Saltar ao contido

Francisco Presedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFrancisco Presedo
Nome orixinalFrancisco José Presedo Velo
Biografía
Nacemento23 de outubro de 1923.
Galicia Abegondo, A Coruña.
Morte13 de xuño de 2000 (76 anos)
Sevilla.
Decano
Profesor catedrático
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña España.
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela.
Universidade de Madrid.
Tese académicaLa España Bizantina.
Director de teseSantiago Montero Díaz.
Actividade
Campo de traballoHistoriografía, arqueoloxía, exiptoloxía.
Ocupaciónarqueólogo, profesor universitario, historiador, escritor Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade Complutense de Madrid.
Universidade de Sevilla.
Membro de
Sociedade Internacional de Exiptoloxía.
Real Academia da Historia.
Real Academia de Bellas Artes de Santa Isabel de Hungría.
Instituto Arqueolóxico Alemán.
Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora de las Angustias.
ProfesoresSantiago Montero Díaz Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeMaría Eugenia Gálvez Vázquez (1965). Editar o valor en Wikidata
FillosMaría Eugenia Presedo Gávez.
José Antonio Presedo Gálvez. Editar o valor en Wikidata
Premios

Enciclopedia Galega Universal: 171573 BNE: XX1061443 BUSC: 981013403646407712 Dialnet: 563285

Francisco José Presedo Velo, nado en Abegondo o 23 de outubro de 1923 e finado en Sevilla o 13 de xuño de 2000, foi un historiador e arqueólogo galego, experto en exiptoloxía e coñecido por ser o descubridor da Dama de Baza.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Francisco José Presedo Velo naceu o 23 de outubro de 1923 en Santo Estevo de Cos, unha parroquia do concello de Abegondo na que pasou a súa infancia nun ambiente rural e én cuxa escola recibiu a primeira educación.[2][3]

En 1936 iniciou o seu ensino secundario no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, coincidindo co inicio da Guerra Civil, e posteriormente marchou a Santiago, en cuxa universidade cursou estudos de Filosofía e Letras entre 1943 e 1948,[4] onde acadou o premio extraordinario de licenciatura.[2][3]

Logo marchou a Madrid para completar a súa formación. na Universidade Central de Madrid, onde se especializou en Estudos Orientais e en Historia Antiga, con profesores como Carlos Alonso del Real ou Santiago Montero Díaz. En 1954 acadou o seu doutoramento nesta universidade, cunha tese titulada La España Bizantina —publicada postumamente pola Universidade de Sevilla—, baixo a dirección de Montero Díaz.[2][3]

Carreira académica

[editar | editar a fonte]

Durante a súa estadía en Madrid, entre 1950 e 1952 foi bolseiro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), exerceu a docencia na Academia Naval Central (1949-1968) e ao mesmo tempo foi profesor axudante na Facultade de Filosofía e Letras (1948-1964). En 1966 acadou o posto de profesor asociado de Historia Antiga na Universidade Complutense. Neste período seguiu, ademais, ampliando a súa formación con estadías nos centros de investigación máis prestixiosos de toda Europa.[2][3]

En 1969 Presedo trasladouse a Sevilla para ocupar o posto de catedrático de Historia Antiga na Universidade de Sevilla, que deixara vacante Juan de Mata Carriazo y Arroquia logo da súa xubilación. Como catedrático, dirixiu o departamento de Historia Antiga desta universidade a partir da súa creación en 1974. Igualmente, ocupou o cargo de decano da Facultade de Xeografía e Historia desde 1983 ata a súa xubilación en 1988, e posteriormente foi profesor emérito ata o seu falecemento.[2][3]

En Sevilla, a través do seu labor docente, da súa biblioteca especializada e dos Cursos de Exipto Xeroglífico, creou unha escola de exiptoloxía de gran prestixio. Ademais, foi tamén un dos fundadores da revista Habis en 1970, da que foi tamén coeditor.[2][3]

[editar | editar a fonte]

Fóra das aulas, foi moi salientable o labor de Presedo no ámbito arqueolóxico, non só como xestor, senón tamén polo seu traballo de campo. Na súa etapa madrileña foi colaborador técnico da Comisión Xeral de Escavacións (1951-1960), secretario xeral de Escavacións (1965-1967) e subcomisario xeral dese departamento (1968-1970).[2][3][4]

Como especialista no Imperio Bizantino, formou parte da misión española organizada en 1961 para axudar no rescate de monumentos exipcios ameazados pola construción do encoro de Asuán.[5] Alí escavou na fortaleza de Cheikh Daoud —na Nubia exipcia— e logo dirixiu as escavacións arqueolóxicas na necrópole de Mirmad —na Nubia sudanesa— e as das illas de Kasar-Ico (1962) e Abkanarti (1963), na segunda fervenza do Nilo. En 1969 asumiu tamén a dirección das escavacións do sitio arqueolóxico de Heracleópolis.[2][3][4]

A Dama de Baza, achada en 1971 por Francisco Presedo.

A vinculación de Presedo con Andalucía remóntase a anos antes da asunción da súa cátedra na Universidade de Sevilla, xa que nos períodos 1953-1956 e 1968-1971 foi o director das escavacións no sitio arqueolóxico de Baza. Alí produciuse un dos fitos da súa carreira como arqueólogo o 22 de xullo de 1971, cando a campaña estaba a piques de pechar, ao achar na tumba 155 da necrópole do Cerro del Santuario a coñecida como a Dama de Baza, unha figura senlleira da arqueoloxía ibérica, cuxo estudo achegou moitos datos acerca da funcionalidade e o ambiente histórico deste tipo de escultura.[2][3][4][6][7]

En Andalucía, Francisco Presedo dirixiu igualmente outros traballos arqueolóxicos, como o do sitio turdetano e romano do Cerro de la Cabezas de Olivares, en Sevilla, ou o de Carteia,[4] onde liderou as campañas realizadas entre 1971 e 1987.[2][3]

Os méritos acadados por Presedo ao longo da súa traxectoria académica e como arqueólogo fixérono merecedor da pertenza a algunhas das academias e sociedades eruditas máis sinaladas do seu tempo. Entre outras, foi membro fundador da Sociedade Internacional de Exiptoloxía, académico da Real Academia de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría, de Sevilla (1976),[8] e académico correspondente da Real Academia da Historia, do Instituto Arqueolóxico Alemán, da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e da Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora de las Angustias, de Granada.[2][3]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Francisco Presedo cosou en 1965 coa arabista andaluza María Eugenia Gálvez Vázquez, con quen residiu en Sevilla ata os seus derradeiros días. Tiveron unha filla, chamada María Eugenia, e un fillo, chamado José Antonio.[2][3]

Presedo Velo finou en Sevilla o 13 de xuño de 2000, aos 76 anos.[2][3][4][9]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Escolma de monografías

[editar | editar a fonte]
  1. ↑ "Presedo Velo, Francisco José". Enciclopedia Galega Universal (EGU.xunta.gal).
  2. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 Caballos Rufino, A. "Francisco Presedo Velo". Historia Hispánica. Real Academia de la Historia (Historia-hispanica.rah.es).
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 Caballos Rufino, A. F. (2011)". Páxina 215.
  4. 1 2 3 4 5 6 Blázquez, J. M. (2000).
  5. ↑ Antón, B. (2009). "El legado de Presedo Velo da sus frutos en el Valle de los Reyes". En La Voz de Galicia. 15 de novembro.
  6. ↑ Cobos Ruiz de Adana, J. (2021). "Francisco Presedo y la dama de Baza". En Diario de Córdoba, 18 de xullo.
  7. ↑ Chic García, G. (2000).
  8. ↑ Sillones de los académicos que han ocupado plaza de número desde 1850. Real Academia de Bellas Artes Santa Isabel de Hungría, Sevilla (realacademiabellasartessevilla.com).
  9. ↑ "Muere el doctor Presedo Velo, descubridor de la 'Dama de Baza'". En El País. 14 de xuño de 2000.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]