Francisco Lloréns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Francisco Llorens»)
Francisco Lloréns Díaz
Francisco Lloréns, retrato en Vida Gallega, 1922.
NomeFrancisco Lloréns Díaz
Nacemento1874 e 10 de abril de 1874
 A Coruña
Falecemento1948 e 11 de febreiro de 1948
 Madrid
NacionalidadeEspaña
FillosEva Lloréns Rodríguez
Influenciado por
  • Román Navarro
  • Velázquez
  • Murillo
  • Rubens
  • Sorolla
  • Cézanne
  • editar datos en Wikidata ]

    Francisco Lloréns Díaz, nado na Coruña o 10 de abril de 1874 e finado en Madrid o 11 de febreiro de 1948, foi un pintor paisaxista galego.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Tumba de Francisco Lloréns no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

    Foi o menor de tres irmáns, fillo de industrial catalán e nai galega. Estudou na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde foi alumno de Román Navarro. En 1892 trasladouse á Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, onde tivo como profesor ao belga Carlos de Haes. Copiou obras de Velázquez, Murillo e Rubens, completando a formación, dende 1893, no taller de Joaquín Sorolla, de quen aprendeu a paixón pola luz na paisaxe. Alí coñeceu a outros pintores como Josep Benlliure i Gil ou Manuel Benedito Vives.

    En 1902 viaxou de bolseiro a Roma, pasando por Barcelona, onde coñeceu a Ramon Casas, Santiago Rusiñol, Antoni Gaudí e Enric Galwey. Na capital de Italia residiu catro anos e publicou as súas impresións no xornal coruñés El Noroeste, asinando Sor Checco.

    En 1903 percorreu París (onde quedou seducido por Paul Cézanne e o impresionismo) os Países Baixos e Bruxas, onde residiu preto dun ano antes de tornar a Italia e, en 1906 á Coruña, onde asistía con frecuencia aos faladoiros da súa amiga Emilia Pardo Bazán no pazo de Meirás.

    Exerceu con mestría o cartelismo. Chegou a facer propaganda para o Deportivo da Coruña, tomando como modelos as damas da alta sociedade.

    En 1943 foi nomeado académico numerario da Real Academia de San Fernando e catedrático de paisaxe. Adicáronlle artigos Wenceslao Fernández Flórez e Ramón Cabanillas, e foi designado académico de honra da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e membro correspondente da Real Academia Galega.[1]

    Poden contemplarse obras súas, entre outros, no Museo de Belas Artes da Coruña, na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e no Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

    Vida persoal[editar | editar a fonte]

    Casou en 1918 con Eva Rodríguez, de quen enviuvou en 1925, quedando con dúas fillas, unha delas Eva Lloréns Rodríguez.

    Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    Outros artigos[editar | editar a fonte]

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

    1. "Membros correspondentes". Real Academia Galega.