Francisco García Moldes
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1910 O Grove, España |
Morte | 7 de maio de 1948 (37/38 anos) O Grove, España |
Actividade | |
Ocupación | mestre, político |
Partido político | Partido Galeguista |
Francisco García Moldes, finado no Grove o 7 de maio de 1948, foi un mestre e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Rematou a carreira de Maxisterio en 1934.[1] Militante nacionalista desde os días escolares en Pontevedra, foi un dos artífices da reactivación do Partido Galeguista no Grove en 1934. En febreiro de 1935 foi elixido bibliotecario do consello directivo do PG que presidía Xacobe Barral Otero. Afiliado á Federación de Trabajadores de la Enseñanza da UGT, participaba do sindicato de oficios varios do Grove. Foi correspondente administrativo de El Pueblo Gallego no Grove,[2] e colaborou en El País.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado mestre interino de Quintela (Crecente) a principios de setembro,[3] pero incorporouse ao exército fascista e foi promovido a xurídico militar. Axudou os republicanos procesados nos consellos de guerra, como Manuel Filgueira Filgueira, a quen salvou dunha morte segura. Unha vez licenciado, retornou ao maxisterio e foi mestre de Cambados en 1942.[4] Participou no Grove en actividades culturais, algunhas delas de carácter antifranquista, como a posta en escena da obra O señor Feudal, ou quen Matou ao Meco. Foi asasinado á unha da madrugada do 7 de maio de 1948 nun café da rúa Principal do Grove polo comandante de posto da Garda Civil e un falanxista apelidado Soto, que ordenaron ao dono do bar baixar os machetes da electricidade para deixar o local a escuras, abaténdoo con varios disparos, un deles na cabeza.[5]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en Pontevedra con Dolores Vilela Pereira en novembro de 1937.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Pueblo Gallego, 17-2-1934, p. 11.
- ↑ El Pueblo Gallego, 2-4-1934, p. 14.
- ↑ El Progreso, 13-9-1936, p. 3.
- ↑ El Noticiero Gallego, 4-2-1942, p. 3.
- ↑ Cilia Torna (5 de maio de 2018). "7M, 70 aniversario do asasinato do nacionalista Francisco García Moldes". Sermos Galiza.
- ↑ El Diario de Pontevedra, 24-11-1937, p. 2.