Francisco Bermejo Martínez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Francisco Bermejo Martínez
Nacemento17 de novembro de 1919
 A Coruña
Falecemento3 de xuño de 1992
 Santiago de Compostela
CausaInsuficiencia renal
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela e Universidade Complutense de Madrid
Ocupaciónfarmacéutico e químico
FillosXosé Carlos Bermejo Barrera e Pilar Bermejo Barrera
LinguaCastelán
EstudosLicenciado en Farmacia, licenciado en Ciencias, doutor en Ciencias
Profesiónprofesor de Farmacia, profesor de Química anatítica, catedrático de Química analítica
OrganizaciónUniversidade de Santiago de Compostela
editar datos en Wikidata ]

Francisco Bermejo Martínez, nado na Coruña o 17 de novembro de 1919[1][2] e finado en Santiago de Compostela o 3 de xuño de 1992,[2] foi un químico e farmacéutico galego, catedrático de Química analítica da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi profesor emérito.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Licenciouse en Ciencias Químicas e en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, doutorándose en Ciencias na Universidade Central de Madrid en 1944.[1][2]

Labor docente e investigadora[editar | editar a fonte]

Desde 1944 a 1948 foi profesor axudante na Facultade de Farmacia compostelá, e despois, por oposición, gañou a praza de profesor adxunto de Química analítica da Facultade de Ciencias da USC e, finalmente, en 1951, a de catedrático de dita disciplina da Universidade de Oviedo, de onde pasou por concurso de traslado á de Santiago, onde exerceu a docencia desde o curso 1951-1952 até a súa xubilación.[1][2]

Traballou na Sección de Química Analítica do Instituto Alonso Barba e no Instituto de Edafoloxía, ambos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Madrid, do que foi profesor agregado. Máis tarde foi xefe da sección de Química Analítica do Patronato Alfonso el Sabio, tamén do CSIC, da Facultade de Ciencias de Santiago. Nas súas investigacións especializouse no estudo das aplicacións dos quelatos á química analítica (especialmente do AEDT).[1]

O seu labor como ecoloxista[editar | editar a fonte]

Nos últimos tempos, o profesor Bermejo Martínez ocupouse tamén do estudo da contaminación e da ecoloxía, temas que tratou en distintas conferencias, así como en diversos artigos publicados na prensa galega.[3] En 1970 foi elixido presidente da Sección Técnica da Auga e da Contaminación Ambiental da Asociación nacional de químicos e enxeñeiros químicos de España (ANQUE) en Galicia.[1]

Neste sentido cómpre resaltar que en 1974 foi un dos membros fundadores da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), formando parte da súa primeira xunta directiva.[4]

Cargos desempeñados[editar | editar a fonte]

Foi director da biblioteca da Facultade de Ciencias da USC, e editor da revista Acta Científica Compostelana.[1]

Foi membro de numerosas sociedades científicas, como as:[1]

  • Society for Analytical Chemstry, do Reino Unido
  • The Chemical Society of London (Reino Unido)
  • Societé Chimique de France, de París
  • Gesellschaft Deutscher Chemiker (Sociedade Alemá de Química), de Frankfurt
  • Society for Aplied Spectroscopy, de Frederick, Maryland (EE.UU.)

Así mesmo formou parte do comité de redacción da revista Talanta, órgano da Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC).

Publicacións[editar | editar a fonte]

O doutor Bermejo Martínez publicou 65 artigos en revistas científicas, 11 artigos en libros colectivos e 10 libros. Ademais, dirixiu 36 teses de doutoramento.[5]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Foi o pai de Pilar, Javier e Xosé Carlos Bermejo Barrera.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Bermejo Martínez, Francisco Javier, na Gran Enciclopedia Galega, Tomo 3, Santiago / Gijón: Silverio Cañada, Editor, 1975. ISBN 84-7286-038-8.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Necrológicas. Francisco Bermejo, catedrático emérito de la Universidad de Santiago de Compostela. Diario El País, 5 de xuño de 1992.
  3. Moitos dos seus alumnos recordan as súas informacións sobre as praias da Coruña e de Santa Cristina (Oleiros), cuxaz augas analizaba todos os veráns nas súa vacacións, des que dicía que tiñan niveis de colibacilos moi superiores aos recomendados pola OMS para que foran declaradas aptas para o baño.
  4. Web da ADEGA.
  5. Francisco Bermejo Martínez en Dialnet.