Fondo cotizado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura



Os fondos cotizados, máis coñecidos como ETF (de Exchange-traded Funds), son cestas de valores compostas por accións que replican normalmente índices ou sectores determinados. A diferenza cos fondos de investimento tradicionais radica en que son fondos que cotizan como calquera outra acción.

Unen, por tanto, dous métodos populares de investimento: proporcionan a axilidade e os baixos custos operativos das accións, pero ademais proporcionan a diversificación dos fondos de investimento.

A flexibilidade dos fondos cotizados é tal que incluso existen opcións e produtos derivados sobre estes.

Como debilidade respecto ós fondos de investimento cómpre dicir que os fondos cotizados non gozan da actual fiscalidade vantaxosa dos primeiros, isto é, a posibilidade de transferir dun fondo a outro sen tributa-los impostos (os fondos tradicionais permiten operar coas plusvalías dos fondos sen ter que aboar as retencións fiscais ata o momento da liquidación do fondo).

Outro método de investimento de crecente popularidade son os fondos de investimento libre ou Hedge Funds. Estes fondos buscan unha maior rendibilidade á custa dunha maior opacidade de cara ó investidor, ao dotar o xestor do fondo dunha maior liberdade operativa para acadar a dita rendibilidade. Non obstante, estes fondos son máis parecidos ós fondos de investimento tradicionais, dado que non cotizan.

Comparativa cos fondos de investimento tradicionais[editar | editar a fonte]

  • Dous métodos de obter beneficio: revalorización do fondo (mediante a revalorización dos seus activos) ou revalorización da cotización do fondo (pola oferta e a demanda). Normalmente esta última irá asociada á primeira, pero poden xurdir ocos que se traduzan en oportunidades.
  • Transparencia e maior liquidez: ó entrar ou saír dun fondo de investimento tradicional, ó investidor adxudícaselle o prezo ao pechamento da sesión, non no momento de introducir a orde. Isto fainos malas ferramentas en escenarios de elevada volatilidade. Pola contra, nos fondos cotizados, sabemos en calquera momento o prezo ao que cotizan, sendo este o prezo ó que poderemos entrar ou saír, de desexalo.
  • Maior diversificación: normalmente, os fondos cotizados van replicar índices enteiros ou un gran número de accións dun sector determinado, o que se traducirá nunha elevada diversificación do investimento, moito maior normalmente da dos fondos de investimento. Isto proporciona unha menor exposición ós problemas dunha empresa en particular.
  • Independencia dun xestor do fondo: os fondos tradicionais dependen dun ou varios xestores que deciden que valores e en que cantidade compoñen o fondo en cada momento, rotando os activos frecuentemente. Isto provoca unha gran dependencia entre a rendibilidade do fondo e a habilidade do seu xestor. Nos fondos cotizados desaparece a figura do xestor: somos nós quen eliximos o fondo que queremos e os seus compoñentes non van variar dende a súa constitución.
  • Menores custos de xestión: as comisións de xestión dun fondo de investimento rolda o 1,75% de media, mentres que no caso dos fondos cotizados van normalmente dende 0,05% ata o 0,2% e nalgúns casos son consideradas como accións coas súas mesmas comisións.