Miden uns 13cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de entre 17 e 21cm. Os adultos pesan entre 10 e 15 g. A parte superior é castaña agrisada con marcas escuras, a inferior é amarelada. Teñen a gorxa abrancazada. Na cabeza amosa un "pucho" negro e ten unha marca superciliar ou cella de cor gris clara. A coloración dos dous sexos é semellante. O bico é aguzado.
Cría en Europa e no leste e centro de Asia. É unha ave migratoria de longa distancia. Os exemplares europeos, presentes no continente entre abril e outubro, pasan o inverno ó sur do Sáhara, unha viaxe de ata 6.000km para a que deben acumular boas reservas de graxa.
O seu hábitat son as xunqueiras e a vexetación mesta das beiras de ríos, lagos, pantanos e outras zonas acuáticas.
Maduran sexualmente ó ano de vida. En Europa a forza da estación de cría sitúase entre maio e xullo. As femias fan un niño recuberto de follas e herbas entre a vexetación mesta, a pouca altura sobre da auga. Nel poñen entre 4 e 6 ovos averdesados con manchas amarelas e agrisadas, que chocan unhas dúas semanas. Os polos están en condicións para voar cando teñen 10 ou 12 días.