Fontes Inediti Numismaticae Antiquae
| Fontes Inediti Numismaticae Antiquae | |||||
|---|---|---|---|---|---|
| |||||
| |||||
| |||||
| Wikidata |
O Fontes Inediti Numismaticae Antiquae (FINA) é un proxecto internacional que ten como obxectivo recompilar, ler, estudar e publicar evidencias textuais non impresas relacionadas con moedas antigas producidas antes de 1800.[1]
Descrición xeral
[editar | editar a fonte]FINA creouse informalmente en 2011, no marco dunha reunión na Academia de Ciencias e Humanidades de Berlín-Brandeburgo para o para o simposio internacional Translatio Nummorum. Römische Kaiser in der Renaissance (16 a 18 de novembro de 2011).[1]
O contexto da creación de FINA ten unha perspectiva dobre: en primeiro lugar, un interese xeral crecente polas antigüidades e a historiografía, do que a numismática forma parte importante; en segundo lugar, unha conciencia crecente de que, ata o momento, os estudos sobre numismática antiga se baseaban principalmente en libros impresos, que —malia seren moi numerosos— supoñen só unha pequena parte da información dispoñible para os investigadores.[1][2]
Con esta conxuntura de partida, o obxectivo de FINA é, xa que logo, recompilar, ler, estudar e publicar fontes non impresas relativas á numismática antiga, principalmente das antigas Grecia e Roma.[3]
A data final de 1800 escolleuse para o proxecto non só por razóns prácticas, senón tamén porque coincide coa proximidade da morte de Joseph Hilarius Eckhel (1737-1798), o considerado "pai da numismática". Ao final da súa vida, Eckhel publicou a Doctrina numorum veterum en oito volumes (Viena, 1792-1798), que se converteu na obra fundamental da numismática antiga para os séculos seguintes e supuxo un punto de inflexión para a disciplina.[4]
Ademais da gran cantidade de nova información sobre temas numismáticos que achega FINA, o proxecto demostra ser tamén importante nunha perspectiva máis ampla, xa que engade información para reconstruír a historia das ideas dentro de cada rede social académica.[5]
En 2015, FINA presentouse oficialmente á comunidade académica durante o 15º Congreso Internacional de Numismática, en Taormina, Italia,[6] o que xerou un gran interese no ámbito numismático, e inspirou a creación do proxecto Fontes Inediti Numismaticae Orientalis (FINO), que se presentou por primeira vez en 2017, durante o 5º Simposio Simone Assemani de Numismática Islámica.[7]
FINA recibiu o apoio oficial da Unión Académica Internacional,[8] así como o da Academia de Ciencias de Austria, da Academia Real de Bélxica, da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, da Academia de Ciencias e Humanidades de Berlín-Brandeburgo e da Unión Académica Nacional de Italia.[4]
Comité fundacional de FINA
[editar | editar a fonte]Na reunión que tivo lugar en Berlín en 2011, na que se constituíu informalmente FINA, estaban presentes:[1]
- Michael Alram, do Kunsthistorisches Museum, vicepresidente da Academia Austríaca de Ciencias, Viena, Austria.
- François de Callataÿ, da Biblioteca Real de Bélxica, Bruxelas.
- John Cunnally, da Universidade Estatal de Iowa, Estados Unidos.
- Ursula Kampmann, divulgadora numismática, de Lörrach, Alemaña.
- Federica Missere Fontana, do Centro de Estudos Muratoriani, Módena, Italia.
- Ulrike Peter, da Academia de Ciencias e Humanidades de Brandeburgo, Berlín, Alemaña.
- Bernhard Woytek, da Academia Austríaca de Ciencias, Viena, Austria.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 De Callataÿ, F. (2016). Páxina 163.
- ↑ Williams, D. (2015).
- ↑ De Callataÿ, F. (2016). Páxina 164.
- 1 2 De Callataÿ, F. (2016). Páxina 165.
- ↑ "About". Fina.oeaw.ac.at
- ↑ Kampmann, U. (2015). "15th International Congress in Taomina". En Münzen Woche (coinsweekly.co). 1 de outubro.
- ↑ "5th Simone Assemani Symposium on Islamic Numismatics Approaching". En Münzen Woche (coinsweekly.com). 23 de agosto.
- ↑ "Projects. Sectionm 2: Greek & Roman World". Union Académique Internationale (uai-iua.org).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Williams, D. (2015). "Reflections on the history of numismatic research: exploring the life and work of Joseph Eckhel (1737-1798) through the lens of FINA (Fontes Inediti Numismaticae Antiquae)". En International Numismatic Council INC Compte Rendu. 62. Páxinas 73-78.
- De Callataÿ, F. (2016). "Fontes Inediti Numismaticae Antiquae : présentation succincte d’un nouveau projet antiquaire". En Anabases, 23. Páxinas 163-168.
- De Callataÿ, F. (2017). "Fontes Inediti Numismaticae Antiquae (FINA) a short presentation". En Caccamo Caltabiano. M. et al. (eds.). XVth International Numismatic Congress. Taormina. Proceedings, I, Messina. Páxinas 95-99.