Folla engurrada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folla engurrada do pexegueiro (nectarina).

A folla engurrada do pexegueiro é unha enfermidade criptogámica do pexegueiro e da amendoeira, por mor do fungo Taphrina deformans (ascomiceto) que produce deformacións nas follas, podendo causar importantes danos ás árbores produtoras de pexegos e nectarinas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Adoita atacar ás follas novas, aínda que ás veces tamén a follas vellas e incluso aos froitos. As follas infectadas cambian a cor, tornándose normalmente vermellas ou verde pálido. Porén o máis característico é que se engurran e enrolan.

A evolución natural da doenza remata co encoirado, murchado e caída das follas, a finais de xuño ou primeiros de xullo. Ademais as pólas terminais fenecen, polo que supón un problema para o desenvolvemento do froito tanto do ano da infección coma o seguinte. A árbore enfraquece e incluso pode causar a morte se se repite ano tras ano.

O tempo frío e húmido durante o desenvolvemento das follas é favorábel á proliferación do fungo.

Prevención e tratamento[editar | editar a fonte]

A prevención pasa por tirar os froitos podres, enterrar as follas infectadas e facer cada ano unha boa subministración de compost ao pé da árbore. Evitar tamén podas e feridas nos pexegueiros.

Os tratamentos con extractos de allo, zinc e cobre tamén semellan ser efectivos. O máis habitual e facer a finais do outono, cando todas as follas caeron, unha pulverización con cobre e zinc. Só os tratamentos preventivos son efectivos, e os tratamentos unha vez abran os gomos ou durante o verán son ineficaces.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]