Francisco Iglesias Brage

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Franciso Iglesias Brage, nado en Ferrol o 21 de maio de 1900 e falecido en Madrid o 14 de marzo de 1973, foi un piloto de aviación, militar, enxeñeiro e explorador.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Francisco Iglesias Brage acadou sona internacional logo de intentar bater o record de distancia voo, en 1927. El e mais o aviador abulense Ignacio Jiménez Martín, saíron o 24 de marzo da base aérea de Tablada, en Sevilla, con dirección a Río de Janeiro. Pero o intenso vento acáballes co combustíbel, e teñen que acurtar a viaxe e aterrar en Salvador de Baía o 26 de marzo. O avión era un monomotor Breguet XIX GR-72 chamado Jesús del Gran Poder. Realizaron un percorrido de 6.540 km, para o que investiron 43,58 horas de voo ininterrompido. Non foi o record absoluto de distancia, senón segunda mellor marca, pero si que bateron o record de distancia absoluta percorrida sobre o mar.

Despois conseguiu sobrevoar os Andes, converténdose no primeiro piloto en facelo.

Datos posteriores sitúan a Francisco Iglesias Brage en Perú. Alí estaba Brage preparando unha expedición ao río Amazonas coa axuda do emigrante e libreiro Cesáreo Mosquera e do aventureiro Alfonso Graña que daquela xa vivía entre os indios xíbaros da selva peruana. Alí participa como mediador no conflito internacional entre Colombia e Perú, a chamada Guerra de Leticia, apoiando as posicións peruanas diante da Sociedade de Nacións. Froito de toda esta época é a ampla colección de obxectos, pezas etnográficas, unha serie de pequenos estudos sobre xeografía e botánica, brazais e colares de plumas, coroas de plumas negras de tucano, carcaxes, máscaras, cintos e frautas, que se conservan no Museo Nacional de Antropología de Madrid.

Despois, como enxeñeiro, participa no comezo da construción do aeroporto da Lavacolla, en Santiago de Compostela, en 1935

A Guerra[editar | editar a fonte]

A Guerra Civil vai facer esquecer definitivamente o proxecto de expedición ao Amazonas. Cando o golpe de estado de Franco, Iglesias Brage, que daquela era capitán de enxeñeiros, atópase en Ferrol, e ponse do lado nacional. Brage faise cargo na cidade das responsabilidades de tranvías e transportes.

O 8 de febreiro de 1937 as forzas nacionais toman a cidade de Málaga e Brage pasa a ser o responsábel do seu aeroporto. A base aérea emprégase fundamentalmente como centro de operacións loxísticas debido á grande distancia que había á fronte. Debido a esa posición de retagarda óptase por crear alí unha escola de aviación, da que é nomeado xefe o propio Brage, e que se inaugura o 9 de febreiro de 1938.

A enxeñería civil[editar | editar a fonte]

Despois do conflito é nomeado secretario xeral técnico do Exército do Aire, pero posteriormente pasa á vida civil, adícase fundamentalmente á enxeñería de aviación, e regresa para continuar os traballos de construción de Lavacolla, e en concreto, da pista norte-sur. Tamén naquel tempo é o promotor do Aeroclub de Santiago, que nace a raíz dunha convocatoria realizada por Brage nas oficinas do Exército do Aire en Santiago de Compostela. Será o seu primeiro presidente dende 1947 ata o 14 de maio de 1952.

En 1952 é xefe dos servizos de Aeroportos de Galicia, co grao de coronel, e supervisa o investimento e creación do aeroporto de Peinador.

En 1953 dirixe o proxecto do aeroporto de Alvedro, que aproba o consello de ministros o 11 de setembro, e que inclúe a construción dunha pista de voo de 1500 x 200 m e un aeródromo no outeiro de Alvedro despois de avaliar, e rexeitar, as mesmas posibilidades na Zapateira, no Burgo e na Laracha.

Está soterrado en Ferrol, no cemiterio de Catabois. No ano 2000, polo seu centenario, o concello de Ferrol tributoulle unha homenaxe. O seu arquivo e biblioteca pertence ao Arquivo do Reino de Galicia.

Outros galardóns[editar | editar a fonte]