Francisco Marroquín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco Marroquín
Nome completoFrancisco de Marroquín Hurtado
Nacemento1499
Lugar de nacementoGuriezo
Falecemento18 de abril de 1563
Lugar de falecementoAntiga Guatemala
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
OcupaciónSacerdote católico de rito romano e bispo católico
CónxuxeFrancisca Palacios
editar datos en Wikidata ]

Francisco de Marroquín Hurtado, nado en Cantabria ca. 1499 e finado en Guatemala o 9 de abril de 1563, foi un relixioso español, o primeiro bispo de Guatemala.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Non se sabe con certeza se naceu no Val de Toranzo ou no de Guriezo[1]. Licencouse na universidade, mais tampouco se coñece cal[2], ordenouse sacerdote adscrito á diocese de Osuna, onde era bispo García de Loaysa, quen xunto con Juan de Zumárraga foron responsables da súa entrada no Consello Real das Indias e alí coñeceu a Pedro de Alvarado con quen viaxaría á Cidade de México en 1529.

Un ano despois de servir a Zumárraga na Nova España viaxou a Guatemala por primeira volta. Ao chegar a esa xurisdición o adiantado destituíu ao cura Juan Godínez e nomeou no seu lugar a Marroquín. O bispo de México confirmou o nomeamento pero mantivo tamén a Godínez[3] e designouno como provisor e vigairo xeral da zona. Marroquín fundou unha escola de primeiras letras para os fillos dos españois. En 1533 o rei de España postulouno para o bispado de Guatemala, cargo que rexeitaran o dominicano Domingo de Betanzos e o franciscano Francisco Jiménez. Emitíronse as bulas correspondentes o 18 de decembro de 1534.

Marroquín non tiña frades en Guatemala e pediulles apoio aos dominicanos que se atopaban en Nicaragua. Frei Luis de Cáncer, Pedro de Angulo e Bartolomé de las Casas acudiron na súa axuda. Las Casas e Marroquín estableceron grande amizade, o primeiro viu a oportunidade de pór en práctica o seu desexo de evanxelizar a provincia de Tezulutlán e a Selva Lacandona polo método da redución de indios sen a intervención das armas dos conquistadores españois.

O proxecto de pacificación que anhelaba Las Casas púxose en marcha mediante a sinatura das Capitulacións de Tezulutlán. Marroquín confiou a Las Casas a diocese e viaxou á Cidade de México para consagrarse como bispo. Frei Juan de Zumárraga oficiou a cerimonia o 8 de abril de 1537, a primeira deste tipo en celebrarse en Nova España[4]. De inmediato o novo bispo solicitou a asignación dun maior número de relixiosos para a súa diocese.

Disputa con Las Casas[editar | editar a fonte]

En 1545 Marroquín entrevistouse con Las Casas en Gracias a Dios, lugar onde radicaba a Audiencia. Las Casas como bispo de Chiapas solicitoulle o cumprimento das Leis Novas así como a liberdade dos indios, para o que desexaba eliminar de forma radical o método da encomenda. Como resultado, a grande amizade de Marroquín e Las Casas deteriorouse, pois a pesar dos dous bispos perseguiren o mesmo, a liberdade dos indios, existía discrepancia nos métodos. Ámbolos dous cruzáronse acusacións, sen chegar a acordo ningún. O visitador Tello de Sandoval convocou unha xunta de prelados para dirimir os desacordos, e tras longas e duras discusións logrouse un acordo que se publicou. Non obstante, as accións para favoreceren os indios non se puxeron en práctica pola negativa dos encomendeiros.

Actividades na diocese[editar | editar a fonte]

Marroquín foi responsable da construción da primeira catedral na súa diocese. Fundou un hospital e axudou ás misións dos dominicanos e franciscanos, tamén apoiou os mercedarios, encomendándolles o pobo mam. A pesar de apoiar por igual a dominicanos e franciscanos, en 1555 agromaron as disensións entre as dúas ordes e tivo que notificar os feitos ao rei de España, e decidiu delegar a administración de varios lugares a cregos diocesanos no canto de relixiosos. En 1561 Marroquín realizou unha solicitude para establecer a orde dos xesuítas na súa diocese, pero o rei denegouno o 9 de agosto.

Aprendeu a lingua kʼicheʼ e escribiu nesa lingua Doctrina Cristiana en Lengua Guatemalteca, que se imprimiu na Cidade de México debido a que aínda non había imprentas en Guatemala. Marroquín escribiu tamén algunhas relacións históricas, que non se publicaron, citadas por Bernal Díaz del Castillo na súa Historia verdadera de la conquista de Nueva España.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carmelo Sáenz de Santa María (1964) El licenciado don Francisco Marroquín: primer obispo de Guatemala (1499-1563) Ediciones de Cultura Hispánica, p. 11
  2. Carmelo Sáenz de Santa María (1964) El licenciado don Francisco Marroquín: primer obispo de Guatemala (1499-1563) Ediciones de Cultura Hispánica, p. 13
  3. María Concepción Amerlinck (1981) Las catedrales de Santiago de los Caballeros de Guatemala Universidad Nacional Autónoma de México, Instituto de Investigaciones Estéticas, p. 20
  4. Raúl Arreola Cortés (1982) Historia del Colegio de San Nicolás Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo, p. 69

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Icazbalceta (1998). Biografías. Francisco Marroquín (en castelán). México: Porrúa. ISBN 970-07-1217-6. 
  • Hernández de León, Federico (1930). El libro de las efemérides (en castelán) III. Guatemala: Sánchez y de Guise. 
  • Pavón Romero, Armando (2003). Universitarios en la Nueva España (en castelán). México: CESU-UNAM. 
  • Rodríguez Cabal, Juan (1976). Universidad de Guatemala: su origen, fundación, organización (en castelán). Guatemala: Universitaria. 
  • Tate Lanning, J. (1977). "La Universidad en el Reino de Guatemala" (en castelán). Guatemala: Universitaria. 
  • Vallejo García-Hevia, José María (2008). Juicio a un conquistador, Pedro de Avarado "su proceso de residencia en Guatemala (1536-1538)" (en castelán). Marcial Pons Historia. ISBN 9788496467644.