Formación rochosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raouché ou rocha das Pombas, en Beirut, Líbano.
Arco Druída no Parque nacional de Canyonlands, Utah, EUA.
Pirámides de fadas en Đavolja Varoš (a Cidade do demo) Serbia.
Montaña Aleluia de Avatar en Wulingyuan, China.

Unha formación rochosa, en xeomorfoloxía, é un accidente que describe afloramentos rochosos illados, que en xeral destacan polas súas cualidades paisaxísticas. Son xeralmente o resultado da meteorización e a erosión que foron esculpindo a rocha existente. O termo pode referirse tamén a determinados estratos sedimentarios ou a unha unidade de rocha noutros estudos estratigráficos e petrolóxicos.

Pode orixinarse unha estrutura rochosa peculiar en calquera tipo ou combinación de rochas:

  • As rochas sedimentarias foron creadas a partir de fragmentos de rochas que se desprenderon doutras rochas por erosión eólica e hídrica, e que logo foron depositados polo vento, o xeo ou a auga. A erosión deixounas expostas logo na súa forma actual. Un exemplo son as formacións do Parque nacional do Canyon Bryce, en Utah.
  • As rochas metamórficas creáronse por rochas que se transformaron noutro tipo de rochas, xeralmente debido á calor e presión. Un exemplo son as Seneca Rocks en Virxinia Occidental.
  • As rochas ígneas creáronse cando a rocha fundida arrefriou e solidificou, con ou sen cristalización. Poden ser plutónicas ou extrusivas. De novo, foron as forzas erosivas as que esculpiron as súas formas actuais. Un exemplo é o Half Dome do Parque nacional de Yosemite.

Os xeólogos crearon unha serie de termos para describir as diferentes estruturas de rochas na paisaxe que se poden formar por procesos naturais, moitas delas de uso local que describen accidentes xeomorfolóxicos máis ou menos similares con certas particularidades rexionais:

Formación rochosa, afloramento rochoso e formación xeolóxica[editar | editar a fonte]

Un afloramento é simplemente as rochas non cubertas por un solo ou outras rochas, un lugar onde estas poden verse. O concepto de formación rochosa non é sinónimo de afloramento, aínda que todas as formacións rochosas son afloramentos de rochas. Unha formación rochosa, para os xeomorfólogos, é un lugar con rochas que presentan algunha peculiaridade xeomorfolóxica ou paisaxística, mentres que un afloramento rochoso corresponde a calquera rocha in situ visible en superficie, teña peculiaridades ou non as teña.

Tampouco se debe confundir formación rochosa con formación xeolóxica, que é unha área con características litolóxicas determinadas comúns, que pode ter bastante extensión.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.