Francisco Domínguez Mosquera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco Domínguez Mosquera
FranciscoCelsayPaquito (1).jpg
Nacemento2 de abril de 1889
Lugar de nacementoSan Paio
Falecemento3 de outubro de 1937
Lugar de falecementoA Habana
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfilántropo
editar datos en Wikidata ]

Francisco Domínguez Mosquera, nado en San Paio (Lousada, Carballedo) o 2 de abril de 1889 e finado na Habana o 3 de outubro de 1937, foi un emigrante, galeguista e filántropo do primeiro terzo do século XX.

Foi coñecido por toda a Galiza nacionalista do período republicano como Pancho da Barrela[1] e na contorna como O rico de Sampaio.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emigrou a Cuba en 1904, onde se fixo cunha boa fortuna. En 1912 participou na fundación da sociedade "Chantada, Carballedo y sus comarcas” radicada na Habana e da cal chegou a ser presidente en 1924. Esta sociedade encargouse da construción das escolas de Merlán, A Laxe, e Vilaquinte[3]. De volta a España, o seu labor filantrópico foi recoñecido en 1928 cunha homenaxe en Madrid na que participou Gabriel Ricardo España, ex gobernador provincial de Ourense. Cos seus propios cartos construíu a escola de Santiago de Lousada, lugar onde naceu, e o camiño veciñal que vai de San Paio, ata a estrada da Barrela a Castro. Ademais, electrificou o seu lugar de nacemento[4].

Lugar de San Paio, cuxo camiño financiou Domínguez.

Colaborou nas actividades dos galegos en Cuba: En las distintas fiestas que organizó esta sociedad en beneficio de sus asociados, donaron distintos géneros y vinos, en evidente beneficio del tesoro social, el ex-presidente don Francisco Domínguez, dueño de uno de los más importantes establecimientos de víveres de la Habana[5]

Apoiou as actividades e publicacións do Seminario de Estudos Galegos. En xuño de 1934 organizou unha das principais excursións escolares do período para coñecer Galicia, a cal comezou cun banquete e discursos na Barrela en que participaron Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo, e Alexandre Bóveda. En agosto dese mesmo ano organizouse en Carballedo unha homenaxe ao "ilustre filántropo" para premiar " El tan abnegado patriotismo de tan altruista hijo de este pueblo”[6].

Tarxeta de visita.

Era membro do Partido Galeguista, do cal foi accionista, e participou como orador na campaña propagandista a prol do Estatuto de autonomía en Pereira, Chantada, Taboada, Carballedo e na Barrela con Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ánxel Fole, José María Díaz Díaz-Villamil, Xerardo Álvarez Gallego e outros. O 13 de outubro de 1935 asistiu á reunión das Mocidades Galeguistas en Celanova ("Figuran en la presidencia señoritas de los grupos femeninos de Orense y Allariz, el coro "Aires de Montaña" y el filántropo galleguista don Francisco Domínguez"[7]), en compañía de Alexandre Bóveda, Fernández del Riego e outros. Foi representante dos agrarios da comarca como presidente e fundador do Sindicato Agrario de Carballedo, cuxa casa de reunións construíu. En abril de 1936 foi proclamado compromisario para participar na elección do presidente da República, aínda que se retirou cando o Partido Galeguista pasou a ser parte da Fronte Popular. Estivo presente na Asemblea da Facultade de Medicina o 17 de maio de 1936, onde se declarou a convocatoria ao referendo sobre o Estatuto de Autonomía.

Deixou España o 4 de novembro de 1936 co seu fillo Paquiño. Canso soubo que o ían prender fuxiu por Portugal, o taxista que o levou ao volver foi asasinado. Faleceu no exilio na Habana en 1937 á idade de 48 anos.[1]

Francisco Domínguez é avó do lingüista estadounidense Frank A. Domínguez, profesor de lingua e literatura castelá na Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill[8].

Homenaxe en 2022[editar | editar a fonte]

A asociación cultural O Garabullo organizou unhas xornadas de homenaxe o día 26 de xuño de 2022.[9] No colexio da Barrela falaron o Alcalde de Carballedo Julio Yebra, Hita Gómez (O Garabullo), Uxío-Breogán Diéguez, Moncho Ermida e Frank Domínguez (neto do homenaxeado), presentados por Anxo González Guerra e coa música de Os Parentes (Sober). Descubriuse unha placa en San Paio, na casa onde naceu. Finalmente en Castro inaugurouse unha exposición e fíxose un xantar. En todos os actos estiveron presentes o neto, Frank A. Domínguez, coa súa muller e fillo.[10]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Certificado de nacemento. 
Domínguez e a súa esposa Celsa Fernández en 1924

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Diario, Nós (2022-06-02). "Carballedo recupera a memoria do filántropo nacionalista Francisco Domínguez". Nós Diario. Consultado o 2022-06-02. 
  2. Redacción (2022-06-02). "Homenaxe ao 'rico de Sampaio' en Carballedo". Xornal de Lemos. Consultado o 2022-06-02. 
  3. "La emigración española. Vida Española en el extranjero. Madrid 30 de mayo de 1919. p. 78". hemerotecadigital.bne.es. 
  4. "«Actividad galleguista»; Heraldo de Galicia, 4-VI-1934". bvg.udc.es. 
  5. Chantada, Carballedo y sus comarcas. Memoria de los trabajos efectuados por esta sociedad desde su fundación hasta la fecha 1912-1926. Imprenta “Aida”. Habana. 1927. 
  6. O Tea. 1935, 4 de outubro. 
  7. "El Pueblo Gallego, 17 de outubro de 1935". bibliotecagaliciana.gal. 
  8. "Frank Domínguez". academia.edu. 
  9. "Carballedo honra la memoria del indiano que electrificó A Barrela". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-06-01. Consultado o 2022-06-02. 
  10. Piñeiro, El Progreso de (2022-06-27). "Carballedo lembra cunha homenaxe a Francisco Domínguez". Miguel (en castelán). Consultado o 2022-07-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]