Fotoproteína
As fotoproteínas son un tipo de encimas producido por organismos bioluminescentes. Axudan ao funcionamento das luciferinas, cuxa reacción usual produtora de luz é catalizada polo encima luciferase.
Historia
[editar | editar a fonte]O termo fotoproteína foi primeiramente usado para decribir a infrecuente química do sistema luminescente de Chaetopterus (un verme poliqueto mariño).[1] Isto servía para distinguila doutras proteínas produtoras de luz porque estas non exhiben a reacción usual luciferina-luciferase.[2]
Cinética da reacción
[editar | editar a fonte]As fotoproteínas non presentan unha cinética encimática típica como a observada nas luciferases. Ao contrario, cando se mesturan coa luciferina, mostran unha luminescencia proporcional á cantidade de fotoproteína. Por exemplo, a fotoproteína aequorina produce un flash de luz cando se engaden a luciferina e o calcio, en vez dun resplandor prolongado que presentan as luciferases cando se engade luciferina. Nese sentido, pode parecer que as fotoproteínas non son encimas, cando de feito realmente catalizan as súas reaccións de bioluminescencia. Isto débese ao paso catalítico rápido, que produce a luz, e a un paso de rexeneración lento, onde se libera a oxiluciferina e outra molécula de luciferina pode despois unirse ao encima.[3] Debido ao paso cineticamente lento, cada molécula de aequorina debe "recargarse" con outra molécula de luciferina antes de que esta poida emitir luz de novo, e isto aparenta como se non estivese comportándose como un encima típico.
As fotoproteínas forman un complexo estable luciferina-fotoproteína, a miúdo ata a adición doutro factor necesario como o Ca2+ no caso da aequorina.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Shimomura, O. "Bioluminescence: Chemical Principles and Methods" World Scientific Publishing Co., 2006.
- ↑ Harvey, E.N. "Bioluminescence" Academic Press., 1952.
- ↑ Shimomura O, Johnson FH (1975). "Regeneration of the photoprotein aequorin". Nature 256 (5514): 236–238. Bibcode:1975Natur.256..236S. PMID 239351. doi:10.1038/256236a0.