Fotografía química

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A fotografía química é a fotografía tradicional ou clásica en comparación coa máis recentemente aparecida fotografía dixital. Baséase en procedementos físico-químicos para a obtención e o procesado das imaxes.

Para a obtención de imaxes fotográficas, en branco e negro neste caso, empréganse película onde o elemento sensible á luz é o haloxenuro de prata, en suspensión en xelatina moi pura. O tamaño e cantidade dos cristais de haloxenuro de prata determinan a sensibilidade da película, comunmente chamada velocidade, a cal está normalizada e exprésase en graos ISO. Cando se abre o obxectivo por un breve instante, a luz incide sobre a película e deixa sobre ela a impresión da imaxe, que neste punto recibe o nome de imaxe latente, que se irá descompoñendo a partir dese momento ata ser revelada. En realidade a luz dá inicio a un proceso físico-químico producindo un punto de sensibilidade no haloxenuro de prata, obtendo así unha imaxe latente, o que posteriormente, cando a película se somerxa no revelador, mediante un proceso de oxidorredución, ocorrerá a transformación do haloxenuro en prata metálica negra, obténdose así unha imaxe visible. O proceso de revelado da película branco e negro consta de catro pasos básicos: revelado, paro e lavado, fixado e lavado. A imaxe así obtida é un negativo, isto é, os valores de luz están invertidos con respecto ó orixinal

Unha vez seca, desta película ou "negativo" pódense facer copias sobre papel ou ben sobre outra película, en cuxo caso obteremos unha diapositiva ou positivo translúcido que nos permitirá observar a fotografía por proxección ou transparencia. As imaxes obtidas, ó inverter novamente os valores de luz, por ampliación ou contacto, dannos como resultado un "positivo". A este proceso se lle chama positivado.

Se utilizamos na cámara unha película especialmente tratada, "para diapositivas", obteremos as imaxes directamente en positivo ó revelar a película.