Francesca Bonnemaison

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Francesca Bonnemaison i Farriols»)
Infotaula de personaFrancesca Bonnemaison

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(ca) Francesca Bonnemaison i Farriols Editar o valor em Wikidata
12 de abril de 1872 Editar o valor em Wikidata
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Morte13 de outubro de 1949 Editar o valor em Wikidata (77 anos)
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCamposanto de Montjuïc Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaBarcelona
Territet (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
RelixiónCatolicismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpedagoga , política , activista polos dereitos das mulleres Editar o valor em Wikidata
Partido políticoLliga Regionalista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua catalá e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeNarcís Verdaguer i Callís

Francesca Bonnemaisson Farriols,[1] nada en Barcelona o 12 de abril de 1872 e finada na mesma cidade o 13 de outubro de 1949,[2] foi unha pedagoga, escritora e promotora da educación popular feminina catalá.[3]

Foi mecenas e creadora da Biblioteca Popular de la Dona en 1909 no barrio de Sant Pere de Barcelona. Foi o núcleo do que logo sería coñecido como Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona,[4] coloquialmente La cultura.[5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi filla de Gil Bonnemaison, nado en Sant Pere dels Forcats, Cataluña do Norte, e de Agustina Farriols i Ràfols, propietarios dun dos negocios máis prósperos da cidade, unha tenda de roupa situada na Rambla de Catalunya.[6] Tivo unha intensa educación relixiosa e aprendeu idiomas, debuxo, pintura e música.

O 29 de outubro de 1893[7] casou con Narcís Verdaguer i Callís, o que a levou a coñecer a Francesc Cambó. Con este, mantivo unha fonda amizade e relación epistolar durante toda a súa vida.

Entre 1894 e 1898 o matrimonio publicou un cento de versións longas de fábulas, lendas e contos populares de diversa orixe en La Veu de Catalunya, un semanario catalanista que cofundara Narcís co pseudónimo de Franar (Fra de Francesca e Nar de Narcís).

En 1909 o párroco da parroquia de Santa Anna, Ildefons Gatell, propúxolle dirixir a biblioteca parroquial benéfica denominada Obra de Buenas Lecturas, facendo amais unha doazón de 100 libros e 500 pesetas para poñela en funcionamento. A biblioteca abriu o 28 de marzo de 1909, e a propaganda destacaba que se trataba dun espazo “de entrada libre para todas as mulleres”. Deixaba claro así que estaba destinada a un público feminino, independentemente da súa condición social.[6]

Inicialmente a biblioteca tiña un horario de apertura moi limitado, só dúas horas e media os domingos e festivos, cunha cota de socios de 0,10 pesetas ao mes ou 1 peseta ao ano. Ao remate da misa, mulleres de diferentes condicións sociais reuníanse neste espazo e conversaban entre elas, libres da supervisión dos seus maridos. Axiña esta biblioteca tivo un éxito sen precedentes e Francesca decidiu transformala no Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona, centrada na educación e a promoción da muller dende o catalanismo e o catolicismo social. Esta nova biblioteca, que se trasladou da parroquia de Santa Anna ao número 12 da rúa Elisabets,[7] destacou dende o principio polo seu dinamismo. Foi a primeira deste tipo en Europa, ao adiantarse á fundación da Fawcett Library (1926) de Londres e a da Biblioteque Marguerite Durand (1931) de París.[6]

O fondo da biblioteca non deixou de medrar grazas ás doazóns, subvencións e axudas. En 1911 xa contaba con 5.000 volumes. Ao tempo que aumentaba o fondo e os membros, medraba tamén a oferta do centro. Mulleres de calquera clase social podían ler novelas, ensaios ou libros especializados, estudar cos mellores expertos, asistir a congresos ou mesmo aprender idiomas ou materias técnicas e científicas. Todas as actividades eran de balde nun momento en que as mulleres aínda non tiñan fácil acceso á universidade. A institución chegou a ter un bar e un restaurante, o que permitía ás mulleres gozar dunha liberdade absolutamente atípica na época.[6]

En 1918 morreu o seu marido, Narcís, e ela decidiu dedicarse plenamente ao seu proxecto. En 1922, o presidente da Mancomunitat de Catalunya, Josep Puig i Cadafalch, inaugurou nunha cerimonia solemne o novo edificio do Institut, situado na rúa Sant Pere Més Baix, nunha antiga casa medieval que pertenceu á familia Bielsa. Francesca non se limitou a ficar aí e adquiriu uns terreos en Badalona, á beira do mar, para que as mulleres puidesen realizar clases de natación. Deste xeito incorporou o deporte ao seu proxecto.

Amais, o Institut contaba cunha bolsa de emprego que incluía moitas empresas e que de media conseguía colocar unhas 1600 mozas ao ano. Para dar a coñecer a Institución, Bonnemaison encargouse de que dúas revistas, Claror e Vida Social Femenina, e un programa radiofónico quincenal emitido por Radio Associació de Catalunya, explicasen e comentasen as diferentes actividades que realizaban.[6]

II República[editar | editar a fonte]

Coa proclamación da República involucrouse na vida política. Participou en campañas a prol do sufraxio feminino (1931) e fíxose cargo da organización feminina da Lliga Rexionalista[8] (1932) a petición do seu amigo Francesc Cambó. Foi unha das primeiras mulleres en presentarse como candidata ás eleccións municipais de 1934, malia non ser elixida. Entre maio de 1935 e xuño de 1936 puxo en marcha a revista Claror, portavoz do reformismo feminista propugnado polo Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona. Nela colaboraron mulleres de gran prestixio como Rosa Sensat, Lola Anglada, Aurora Bertrana ou ela mesma.[9] Antes da Guerra Civil española, o fondo do Institut contaba con 23.000 volumes e polas súas aulas pasaran estudantes tan destacadas como Concha Espina, Maria Domènech de Cañellas ou Maria Montessori. O curso 1934/35 contou con máis de 6.200 alumnas.[6]

Guerra civil[editar | editar a fonte]

Tralo estalido da Guerra Civil refuxiouse en Territret, en Montreux (Suíza), preto do seu afillado Cambó. Exerceu como secretaria deste[7] e non regresou a Barcelona ata 1941. Desde entón, e até a súa morte, desvinculouse do Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona. Na súa ausencia, este, fora cedido á Deputación de Barcelona e transformado nun centro da Falange Española. Foi rebautizado como Institución de Cultura para la Mujer de la Sección Femenina de FET y de las JONS e centrou as súas actividades na participación en actos culturais e relixiosos de carácter catalanista e alleos ao réxime franquista.

Fondo persoal[editar | editar a fonte]

No Arxiu Nacional de Catalunya consérvase o fondo Narcís Verdaguer Callís - Francesca Bonnemaison. Inicialmente mantívose no domicilio particular dos produtores até o estalido da Guerra civil. Foi salvado do saqueo por parte de varios familiares e finalmente rescatado por Ramón Rucabado i Comerma, marido de Clara Verdaguer, sobriña da produtora. As irmás Roser, Montserrat e Mariàngela Rucabado i Verdaguer, herdeiras e propietarias do legado dos seus pais, Ramon Rucabado e Clara Verdaguer, conservaron a documentación até o seu ingreso na ANC.

O material de Narcís Verdaguer i Callís inclúe:

O material de Francesca Bonnemaison inclúe:

  • Documentación académica e outra documentación persoal.
  • Obra creativa (poemas).
  • Biblioteca e hemeroteca que reúne un conxunto de monografías e publicacións periódicas de temática cultural xeral.
  • Escritos sobre a produtora. Neste apartado destaca a documentación xerada e recibida polo Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona, que inclúe estatutos, memorias, actas de xuntas e consellos, programas e publicacións diversas.[10]

Legado[editar | editar a fonte]

Francesca Bonnemaison foi votada nun proceso participativo en marzo de 2010 en Palafrugell como unha das mulleres que merecen unha rúa.[11] Actualmente existe un centro cultural que leva o seu nome, así como unha biblioteca municipal en Barcelona.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pabón 1999, p. 67
  2. "Necrológicas". La Vanguardia (en castelán) (26859) (Barcelona). 14 de outubro de 1952. p. 16. Consultado o 2 de outubro de 2022. 
  3. "Francesca Bonnemaison i Farriols". Enciclopèdia.cat (en catalán). Consultado o 2 de outubro de 2022. 
  4. González i Villalta 2007, p. 124
  5. Marimon, Sílvia (8 de xaneiro de 2017). "Diners per a la cultura catalana a contracorrent i de resistència". Ara (en catalán). Consultado o 2 de outubro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Riera, Anna (26 de marzo 2014). Dones amb empenta (en catalán) (1ª ed.). Robinbook. p. 35-40. ISBN 9788494113185. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Pessarrodona, Marta (2006). Donasses. Protagonistes de la Catalunya moderna. Barcelona: Destino. p. 44-54. ISBN 9788497100854. 
  8. Gil, Rosa Maria (2019). Elles també hi eren. Història de les dones de la Casa Masó (1830-2015). Biblioteca Fundació Valvi (32) (en catalán). Xirona: Curbet Edicions. pp. 209–217. ISBN 9788494999581. 
  9. Bonnemaison, Francesca (maio de 1935-xuño de 1936). "Claror". Claror: publicació de l'Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona. 
  10. "Fons ANC1-152 / Narcís Verdaguer i Callís - Francesca Bonnemaison". Arxiu Nacional de Catalunya. Consultado o 4 de outubro de 2022. 
  11. Puig, Evarist (febreiro de 2011). "Les dones esperantistas de la Vila". Revista de Palafrugell (Palafrugell) (208): 23. 
  12. "Biblioteca Francesca Bonnemaison". Ajuntament de Barcelona. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]