Francisco Porrúa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Francisco Porrúa
Nome completoFrancisco Porrúa Fernández
AlcumeLuis Domènech, Ricardo Gosseyn, F. A. e Francisco Abelenda
Nacemento7 de novembro de 1922
 Corcubión
Falecemento18 de decembro de 2014
 Barcelona
Causapneumonía
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Buenos Aires
Ocupacióneditor literario e tradutor
editar datos en Wikidata ]

Francisco Porrúa, nado en Corcubión no 1922 e finado en Buenos Aires o 18 de decembro de 2014[1], foi un editor e tradutor galego emigrado na Arxentina. Foi o tradutor ao español da triloxía de J. R. R. Tolkien O Señor dos Aneis, así como editor de Cien años de soledad ou Rayuela entre outras destacadas. Porrúa foi o fundador de Ediciones Minotauro a maior editorial adicada á ciencia ficción en lingua castelá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Francisco Porrúa chegou con dous anos coa súa familia á Patagonia, á cidade costeira de Comodoro Rivadavia, asentamento petroleiro co nome na honra de Martín Rivadavia, de ascendencia galega. Pero nove anos despois a súa nai enferma e volve con ela a Galicia, á cidade de Ferrol, onde traballaba o seu avó Francisco Fernández Abelenda como notario. Alí reside tres anos pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos. Emigrou de novo, pasando primeiro por Comodoro Rivadavia, ata que rematados os estudos secundarios se trasladou a Buenos Aires para comezar estudos en Filosofía e Letras. En Buenos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.[2][3]

Obra[editar | editar a fonte]

Inmerso na lectura de ciencia ficción, Porruá declara que inspirado por un artigo publicado en “Les temps modernes” escrito por Boris Vian e Stéphane Spriel “Un nouveau genre littéraire: la science-fiction”, en 1954 fundou Ediciones Minotauro, referente do xénero en idioma castelán.[4] Segundo a Universidad de Guadalajara un ano despois da creación do proxecto publícase o seu primeiro título: Crónicas marcianas, de Ray Bradbury, con prólogo de Jorge Luis Borges.En 1957, Francisco Porrúa foi nomeado asesor da Editorial Sudamericana, fundada por arxentinos e españois radicados en Buenos Aires. En 1962, convértese en director literario da compañía, até 1972. Actualmente a editorial é un selo do grupo Penguin Random House. Durante o período que estivo á fronte publicáronse as primeiras edicións de Las armas secretas (1959) e Los premios (1960) de Julio Cortázar. No seu traballo como editor publica textos antigos do poeta arxentino Leopoldo Marechal (1900-1970) e do novelista Adán Buenosayres (1900-1970), así como de Sergio Pitol, Álvaro Mutis, Alejandra Pizarnik, Antonio Cisneros, Alberto Girri, Hector Bianciotti, Juan José Saer, Severo Sarduy, Clarice Lispector, Antonio Skármeta e Manuel Puig.

Na área académica editou volumes de filosofía como obras de profesores latinoamericanos e da escola de Frankfurt.

En 1963 editou Rayuela de Julio Cortázar. No ano 1965 Porrúa contactou con Gabriel García Márquez para publicar as súas primeiras catro obras, pero o autor informouno de que os dereitos pertencían a editoriais mexicanas: a editora Era e á Universidad Veracruzana. Tras a proposta de Porrúa, García Márquez ofertoulle por carta a publicación da súa quinta obra, Cien años de soledad. Porrúa aceptou inmediatamente e en 1967 apareceu no catálogo de Sudamericana.

Traballou como tradutor, en ocasións con pseudónimos como Francisco Abelenda, Ricardo Gosseyn, José Valdivieso ou Manuel Figueroa.

Entre 1957 e 1964 redactou numerosos artigos para revistas e xornais arxentinos sobre ciencia, música e literatura. En 1973 deixa a Editorial Sudamericana e catro anos despois instalouse en España como director literario de Edhasa e cabeza de Minotauro.

É neste período cando presenta en castelán O Señor dos Aneis (1977), de J. R. R. Tolkien, e obras de J. G. Ballard, Philip K. Dick, Angela Carter, Doris Lessing, Gore Vidal, William Burroughs, Kurt Vonnegut, William Gibson, Anthony Burgess, William Golding ou Arno Schmidt entre outros.

Baixo o selo de Edhasa introduce en España a novela histórica con pezas de John Steinbeck, Robert Graves e Marguerite Yourcenar, e edita os Aforismos de G. Lichtenberg. En 1992 fundou a editorial Interzona, que en 2004 anuncia a publicación dunha antoloxía temática de Julio Cortázar.[5] En 2001 vendeu Minotauro á editorial Planeta e catro anos máis tarde funda a editorial Porrúa, de escasa actividade.[6]

Finou en Barcelona o 18 de decembro de 2014 de pneumonía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Francisco Porrúa, leyenda editorial, a dos años de su muerte". La Unión (en castelán). 18 de decembro de 2016. 
  2. "Falece Francisco Porrúa, o galego que publicou «Cien años de soledad»". Galicia Aberta. 20 de decembro de 2014. 
  3. Villar, M. (23 de xaneiro de 2015). "Unha semblanza biográfica do editor corcubionés Francisco Porrúa (1922-2014), da man de Francisco Fernández Naval". Crebas. 
  4. Castagnet, M. F. (2014): "Francisco Porrúa, editor de Minotauro: Fundación,consolidación y venta de un punto de vista", en III Congreso Internacional de Literatura y Cultura Españolas Contemporáneas. La Plata. (en castelán)
  5. "Francisco Porrúa Pérez", na Enciclopedia de la literatura en México (en castelán)
  6. Libros de Editorial Porrúa,na páxina web de Marcial Pons (en castelán)