade foi ocupada novamente polos austríacos a partir do 17 de xullo.[7] Un ano máis tarde, a vitoria francesa en Marengo o 14 de xuño de 1800 expulsou definitivamente de Italia os coaligados, o que permitiu a restauración do réxime democrático en Lucca.[6]

En Francia, o establecemento do Consulado por Napoleón Bonaparte en decembro de 1799 estivo acompañado por un abrandamento da ideoloxía revolucionaria cara a unha política de compromiso entre as vellas e as novas ideas, mesmo nos territorios ocupados. O 26 de decembro de 1801, a república de Lucca puido volver a unha constitución aristocrática aliñada cos intereses franceses, que durou ata 1805.[6]

A coroación de Napoleón o 2 de decembro de 1804 anunciou unha política dinástica que incluía a asignación de feudos imperiais aos membros da súa familia. O 17 de marzo de 1805, o emperador conferiulle á súa irmá Elisa e ao seu home, Félix Baciocchi, o principado de Piombino, ocupado por Francia desde o Tratado de Florencia do 28 de marzo de 1801.[8] O 4 de xuño, o Goberno de Lucca enviou unha delegación ao emperador para solicitar unha nova constitución que confiase a soberanía hereditaria do Estado a un membro da súa familia.[9] O 25 de xuño, unha nova constitución reuniu a ata entón república de Lucca co principado de Piombino, creando o principado de Lucca e Piombino, gobernado por Elisa e Félix.[6]

Esta progresiva entrada de Lucca na esfera de influencia francesa foi acompañada pola xeneralización do franco francés como moeda circulante no seu territorio, en paralelo coa antiga lira luquesa.[10]

O franco de Lucca e Piombino[editar | editar a fonte]

Creación[editar | editar a fonte]

A princesa Elisa, irmá de Napoleón I, iniciou en 1807 os esforzos para a creación dunha nova moeda no seu principado de Lucca e Piombino.

O 30 de marzo de 1806, un decreto imperial adscribiu o Principado e Lucca e Piombino ao sistema monetario do Imperio Francés, o que fixo oficial o franco francés no territorio do principado, e o 30 de abril os príncipes decretaron tamén a adopción do sistema métrico decimal francés. O 13 de maio anunciouse que os ingresos e os gastos do Tesouro do principado se contabilizarían desde entón en francos franceses. Con todo, o uso da lira luquesa e da lira do reino de Etruria seguiu autorizado durante un tempo, ata que estas moedas foron retiradas da circulación.[11]

A partir de 1807, a princesa Elisa envioulle ao seu irmán, Napoleón I, os deseños para unha nova moeda do seu principado, que amosaban a lenda NAPOLEONE PROTEGGE L'ITALIA ("Napoleón protexe a Italia"), en referencia ao lema do imperio Dieu protège la France ("Deus protexe a Francia"), que aparecía gravado nos cantos das moedas francesas de 5 francos desde 1803.[12] Este lema tamén foi adaptado como Dio protegge l'Italia ("Deus protexe a Italia") desde 1806 para adornar o canto das moedas de ouro do sistema da lira do reino de Italia.[13] O 11 de novembro de 1807 en Fontainebleau, o emperador rexeitou este paralelismo que lle resultaba excesivamente laudatorio, e a este respecto escribiu: "Este tipo non é o acaído; o que se quere pór en lugar de Dieu protège la France é indecente".[14]

O 28 de febreiro de 1809, o príncipe Félix promulgou un decreto polo que se formalizaba o tipo de troco da lira toscana no principado e tamén se fixaba a paridade do franco francés coa antiga lira luquesa en 1 lira, 6 soldos e 8 diñeiros —ou sexa, 1,33 liras— por cada franco francés.[15]

Logo de se converter en gobernadora da Toscana o 3 de marzo de 1809, Elisa dirixiuse directamente ao director da Casa da Moeda de Florencia, Giovanni Fabbroni, para lle encargar que se cuñasen moedas coa súa efixie.[16][17] Fabbronides escribiulle ao Ministro de Finanzas francés, Gaudin, para se asegurar de que a operación estivese autorizada polo poder central do Imperio en París. O 21 de setembro, Fabbroni recibiu a resposta de Gaudin, quen, logo de consultar co emperador, considerou que era unha vía axeitada para sufragar os gastos do obradoiro monetario de Florencia, e deulle plena autoridade á Gran Duquesa da Toscana sobre ese asunto.[17]

O deseño e o posterior gravado dos cuños de todas as moedas do principado de Lucca e Piombino foi obra de Giovanni Antonio Santarelli, un eminente medallista italiano, membro da Academia de Florencia.[18]

O 10 de maio de 1810 presentáronselle á princesa as probas para a moeda de 5 francos, e esta, satisfeita, pediu un maior parecido na representación do príncipe. Ademais quixo que se acelerase o proceso para o inicio da produción das moedas.[19] Esta era a primeira vez na historia de Lucca que se reproducía a efixie dun gobernante no anverso dunha moeda.[20]

Cuñaxe[editar | editar a fonte]

O medallista italiano Giovanni Antonio Santarelli, afincado en Florencia, deseñou e gravou os cuños para as moedas do principado de Lucca e Piombino.

A produción da moeda de 5 francos comezou en 1810. O 29 de maio depositáronse 22.001 exemplares na caixa da intendencia. Elisa desexaba que a produción continuase coa data retrospectiva de 1807 ata acadar os 100.000 francos.[19] O 24 de novembro enviouse ata Lucca un novo lote de 6.000 moedas de 5 francos, que amosaban as datas de 1806 e 1807.[20]

Non foi ata o 20 de outubro cando se publicou o decreto que autorizaba a fabricación das moedas de 5 francos coas efixies da parella de príncipes.[21]

O 4 de maio de 1811, mediante unha orde soberana decidiuse refundir diversas moedas de prata existentes por un total de 200.000 francos, para continuar coa emisión das novas moedas de 5 francos do principado e proseguir despois coa cuñaxe das dun franco a partir de 1812.[20] A produción destas moedas dun franco tivo un ritmo sostido: o 7 de abril de 1812, o principado recibira xa 20.000 moedas dun franco coas datas de 1806 e de 1807.[22]

A cuñaxe das moedas divisionarias de cobre foi solicitada pola municipalidade de Lucca, xa que escaseaban desde había xa anos e resultarían útiles para as pequenas transaccións comerciais.[22] O 23 de novembro de 1811, Elisa aprobou os deseños das moedas de 2, de 3 e de 5 céntimos, os valores propostos pola Casa da Moeda para a serie de cobre. Estes deseños baseábanse nos utilizados para as moedas de prata, aínda que cos retratos do anverso ollando cara á esquerda e sen a coroa de loureiro dos reversos.[21] A elección de 1806 como o único ano que amosarían estas moedas é unha referencia ao ano do decreto imperial relativo ás moedas de Lucca.[22]

A finais de decembro de 1811, a princesa deu a súa aprobación final ás probas modificadas e tamén autorizou a emisión dunha nova moeda dun céntimo. Porén, a idea da emisión das moedas dun céntimo e de dous céntimos abandonouse posteriormente, e os rexistros da Casa da Moeda de Florencia só rexistra a produción de moedas de cobre con valores faciais de 3 e de 5 céntimos.[21]

Entre 1812 e 1813, a moeda de 3 céntimos produciuse en grandes cantidades (225.000 exemplares) por mor do seu bo acollemento polos comerciantes, que a asimilaron axiña ao valor do antigo soldo de Lucca, divisionario da lira luquesa.[22] No entanto, este valor non era aceptado polos soberanos, que avogaban por introducir un sistema decimal similar ao vixente en Francia. Con este propósito, o 7 de decembro de 1812 anunciouse a creación da moeda de 5 céntimos, cuxa produción non comezou ata 1813, aínda que limitada a 71.500 exemplares, debido á súa falla de compatibilidade co anterior sistema duodecimal, o que xerou unha escasa aceptación por parte da poboación. Para manter a súa popularidade nun momento en que o Imperio se enfrontaba a importantes reveses militares en Europa, os gobernantes de Lucca cancelaron finalmente a produción da moeda de 5 céntimos en 1814 e planearon, no seu lugar, ampliar a produción da peza de 3 céntimos.[23]

As moedas[editar | editar a fonte]

As moedas en circulación divídense nos catro valores devanditos: 5 francos e un franco en prata, e 5 e tres céntimos en cobre, todos eles cuñados na Casa da Moeda de Florencia nunha cantidade total de 707.125 pezas —véxanse as tiraxes por cada valor na táboa seguinte—.[21]

Cada un destes valores amosa nos seus anversos os bustos unidos dos gobernantes do principado: a princesa Elisa Bonaparte, irmá de Napoleón I, en primeiro plano, e o seu home, o príncipe Félix Baciocchi, en segundo plano, rodeados pola lenda FELICE ED ELISA PP•DI LUCCA E PIOMBINO ("Félix e Élisa príncipes de Lucca e Piombino").[1][24]

Pola súa banda, nos seus reversos as moedas de prata levan a indicación do valor facial en dúas liñas, entre dúas pólas de loureiro, e co ano no exergo. As moedas de cobre indican o valor facial e a data en tres liñas na parte central, cunha estrela no exergo. En todos os casos, a lenda do reverso é PRINCIPATO DI LUCCA E PIOMBINO ("Principado de Lucca e Piombino").[1]

As moedas de prata comparten as súas características métricas coas súas equivalentes de Francia, coas que compartían a circulación no principado.[24]

Valor Imaxe Datas Parámetros técnicos Anverso Reverso Tiraxe
[21]
Exposta Cuñaxe Peso Módulo Grosor Aliaxe
5 francos
[25]
1805
1806
1807
1808
1810
a
1814
25,00 g 37,00 mm 2,40 mm Ag 90%
Cu 10%
FELICE ED ELISA PP.DI LUCCA E PIOMBINO.
Bustos de Félix e Elisa cara á dereita.
PRINCIPATO DI LUCCA E PIOMBINO.
Valor facial dentro de coroa vexetal. Data.
350.000
1 franco
[26]
1812 5,00 g 23,0 mm 12,42 mm 60.625
5 céntimos
[27]
1806 1813
1814
10,00 g 28,00 mm 1,95 mm Cu FELICE ED ELISA PP.DI LUCCA E PIOMBINO.
Bustos de Félix e Elisa cara á esquerda.
PRINCIPATO DI LUCCA E PIOMBINO.
Valor facial. Data.
71.500
3 céntimos
[28]
1812
1813
62,00 g 23,00 mm - 225.000

Tipos e variantes[editar | editar a fonte]

No caso das moedas de cobre de 5 céntimos e de 3 céntimos non se dá ningún tipo de variante e son idénticas independentemente da data que amosen e do ano de cuñaxe real.[29]

Variantes nos bustos do anverso
da moeda de 5 francos
O tipo coñecido como "bustos pequenos" corresponde ás moedas de 5 francos datadas en 1805 e a algunhas datadas en 1808.
O tipo coñecido como "bustos medianos" corresponde ás moedas de 5 francos datadas en 1806 e 1807, e a algunhas datadas en 1808.

A moeda de 5 francos é a que presenta máis variantes —tres no caso da de 1805 e seis na de 1808—. No anverso, as principais diferenzas refírense á coroa, ao cabelo de Elisa e á posición do busto de Félix en relación coa palabra PIOMBINO da lenda. No reverso, as variantes concéntranse en torno ás pólas de loureiro e a fita que as une, así como na puntuación —presente ou non— despois da palabra PIOMBINO e despois da data.[30]

A moeda de 5 francos coa data de 1805 clasifícase adoito en dous tipos, denominados "bustos pequenos" e "bustos medianos" nos catálogos numismáticos. No entanto, non existe tal diferenza no tamaño dos bustos, senón que se trata dunha especie de ilusión óptica provocada polas variacións da situación da lenda con respecto á grafila, pola súa parte exterior, e aos bustos, pola interior.[31] O tipo de bustos medianos é o característico das moedas datadas en 1806 e 1807, en tanto que coa data de 1808 existen tres variantes, incluíndo un terceiro tipo, chamado ás veces "bustos grandes".[32]

Pola súa banda, a moeda dun franco con data de 1805 amosa dúas raras variantes, á marxe da ordinaria, das que só se coñece un exemplar de cada unha. O primeiro destes tipos caracterízase polo aspecto rudimentario da súa cuñaxe e aparece ilustrado nos catálogos de referencia de Antonio Pagani e Lorenzo Bellista. O segundo tipo, cuxo único espécime coñecido foi vendido pola compañía Numismatica Ars Classica en 2007, correspóndese coa estética máis refinada introducida para a moeda de 5 francos, en particular no que atinxe ao peiteado e ao diadema da princesa, así como ao tipo de letra utilizado na inscrición.[30][33]

As moedas dun franco que amosan as datas de 1806 e 1807 comparten todas elas as características deste segundo tipo, e as datadas en 1808, aínda compartíndoas tamén, difiren en que a indicación da data é claramente máis pequena que no caso das outras datas. Con respecto aos anversos, existen tamén pequenas diferenzas sinaladamente na forma dos bustos e na distancia entre o cabelo do soberano e as letras da lenda.[29]

Probas[editar | editar a fonte]

O 17 de decembro de 2019, a casa de poxas Pandolfini puxo á venda unha proba de cobre para a moeda de 5 francos —tipos "bustos pequenos"— , cun valor estimado entre 8.000 e 12.000 euros. Esta proba aparecera xa á venda en 1922, procedente da colección de Philippe de Ferrari.[34] Na mesma poxa figuraba tamén unha proba inédita en prata do mesmo tipo, caracterizada por presentar un X entre os bustos e a lenda, no anverso. No catálogo da poxa indícase que esta marca estaba destinada a un control interno preliminar dentro da ceca.[35]

O 15 de maio de 2020, a casa de poxas Inasta presentou unha proba en aluminio como proxecto para o valor finalmente non emitido dun céntimo, que se axusta á tipoloxía das moedas de 3 e de 5 céntimos en circulación. Esta proba vendeuse ao seu prezo de saída de 1.000 euros.[36] Probablemente se tratase da proba presentada á princesa Elisa a finais de 1811, antes de que a súa emisión fose abandonada.[21]

Valor Imaxe Datas Parámetros técnicos Anverso Reverso
Peso Módulo Grosor Aliaxe
1 céntimo
[36]
1806 04,06 g 19,00 mm - Al FELICE ED ELISA PP.DI LUCCA E PIOMBINO.
Bustos de Félix e Elisa cara á esquerda.
PRINCIPATO DI LUCCA E PIOMBINO.
Valor facial. Data.

Retirada da circulación[editar | editar a fonte]

Logo da caída do Primeiro Imperio, o exército austríaco ocupou a vila de Lucca do 15 de marzo de 1814 ao 9 de xuño de 1815, día da creación do Ducado de Lucca polo Congreso de Viena.[37] Este novo Estado confióuselle a Carlos Luís de Parma, anterior rei de Etruria entre 1803 e 1807, e neto de Fernando I, duque de Parma, desposuído en 1801 polo Tratado de Aranjuez. Como o duque de Lucca tiña daquela 15 anos, a rexencia foi asumida pola súa nai, María Luísa, do mesmo xeito que en 1803 en Etruria.[38] O exclave de Piombino foi absorbido polo Gran Ducado de Toscana, que se acababa de crear.

A nova lira de Lucca coa efixie do duque Carlos Luís substituíu formalmente o franco do Principado de Lucca e Piombino en 1827.[39]

As moedas de prata do sistema do franco de Lucca e Piombino foron transportadas en grandes cantidades a Francia, dado que tiñan as mesmas características métricas que as do franco francés. No ducado de Lucca, as moedas coa efixie de Elisa e Félix confundíanse doadamente coas do franco francés e coexistían na circulación xunto con outras como a antiga lira luquesa, o florín toscano e a lira do reino de Etruria. No medio deste caos monetario, o ducado de Lucca enfrontouse á escaseza de moeda de prata e de cobre, que resultaba insuficiente para satisfacer as demandas da poboación.[40]

María Luísa de Borbón planeou reformar a moeda xa en 1819, en particular co obxectivo de eliminar as pegadas do goberno de Elisa Bonaparte.[40] O seu fillo, Carlos Luís, que a sucedeu á súa morte o 13 de marzo de 1824, decidiu crear unha nova lira luquesa coa súa propia efixie e producila directamente en Lucca por vez primeira desde 1790.[41] O 27 de agosto de 1826 decidiu a emisión de moeda fraccionaria en cobre, que dividía a lira en 20 soldos e 12 diñeiros, consonte o sistema duodecimal tradicional, coa finalidade de satisfacer a urxente necesidade de moeda miúda.[42]

Logo do éxito desta primeira serie, que entrou en circulación o 6 de xullo de 1827, o duque comezou a emitir moedas de valores faciais superiores, xa conforme o sistema decimal que se estaba a xeneralizar na Europa occidental.[43] O 24 de maio de 1834, o Ministerio de Finanzas de Lucca ordenou a produción dunha moeda dunha lira de prata, seguida o 5 de agosto de 1837 por outra de dúas liras de tipoloxía similar.[44] A taxa de troco situouse en 1,33 liras por cada franco, utilizando a mesma paridade que a decretada por Félix en 1809 coa antiga lira luquesa.[45]

Presenza no mercado numismático[editar | editar a fonte]

O 26 de novembro de 2007, a casa de poxas milanesa Numismatica Ars Classica vendeu o único exemplar coñecido da moeda dun franco de 1805 antes comentado, coa estética coidada propia de emisións posteriores. Cun prezo de saída de 25.000 euros, este espécime foi adxudicado finalmente en 36.000 euros.[33][46] Trátase do valor máis alto acadado nunha poxa dunha moeda do principado de Lucca e Piombino.

O 14 de abril de 2013, a casa de poxas sanmarinesa Nomisma sacou á venda a outra variante única do franco de 1805 que aparecía referenciada nos catálogos de Pagani e Bellesia. O catálogo da poxa describíaa como "unha moeda de gran rareza que constitúe unha das pezas clave de todo o século XIX italiano. Malia todo, a moeda, cun prezo de saída de 30.000 euros, non atopou comprador.[47] O 16 de novembro de 2019, ese mesmo exemplar foi vendido pola casa de poxas monegasca Gadoury por 21.000 euros, logo dun prezo de saída de 20.000 euros. O espécime atribúeselle á colección Murray Heiserman.[48]

O exemplar de mellor calidade coñecido da moeda de 5 centavos, cun estado de conservación certificado como MS-64 pola compañía certificadora Numismatic Guaranty Corporation, foi vendido o 12 de setembro de 2011 por Heritage Auctions por 1.055 dólares mais taxas.[49] O 14 de abril de 2015, o mesmo exemplar foi vendido pola mesma casa de poxas, e esta vez acadou unicamente a cantidade de 588 dólares.[50]

O 29 de outubro de 2019, a casa Nomisma vendeu por 1.500 euros o segundo mellor exemplar coñecido da moeda de 3 céntimos, certificada como MS-64 polo Professional Coin Grading Service.[51][52]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Italy › Italian states › Lucca, Republic of • Franc (1805-1808)". Numista.com
  2. Correspondance générale de Napoléon Bonaparte, Tome premier: Les apprentissages. Fayard, 2004. Páxina 476. Carta 733 ao Senado de Luccca, o 29 de xuño de 1796.
  3. Harouel, J. L. (1997).
  4. Tori, G. (2000). Páxina 7.
  5. Tori, G. (2000). Páxina 1.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Dufau, P. A. (1823). Páxina 383.
  7. Tori, G. (2000). Páxina 6.
  8. Lentz, T. (2018). Páxina 68.
  9. Dufau, P. A. (1823). Páxina 384.
  10. Massei, C. (1878). Páxina 466.
  11. Massagli, D. (1870). Páxina 120.
  12. Gadoury (2015). Páxina 200.
  13. Gadoury (2015). Páxinas 548, 550.
  14. Rodocanachi, E.; Marcotti G. (1899-a-). Páxina 290.
  15. "Il Franco Lucchese". Archivio Storico (Bargarchivio.altervista.org)
  16. Rodocanachi, E.; Marcotti, G. (1899-b-)". Páxinas 297-298.
  17. 17,0 17,1 Pucci, A. (2014). Páxina 11.
  18. Pucci, A. (2013). Páxina 11.
  19. 19,0 19,1 Pucci, A. (2014). Páxina 12.
  20. 20,0 20,1 20,2 Massagli, D. (1870). Páxina 121.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Pucci, A. (2014). Páxina 13.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Massagli, D. (1870). Páxina 122.
  23. Massagli, D. (1870). Páxina 123.
  24. 24,0 24,1 Pagani, A. (1965).
  25. "5 Franchi - Felix and Elisa". Numista.es
  26. "1 Franco - Felice". Numista.es
  27. "5 Centesimi - Felice". Numista.es
  28. "3 Centesimi - Felice". Numista.es
  29. 29,0 29,1 Giannoni, L. (2010). Páxina 21.
  30. 30,0 30,1 Giannoni, L. (2010). Páxina 23.
  31. Giannoni, L. (2010). Páxina 24.
  32. Giannoni, L. (2010). Páxina 22.
  33. 33,0 33,1 "Asta 44. Nº 646". Numismatica Ars Classica. 26 de novembro de 2007. Milán. Páxina 75.
  34. "Asta 0323. Lotto 585: Principato di Lucca e Piombino [...] Prova in rame [...]". Pandolfini. 16-17 de decembro de 2019.
  35. "Asta 0323. Lotto 586: Principato di Lucca e Piombino [...] Prova in rame [...]". Pandolfini. 16-17 de decembro de 2019.
  36. 36,0 36,1 "Auction 87. Lot 350". Inasta.com. Maio de 2020.
  37. De Feo, F. (1966). Páxina 167.
  38. De Feo, F. (1966). Páxina 160.
  39. "1 Lira - Carlo Ludovico I". Numista.com
  40. 40,0 40,1 Massagli, D. (1870). Páxina 124.
  41. Benzaken, J. C. (1992). Páxina 387.
  42. Massagli, D. (1870). Páxina 125.
  43. Massagli, D. (1870). Páxinas 126-127.
  44. Massagli, D. (1870). Páxinas 130-133.
  45. Massagli, D. (1870). Páxina 133.
  46. NAC Numismatica SpA, Asta 43 & 44 - 26 Novembre, Prezzi realizzati. Numismatica Ars Classica
  47. "Auction 47: Lot 920". Nomisma S. P. A. 13-14 de abril de 2013.
  48. "La preziosa collezione di Casa Savoia in asta da Gadoury". En Panorama Numismatico. 31 de outubro de 2019.
  49. "Auction 3015: Lot 25185". Heritage Auctions. 9 de setembro de 2011.
  50. "Auction 3040. Lot 30144". Heritage Auctions. 10 de abril de 2015.
  51. "Auction 61. Lot 874". Nomisma S. P. A. Outubro de 2019.
  52. "Prezzi di aggiudicazione. Aste 60 e 61. Nº 874". Nomisma S. P. A. Outubro de 2019.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]